Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do inferno con billete de volta

miércoles, 30 de septiembre de 2015
O polifacético investigador, poeta, cantor e cidadán do mundo Antón Valcarce fixo unha incursión no teatro ("De Nápoles a Monforte polo Inferno") para especular con cal sería a visión do mundo que se levaría o VII Conde de Lemos se regresase á súa terra, Monforte. O autor non dubida nin un intre onde está o Conde, por xustiza ten que estar no inferno, pero como no inferno as ánimas consómense lentamente e como hai varios niveis dentro do mundo de Hades, o Conde aínda debe andar penando por aí abaixo.

Antón non quere tratos co demo, en cambio preséntanolo como un ser comprensivo e por veces afectivo que acaba por facer concesións. A miúdo facer concesións implica expoñer ao beneficiado das mesmas a fondas decepcións.

A partir de aquí o Conde fai unha viaxe polo cambio e a diferenza que hai entre a súa política e a de hoxe en día. No fondo séguese cociñando todo en palacio e a partir de aí seguen a existir capas sociais con acceso limitado. Antón ponnos diante dunha especie de despotismo ilustrado onde o pobo elixe entre o que lle deixan elixir e o poder simula un cambio que ten por obxectivo que nada cambie.

Quen lea esta obra de teatro ou que teña a sorte de vela representada, cousa que valería moito a pena, entenderá as argucias do poder para simular pluralidade e facer ver o que quere que vexamos. Neste sentido cada palabra pronunciada como discurso de futuro leva a medida de Maquiavelo, que domina a perversa arte de prometer. A partir de aquí todo é doado nunha sociedade carente de memoria e de perspectiva histórica.

É esta unha farsa que merece ser presentada en tódolos teatros do país e coido que o espectadores veriamos nun espello a nosa propia realidade que mesmo fai boa a ruindade do Conde de Lemos.

Antón Valcarce ensínanos a identificar caciques e cacicadas e convídanos a abrir os ollos a unha realidade perversa que aínda somos quen de mudar se escoitamos máis alá da borralla adormecedora que os medios de comunicación nos inxectan en tráxicas doses de 24 horas.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania