Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Señor da cor

martes, 22 de septiembre de 2015
Antón Pulido podería ter sido tenor de fama, contador oral de amplo renome, pontífice ou purpurado e mesmo poderoso base do mellor equipo de baloncesto, pero os galegos tivemos a sorte de que a súa temperá O Señor da corinclinación pola pintura fixese del quen hoxe é, un dos artistas galegos máis importantes das últimas décadas.

Non hai actividade no oficio de ollar e plasmar as cores do mundo que Pulido non teña domeado: gravador, pintor, deseñador, cartelista, ilustrador de libros ou portadista, en todos e cada un destes ámbitos tense revelado como un mestre de portentosa imaxinación e marabilla técnica.

Somos moitos os que nestes anos temos chegado á conclusión certa de que, sen Pulido, a Arte de noso brillaría con menor intensidade. Sabedores desta verdade, os responsables da Fundación Otero Pedrayo decidiron distinguilo coa concesión do Premio Trasalba 2015. A entrega de tan meritorio galardón tivo lugar días atrás no pazo familiar do autor de Arredor de si, o que debeu de resultar para o premiado un feito especialmente emotivo, pois era ‘na súa casa’ onde se celebraba o evento, fillo como é de Bóveda de Amoeiro, pé do lar grande do polígrafo ourensán.

Pois ben, unha das iniciativas máis lucidas do Premio Trasalba consiste na publicación dun volume de homenaxe que se ofrece ao galardoado e que, como non podía ser doutra maneira, se tira do prelo da Editorial Galaxia. O libro colectivo que con tal motivo se imprentou este ano leva por título Cantiga de fonte limpa e colaboraron nel moitos dos mellores amigos e coñecedores da vida e a obra de Pulido, ao tempo que se escolmaron xuízos críticos sobre o seu quefacer doutros moitos. Deste xeito, na obra van da man os seus benqueridos compañeiros Bieito Ledo (autor da laudatio ao homenaxeado) e Xesús Alonso Montero (quen lle prodiga merecidas gabanzas ao tempo que lle traza unha acaída semblanza) e diversos comentaristas da súa produción, como X. M. García Palmeiro, Salvador García-Bodaño, Xosé Ramón Pena ou Luís Rei, amais dalgúns amigos que o honran cos seus versos, como Luís González Tosar.

O volume ten como cerna unha xenerosa fotobiografía que recupera O Señor da corinstantáneas que rexistran rostros e escenas que van dende os anos da infancia ata a actualidade, pasando polos principais socalcos profesionais e o moi extenso viveiro de amizades que honran o autor. A completa cronobiografía que detalla os sucesos clave no curso da súa vida deixa paso, como remate visual do libro, a unha escolma dalgúns dos seus cadros, grupos pictóricos e (auto)retratos máis aplaudidos, o que converte este Cantiga de fonte limpa non só nun xeitoso guieiro para o coñecemento da biografía e obra de Pulido, senón tamén nun selecto pero moi gorentoso mostrario da súa estética.

En 1972, nun texto que neste libro se recolle e reproduce tamén facsimilarmente, Ramón Otero Pedrayo afirmou de Pulido que este “degraña a beleza das cousas como quen colle a rosa sen mancar a roseira”. Podería dicirse con máis palabras, pero non mellor, pois o mestre de Bóveda de Amoeiro tira á luz as sombras todas que abisman no ser das cousas e esa maxia podente está ao alcance só dos elixidos, como o Señor da cor.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES