Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Malikian: O hábito fai ao monxe?

miércoles, 16 de septiembre de 2015
Propúxenme non perder o concerto ofrecido polo violinista libanés Ara Malikian en Ferrol arroupado dun público sabedor de que ía escoitar algo Malikian: O hábito fai ao monxe?máis que a un excelente violinista primeiro concertino da Orquestra Sinfónica de Madrid perante dez anos, un posto que un ten que gañar en durísima competencia con outros constatados interpretes. Polo tanto a súa capacidade interpretativa non estaba en cuestión e sabíamos que o violín atopábase nunhas mans suficientemente aptas para que soara soberbio, coma así foi. Pero malia ser Ara Malikian un excelente músico, a ninguén se lle escapa que tamén é un personaxe cando menos controvertido sobre todo pola súa posta en escena ao romper os moldes que están establecidos para a música chamada “culta”, unha definición que a min nunca me gustou porque creo que á música non lle caen ben as etiquetas. Hai música boa, regular e mala; nin toda a música catalogada como clásica é boa nin toda a música popular é vulgar e zarapalleira. E cando a música é boa non importa tanto o envoltorio con que se presenta. Ara Malikian é unha mostra palpable de que se pode tocar a Vivaldi ou a Bach descrenchado, en pantalón vaqueiro e en mangas de camisa coma se fose unha estrela de rock, sen estar quedo no escenario, achegando unha música sublime a un público ao que lle estaba vetada, considerada como patrimonio dunha clase social (na música tamén hai clases) que procuraba no fondo e na forma marcar distancias co resto dos mortais. E os clasistas, na súa maioría, non son eruditos na música clásica, non: sérvense da música para marcar a raia que delimita a finura da vulgaridade, aos señoritos da plebe. Así foi sempre e por sorte, pouco a pouco, está deixando de ser. Por iso, máis que analizar a calidade do músico, o seu virtuosismo, a súa sensibilidade tamén como compositor, o repertorio elixido, etc... interésame máis a labor que o intérprete fai a prol de levar, de achegar a música á ágora onde fica un público heterodoxo que non soe pisar as salas de concertos porque alí, precisamente, séntese coma un “polbo nun garaxe”. Interpretar a Mozart, Falla, Sarasate, Bach o Albinoni hierático, enfundado nun frac negro no escenario dunha sala de concertos, non me digan que non é un xeito de marcar distancia. Ara Malikian mestúrase con estes compositores e con Paco de Lucía e Radiohead na praza do pobo nun exercicio de activismo cultural quizais non pretendido pero si logrado. A xente aplaude a Vivaldi e a Paco de Lucía ao mesmo tempo e iso é moi importante porque ambos os dous son uns músicos excelentes e poden, por que non, ir da man, da man deste intérprete atípico como Ara Malikian que recorre á música con maiúscula para embelecar e tamén impresionar ao público coa súa excelente técnica e capacidade comunicativa. A súa posta en escena pode semellar, para algúns, un tanto histriónica, pero sen dúbida axuda, e moito, a acadar o resultado apetecido. Neste caso creo que o hábito fai ao monxe. Eu, coa incomodidade que representa estar de pe case dúas horas na praza, por uns momentos pechaba os ollos e cría estar comodamente sentado nunha sala de concerto escoitando unha música marabillosa que saía das mans e do corazón de sete músicos excelentes que prescindiron da imposta e tradicional seriedade indumentaria para ir a tocar un rock and roll á praza do pobo (Radiohead) e ao tempo música barroca, flamenco, jazz e tamén a emanada do talento deste músico privilexiado que é Ara Malikian (lembrade ese “pico” formidable, ese vals dedicado ao seu fillo que ese día cumpría un ano, aquí en Ferrol).
En fin, un excelente fin de festas. So queda felicitar aos que tiveron a idea.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES