Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fóra do círculo

domingo, 13 de septiembre de 2015
As culturas ou os pobos “tradicionais” adoitan vivir desa forma chamada “tradicional”. Isto quere dicir que normalmente ven as cousas e os acontecementos que ocorren na súa vida de forma cíclica, algo así como o que ocorre coa sucesión do día e da noite: despois da noite vén o día ou ó revés, pero sempre de forma máis ou menos igual e repetitiva. De tal maneira que incluso despois de morrer unha persoa, esa persoa podería revivir dalgunha maneira nalgún outro descendente seu ou noutra persoa concreta desa sociedade.

Un antropólogo e historiador das relixións moi coñecido, romanés, chamado Mircea Eliade escribiu moito sobre este modo “tradicional” de proceder, e caracterizábao como o “mito do eterno retorno”. Nesta mentalidade “tradicional” as cousas e acontecementos repítense indefinidamente e ademais os que participan desta mentalidade desexan que iso se manteña así. Por iso, todo que se presenta como “novo” prodúcelles medo e angustia. Por iso fala o citado antropólogo do “misoneísmo” desas sociedades, é dicir, do odio ou alerxia cara a todo o que significa cambio ou novidade no modo de proceder.

A sociedade ou o grupo social no que viviu Xesús participaba tamén en boa parte desta mentalidade chamada “tradicional”. Así se explica por que, ante a pregunta que lles fai Xesús ós seus discípulos sobre o que a xente pensa ou di acerca del, lle respondan con toda naturalidade que a xente di que el, é dicir, Xesús, é algún dos profetas mortos que volvera á vida. Ben sexa o Bautista, que había pouco que fora decapitado por Herodes, ou algún dos profetas de tempos máis antigos.

Como é doado ver, opera ou funciona aquí todo un círculo (entre vivos e mortos), algo así coma a pescada que se morde a cola. Deste xeito, Xesús para a xente tampouco escaparía dese círculo, que se repite, de profetas que viven, morren e reviven doutra forma na figura doutros novos profetas ós que lles ocorrerá o mesmo.

Xesús afirmouse sempre, polo contrario, a si mesmo como saíndose dese modo “tradicional”, circular, de ver as cousas. A súa realidade non pertence, non está sometida, a ese círculo férreo do que non se podería saír. El vén do Pai, el é “o” fillo benquerido polo Pai Deus, el non é un máis dos que xa viñeron ó mundo, el non é simple repetición de alguén anterior a el mesmo.

Algo deste modo de verse e de percibirse a si mesmo Xesús debeu de presentir xa Pedro cando á nova pregunta que lles formula Xesús sobre o que eles, é dicir, non xa a xente senón os apóstolos e discípulos, pensaban sobre el, lle responde en nome dos demais: “Ti es o Mesías”, ou sexa, o unxido, o querido, o mandado por Deus Pai ó mundo.

Xesús é, polo tanto, para Pedro algo ben máis ca unha persoa normal e corrente que xorde no mundo como repetición dalgún importante personaxe anterior e que vive, morre e quizais poida revivir tamén pola súa parte noutra relevante persoa posterior. Non. Xesús pertence, si, á dimensión humana, ó “círculo” dos humanos, mais está tamén “fóra” del. Sobre todo, el é a palabra, a definitiva palabra que Deus Pai lle dirixe nel, no seu propio e “benquerido” fillo, ó mundo.

E así como Deus Pai é infinito, super-infinito, misterioso e incomprensíbel, así o é tamén a súa palabra, esa palabra, que segundo nolo comenta Xoán, se fixo carne e plantou a súa tenda entre nós. Xesús e así humano coma nós, mais sáese ó mesmo tempo do círculo cerrado dos nosos pensamentos e concepcións. Por iso Xesús, en canto imaxe viva de seu Pai, é e será sempre tamén “desconcertante” no que di e no que fai. Primeira mostra do desconcertante que é Xesús. Cousa que naturalmente non lle gustará moito ó bo de Pedro; máis ben, todo o contrario. Unha maneira de saírse Xesús do normal, do estabelecido, do que poderiamos chamar “politicamente correcto” é o de que el se sae por onde menos o podería pensar Pedro. Efectivamente, Xesús anúncialles o desastrosas e pouco desexábeis que van ser para el mesmo, para Xesús, a vida e a morte que lle esperan. Xesús debeu de ser moi clariño e explícito nesta descrición do que lle esperaba, pois o evanxelista Marcos non deixa de comentar aquí o seguinte: “E dicíao con toda claridade”.

Non deixa desde logo de resultar tráxica e case algo cómica, se non se tratase dun tema tan importante, a responsabilidade da que aparenta revestirse agora Pedro ó chamar a parte a Xesús para intentar convencelo, “rifándolle”, de que se deixase de tales insensateces.

Claro que Pedro tiña razón desde o “politicamente correcto”, pero eses son os camiños e os modos humanos de vermos nós as cousas, non as “miras de Deus”, tal como llo advirte con toda seriedade Xesús, dirixíndose a el cun alcuño nada suave, o de “Satanás”, que a Pedro lle debeu de cortar automaticamente a fala.

A linguaxe da cruz, do sufrimento, etc., polos que todos, dunha ou doutra forma, teremos que pasar nalgún intre na vida, énos, como o era tamén a Pedro, pouco grato. Mais é así, con contratempos, sufrimentos e tamén fondas alegrías, como Xesús chegou á súa resurrección e glorificación e como nolas adquiriu para nós todos.

Xesús non veu ó mundo, para, garantirnos unha vida plácida, harmoniosa e cómoda. El veu máis ben para aprendernos como levar unha vida digna, xusta, respectuosa e amorosa con todos, a pesar dos sufrimentos e contratempos que nos poidan vir (e nos virán) dun lado ou doutro.

Tamén así poderemos ser tamén nós salvadores do mundo, doutras persoas, vivan ou non preto de nós, de maneira semellante a como o foi e o é Xesús, salvador e liberador da humanidade toda, dos homes e mulleres de tódolos tempos e lugares.

Porque iso si, a pesar de todo o que nos ocorra na vida, Deus salva sempre e salva para sempre.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES