Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A tracción da dignidade

miércoles, 16 de septiembre de 2015
Dicía Martin Niemöller "cando finalmente viñeron a por min, xa era demasiado tarde". Algo así está a pasar coa mobilización actual do sector lácteo que non debería ser sectorial senón xeral, xa que a economía e a vida de Galicia e boa parte de España xira en torno ao sector primario. Polo tanto se eles caen, antes ou despois, o sistema derrubarase. Quen coñece minimamente a historia de Galicia sabe que dita historia non se entende sen o rural e que foi o rural o que fixo progresar Galicia. Grazas á aldea as cidades son sostibles e a crise suavizouse moito. Entón cando desangramos ao sector leiteiro, desangramos o noso propio futuro e cando non apoiamos (ou polo menos comprendemos) as mobilizacións estamos botando ao esterco o noso propio porvir.

O traballo dos gandeiros constitúe unha vida dura na que non hai domingos nin festivos nin vacacións. Unha vida que mira ao ceo para que o clima a deixe respirar. Esa vida é a esencia histórica que aínda hoxe mantén a 10.000 familias xerando 100.000 postos de traballo. É dicir, coa que leva caído e coa que está a caer os galegos seguimos puxando polo agro. Isto é amor pero ten o límite do benestar e do futuro. Ninguén pode construír futuro cando gaña 22 céntimos por litro de leite, cando producilo supón custos elevados en pensos e outras inversións de calidade no gando. Ao redor do medio rural tamén está a agromar un importante sector comercial que ten a súa razón de ser na procura da mellora xenética e alimentaria. Se o produto derivado desta mellora non se valora, non só dinamitamos o sector primario senón tamén o sector secundario que xeraron as novas necesidades froito da mellora e do progreso do mundo rural.

Cómpre saber que os gandeiros fixeron importantes inversións para facer un rural rendible con produtos de calidade. Estas inversións foron a fondo perdido, confiando en que ese produto fose recoñecido como se merece. En troques estase a desvalorizar inxustamente ata condenar ao sector á subsistencia. Non fai falla dicir de onde vén esta desvalorización, todos o sabemos e se cadra esa será a seguinte conta do rosario (alá eles).

O caso é que os nosos gandeiros (os nosos pais, nais, fillos e fillas) deron un exemplo de dignidade e civismo nas urbes galegas (alén de casos illados).

A partir deste exemplo deberíamos comprender o que en realidade nos xogamos na folga do leite. Xogámonos autoabastecernos cos nosos propios produtos dunha calidade indiscutible ou xerar dependencia do exterior. Xogámonos traballar do noso e polo noso ou emigrar.

Xogámonos manter o rural que nos librou da fame ao longo da Historia ou dinamitalo.

Xogámonos vivir da terra ou forxar unha paisaxe erma de monte e silencio que acabará sendo carne de lume. Xogámonos, en definitiva, a propia vida dependamos ou non do rural xa que indirectamente esta dependencia sempre existe.

A tractorada trasládase á distribución (un polo fundamental do conflito) pero cada tractor que vimos nas cidades foi un clamor polo futuro do país e o feito de que todos simpaticemos con eles é o xermolo invencible dunha gran tracción: a tracción da dignidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES