La Marsellesa
Cardalda, Theo - lunes, 03 de julio de 2006
Agora que nos atopamos na resaca do mundial do encontro entre España e Francia, é tempo de facer unhas reflexións polo miúdo.
Foi abrallante a actitude de moitos medios de comunicación e en particular certos xornalistas, agás contadas excepcións. Por unha banda falaban como fachendosos e soberbios. Logo algúns deste xornalistas comentaban con desprezo aos rivais. Outros ridiculizando aos equipos de Túnez e Arabia Saudí. Cando o xornalismo mestúrase con ser forofo o resultado é malfadado rozando a calamidade.
Algúns destes comentaristas (por sorte son poucos, pero fan moito ruído) teñen gañada a pulso unha mala fama, poñendo no ridículo a esa digna profesión e aos grandes profesionais que nada teñen que ver con estes mandilóns ao servicio de non sei quen ou de calquera carallocampante. En resume, estes señores o único que fixeron foi facer xornalismo fachendoso, faltón e de choqueiros, créndose que están nas cruzadas ao servicio de Isabel e Fernando (tanto monta, monta tanto).
Por outra banda, nos deron unhas vistas pola TV. de aficionados que daba vergoña allea velos con indumentarias dignas do entroido (vestidos de toureiros, de touros, con tricornios, etc...) exaltando aquela España de panderetas e castañuelas. Mal asunto é que se volva a utilizar o deporte como unha escusa patriótica, cando alguén dixo nos medios que a Selección é o único que nos une, a nosa seña de identidade. Xa se fixo o mesmo en tempos non moi lonxanos e os resultados sempre foron esnaquizantes.
Coido que o patriotismo non é facendo o ridículo, o ser patriota ten unhas connotacións moito máis profundas e moito máis serias tanto na ética como na moral de cada cidadán, e iso é o que conta.
Ao final rematamos (para desgracia do noso fútbol) oíndo La Marsellesa, o himno con letra cantada da revolución francesa.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora