Asoma a Galicia negra
Editorial - jueves, 06 de julio de 2006
Hai días especialmente aciagos, nos que parece que todo se concita para conformar un aire ominoso.
Non xa porque se confabulen os elementos nunha traxedia como a acontecida en Valencia hai un cento de horas, senón como o que aconteceu en Galicia nunha ou dúas xornadas vestidas de loito.
A traxedia dunha rapaza de Valdoviño na localidade de Cedeira, ou o asasinato suponse que por ciumes dun rapaz en Teis, deixan como en suspenso á vida no noso contorno e fannos pensar na fraxilidade do sistema de convivencia e no trauma do sobresalto que calquera acontecemento nos provoca.
As mortes violentas, por man humana, chaman moito máis ó noso horror que a morte dun operario en Verín, en accidente de traballo, que tamén debera provocar unha reacción colectiva, ou a do excéltico Carlos Pérez, morto nun accidente fortuíto en Nigrán...
Se a esto unimos a repercusión mediática producida polo feito de ser galega a presunta asesina de anciás en Barcelona, ou a reaparición do Grapo en Compostela con dous dos seus membros polas fotos, uns rapaces- convertidos en delincuentes comúns, a Galicia negra asoma unha vez máis dentro dunha terra que loita por entrar con pé firme na modernidade, no progreso e na cultura.
En tempos, o gris dos nosos invernos, a quietude do noso rural, o incerto do noso futuro colectivo, propiciaban dicíase- suicidios e asasinatos que facían de Galicia un Fisterra incógnito, escuro e neboento.
Xornadas como as que vimos de vivir parecen resucitar aquelas vellas pantasmas, pero deben reafirmarnos en que o futuro que queremos só é posible con máis convivencia, con máis diálogo, con máis cultura. Que Galicia non é negra. É branca, e máis azul. E esa cor de traxedia, de incultura, de primitivismo, non é nosa.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora