Portugal
em Frente?
Ríos, Xulio - martes, 22 de septiembre de 2015
Comenza a campaña electoral para o 4 de outubro
Algunhas enquisas para as eleccións portuguesas do próximo día 4 de outubro destacan a sólida resistencia da coalición PSD/CDS-PP co 41 por cento dos sufraxios contra o 34 por cento do PS, a pesar destes duros anos de camiño sen máis política económica que a empobrecerse, reducir salarios e aumentar a precariedade. Mentres, o Bloco de Esquerda recibiría o 8 por cento, a CDU restaría cun 7 por cento.
Sorprende, en calquera caso, que ata un 32 por cento dubide a quen votar ao que habería que sumar un 10 por cento que se nega a responder, é dicir, un 42 por cento non desvela as súas intencións co que o seu peso será determinante para o resultado final. Outras sondaxes sitúan ao PS por diante cun 35,5 por cento contra un 34 do PSD/CDS-PP, situando a CDU en terceira posición cun 10,3 por cento.
Os signos da controversia electoral son coñecidos. O PS, por boca de Mário Centeno, coordenador do programa económico, descualifica o austericidio aplicado polo gabinete de Passos Coelho. Outro tanto asegura o Bloco de Catarina Martins e a CDU do incombustible Jerónimo de Sousa, se ben discordan das propostas do PS. Desde o Funchal, o PDR de Marinho e Pinto clama contra a invisibilidade das súas propostas
O mais recente debate (o debate das radios) entre Passos Coelho e António Costa, líder do PS, foi seguido por 1,3 millóns de persoas, unha audiencia que se considera histórica (un 15,4 por cento dos portugueses maiores de idade acompañaron o duelo).
A axencia de cualificación estadounidense Standard and Poors irrompeu no inicio da campaña cunha mellora do rating da débeda soberana de longo prazo de Portugal. Non nos enganemos, segue a nivel do lixo pero só un nivel por baixo do que se considera nivel de investimento especulativo, en fin, a un nivel de saír do lixo. O anuncio foi interpretado como unha clara recomendación de continuidade das políticas aplicadas no país, advertindo que os cambios de política porían en risco a recuperación
Passos Coelho tamén quixo tirar proveito do primeiro lugar sinalado pola revista Forbes nun top de países nos que paga a pena investir
António Costa, o secretario xeral do PS, pide ao electorado unha vitoria clara, descartando calquera hipótese dun entendemento coa dereita en asuntos substanciais, xa se trate do orzamento para 2016 ou a reforma da seguridade social pola que claman Passos Coelho e Paulo Portas. Só el, afirma, ten condicións para se entender coas outras forzas.
Neste noso Ribamiño, Portugal, mais unha vez, segue ausente, a pesar de que probablemente esta campaña electoral e os seus resultados serán, en mais dun aspecto e pese ás singularidades, un calco das españolas de decembro.
Xulio Ríos, é Director do IGADI e do Observatorio da Política China.

Ríos, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora