Lembranzas dunha vida (78)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 16 de septiembre de 2015
Costumes que se foron perdendo: o Sagrado Corazón de Jesús
Sendo nena, había unha señora que era a encargada de facer a festa, ou sexa, a misa cantada ao Sagrado Corazón de Jesús, na parroquia de Adragonte. Era unha muller maior. Andaba moi dobrada. Tiña unha burra para ir dun lado ao outro. Era solteira, tamén moi relixiosa. Sabía facer rosas de papel; parecían naturais. Facía gladiolos que, naqueles tempos, non eran coñecidos os naturais. Cando era o Carnaval, as rapazas ían xunto dela para que lles ensinara a facer todo o que sabía.
Pola festa do Corazón de Jesús, que é no mes de xuño, cortaba as rosas; tiña moitas; gustáballe a xardinería. As rapazas, en paxetas, levábanas para a igrexa. Ela ía na súa burra, e estaba alí facendo os floreiros; dicía onde poñelos. A imaxe estaba nun trono para, despois, sacala en procesión.
Tamén tiña manteis apropiados para esa misa. No altar maior, no púlpito. A mediodía, misa cantada. Ao terminar, expoñían o Señor. Velábano por rueiros da parroquia.
Cantaban, rezaban. Levábamos a comida. Era coma unha romaría. As seis da tarde, saía a procesión. Nenas, desde o campanario, tiraban pétalos de flores sobre a imaxe. Era un día moi lindo, que xa se foi perdendo.
A señora era a tía Maripepa de García. As rapazas que levaban as flores xa teñen moitos anos. Algunhas xa non están. Eu son unha das que quedan. Teño setenta e cinco anos, e recordo con cariño estas reunións que foron desaparecendo.
Un recordo para toda aquela xente que estaba moi unida nas súas crenzas.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora