Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tractorada en Lugo: se tivese saúde, tamén eu estaría

jueves, 10 de septiembre de 2015
Si. Creo que se a saúde mo permitise participaría na tractorada por solidariedade cos meus, porque fago miñas as palabras de Manuel María: “Meu pai foi labrego, tamén meus avós. Toda a miña xente de labregos foi”. Foi e é, porque, sen despezar a ninguén, os meus máis achegados son os labregos e as labregas, xa que parece que no meu caso, coma no de moitos outros cregos rurais, non se fixo realidade aquello de que o sacramento do Orde fai señoritos dalgúns fillos de labregos.

É verdade que os meus vellos, coma os de moitos outros cregos e non cregos, quixeron darme estudos pra que non andivese envolto en esterco e coa convición de que da terra non se pode vivir. O de andar envolto en esterco, á miña maneira de ver, era unha esaxeración e dubido que estivésemos naqueles tempos máis envoltos en esterco os labregos e gandeiros, co pantalón encoirado, ca hoxe un bárcenas ou un urdangarin, ou varios dos que se sentan nas cortes e parlamentos, con eles ben planchados.

O de que da terra non se pode vivir é mentira e é verdade. Non podemos vivir sen a terra nin os labregos e gandeiros nin todos os demais.

Pero, ós que traballan na terra NON LLES DEIXAN VIVIR. Chúpanlles (chupámoslles) a suor.

Antes, como expresaba de palabra e cos seus xenais debuxos Castelao, porque aquí mantíñamos a vaca, pero muxíana en Madrid. Agora, porque aquí mantémola, muxímola e temos que levarlles o leite a Buxelas pra que alí lle poñan prezo e nos digan como hai que producilo e repartilo, pero en Francia baléirannos as cisternas con consentimento das autoridades dos socios ¿comuntarios? e co aconjonamento das autoridades galegas e estatais que consinten e protexen a entrada de leite de fóra e que se venda aquí, onde tanto chove e onde tantas fontes hai, máis barata ca auga.

Por que lle seguirán chamando a este trampulleiro e mal mercado europeo no que abundan os carteiristas, comunidade? Non se darán conta de que non é posible conxuntar comunidade e económica? Os bens e o diñeiro case nunca fan comunidade. Desfana, mesmo entre pais e fillos e entre irmáns á hora das partillas.

Desde que teño uso de razón veño escoitando que o rural estivo esquecido polos gobernantes. Non é certo. Estivo algo peor, xa que estivo aldraxado, asoballado, menosprezado.

É certo que o rural ten unha capacidade de supervivencia e de rexeneración estraordinaria que non tén o urbano. Tén moito máis das sete vidas como se di que teñen os gatos. O malo é que cada vez que se vai rexenerando e comeza a erguer cabeza, ¡zás!, ¡outro trancazo nos fociños!

De aí naceu o mal-dito de que os galegos, se estamos no descanso da escaleira e nos preguntan se subimos ou baixamos, respondemos preguntando: E logo, por qué o quere saber?. “Los lerdos no gallegos o gallegos no en ejercicio” dín que é por zorrería. Los más finos que es la retranca. Non señores, nin unha cousa nin a outra, é por escarmento, pra tomar un tempiño e calcular se nos pegarán outro pao ó subir, ou nos aguilloarán ó baixar.

Case estaba a punto de deixarme convencer de que que estábamos saíndo da crise. Estarán por outros sitios, xa que por estas terras húmidas non vemos eses brotes verdes.

Estámonos afogando. Menos mal que é en leite. Supoño que os que terían que resolvelo non se dan conta porque miran para outro lado, porque se fan os xordos ou porque están moi entredidos en tapar as podredumes que produce a corrupción, ou polo estres da precampaña, ou polo señor Más ó que nunca lle pagarán o favor da distración do personal e que se fale Menos do que hai que falar.

Non tería que ser a Conselleira do ramo ou o Presidente da Xunta quen se adiantasen a buscar o encontro cos gandeiros e non quedarse en acceder a reunirse con eles para contarlles contos, perdindo como contraparteida que se desmobilicen? Se me din que isto é demagoxia, faránme buscar no diccionario o que significa.

Tén que ser moi duro non ter traballo pra quen o queira, pero é incomprensible , insostible e inaceptable seguir traballando pra arruinarse máis cada día, que é a situación na que se encontran labregos e gandeiros con prezos impostos por outros pró que mercan e pró que venden.

Parece que apuntan que a solución son unhas esmolas (limosnas) que vai dar Bruxelas, o goberno español e o galego. Non señores, non as dan vostedes, dámolas os que pagamos impostos directos e indirectos e non cobramos por ir ler periódico ou durmir a sexta á media mañá nos parlamentos. En Bruxelas e de aí pra baixo reparten, pero non dan nada que non quitasen antes pola forza.

Ben vidas sexan esas esmolas que é un xeito de facernos solidarios a todos coa causa do sector agrícola e gandeiro, pero o camiño non é ese, porque a quen traballa non se lle da esmola por caridade; senón que lle hai que pagar por xustiza. Paguen o debido a quen traballa e mantén ós que non o fan. Non ven que o medo a perder a esmola crea dependencia e agarrota á hora de traballar con perspectiva de futuro?.

Din que imos acoller a uns 14.931 refuxiados sirios e din que os 200.000 que poida acoller esta Europa avellentada van ser formento de renovación, e digo eu que tamén serán bos alugueiros de séptimos pisos sen ascensor, como veñen afeitos a andar. Non quero facer burla da angustia que lamento profundamente, pero pregúntome por que non hai tantas mostras de humanismo cos da casa coma cos de fóra? Por que non se trata de revitalizar e renovar este vello continente e esta vella, bella e produtiva Galicia creando os medios axeitados pra estimular a natalidade e pra que o campo e os campos non queden a silvas, toxos, e xestas?

Non será posible conseguir que nunca máis volva a ter que facer ningún filósofo do humor unha viñeta coma aquela de Fernando Quesada na que se achegan as cámaras da televisión a un labrego que está sachando e dinlle: “Fale alto e sexa breve que é prá televisión”. Ó que el responde: “Socorroooo!

Podo desafaogar con este artigo, pero sinto ter máis preguntas ca solucións e posto a preguntar, como non escoito que se fale moito de parar as guerras de Siria e de outros sitios en vez de ter que acoller refuxiados, pregunto: E non será pra non mandar ó paro a fabricantes e traficantes de armas? Dese xeito, se o do campo non tén solución, fundiranse tractores pra facer tanques, xa que un tanque regular vale por quince tractores bos. A Biblia recomenda facer das espadas arados e das lanzas podadeiras; pero parece ser que a Biblia está moi superada e só serve pra trasnoitados.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES