Día internacional contra a explotación sexual
Pérez Freire, Lourdes - jueves, 24 de septiembre de 2015
Día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e nenas
En Dhaka, Bangladesh, no 1999, instaurouse o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e nenas.
A explotación sexual é un gran negocio para as mafias que captan, secuestran, violan e obrigan a prostituírse a milleiros de mulleres e adolescentes cada día no mundo. É un negocio próspero, non só para as mafias e proxenetas, senón tamén para os estados.
A nivel mundial, as mulleres son as principais vítimas da trata de persoas co fin de explotación sexual. É este o maior negocio, despois do tráfico de armas. Coma sempre, é o resultado da inxustiza, da explotación dos seres humanos por outros máis poderosos. E as mulleres e nenas son os seres máis vulnerables a ser captadas, pola situación de pobreza e miseria extrema na que viven moitos millóns delas no mundo. Tamén polos desprazamentos provocados polas guerras e conflitos armados, que os poderosos provocan, en defensa dos seus intereses. Por outra banda, as políticas represoras da Unión Europea, en materia de inmigración e asilo, como se está vendo nestes días, provocan o aumento das mafias.
A educación sexista e a cultura do consumo do sexo pagado (recordemos o típico comentario: é o oficio máis vello do mundo), aumenta, cada día, baixo a permisividade dos gobernos, e a complicidade da sociedade. Calquera de nós saímos a rúa para manifestarnos en contra de calquera inxustiza que vivamos. En porén, pasamos, tranquilamente, por diante dun prostíbulo, sen inmutarnos, sabendo que, neses lugares, estase atentando contra a dignidade das mulleres.
É difícil mirar para outro lado sabendo que, só no estado español, hai miles de prazas en hoteis, pisos, locais, rúas, prazas, polígonos industriais, etc., dedicados á prostitución. Esta é a realidade de miles de mulleres explotadas, escravas sexuais, sen ningún dereito, ás que se lles arrebatou unha vida que xamais recuperarán.
A maioría das vítimas son estranxeiras(aínda que, coa crise, aumentou moito o número de españolas), en situación irregular, que, aparte do terror que senten aos proxenetas e empresarios, elles moi difícil denunciar, porque, automaticamente, son expulsadas do país por ilegais. Por outra banda, o goberno retirou a cobertura sanitaria ás persoas sen permiso de residencia, e estas mulleres padecen graves problemas sanitarios, que requiren tratamentos, que a sanidade pública non lles proporciona.
Pero, toda esta inxusta e penosa situación que viven estas mulleres non evita que eses homes, os clientes, os verdadeiros responsables de que exista a prostitución(coa conivencia de empresarios do sexo e gobernos de turno), asuman que están contribuíndo a que existan escravas do século XXI.
É vergonzoso que, aquí, en Galicia, non hai moito tempo, algún prostíbulo subvencionaba a un equipo de fútbol. E algún outro saía anunciado no programa dunha comisión de festas.
Desgraciadamente, as únicas políticas que se están levando a cabo contra a explotación sexual é sancionar ás mulleres, co fin de limpar as rúas.
É moi importante unha educación afectivo-sexual baseada no respecto e na igualdade, non na represión. E a Igrexa ten moito que ver neste tema. Só se preocupa de ditar normas de conduta represoras, que non conducen a un desenvolvemento san e integral da persoa. E maniféstase contra calquera lei que favoreza a liberdade das mulleres. En porén, non denuncia a existencia de prostíbulos nin de prácticas que atentan contra a dignidade delas.
Finalmente, desde a Uned Senior de Xestoso, manifestámonos en contra de calquera forma de explotación de mulleres e menores. E esiximos ao goberno a protección e reinserción das vítimas, así como a persecución de proxenetas, empresarios e clientes. Que non miren para outro lado. Que elaboren leis xustas e que as fagan cumprir.
Mª Lourdes Pérez Freire, alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne.

Pérez Freire, Lourdes