Identidade, atractivo e definición
lunes, 03 de julio de 2006
Aínda de difícil relación entre sí, hai tres temas de actualidade que conflúen na mesma persoa Galicia / Galiza e condicionan a nosa situación colectiva actual.
Unha, son os incendios forestais, que este ano parecen afectar con menor intensidade ó noso País, sen que ninguén ata agora fixera alarde delo, e sen que se poida achacar á climatoloxía calquera variación ostensible. ¿Estaremos cambiando? ¿Quererémonos máis, por fin?
A segunda, non de menor importancia, é a imaxe que Galicia poida ter de cara ó exterior, xa que o mesmo Director Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Xunta de Galicia confesou que entre 1993 e 2005 o noso País, e España, perderon atractivo para os inversores extranxeiros.
E a terceira, tamén de transcendencia, especialmente para os que andan nas cousas da política, é a imaxe de cara ó interior, a xeito de propia definición.
Se pretendemos igualarnos con outras autonomías, cabería asimilarnos mesmo a Aragón, a quen cantou Labordeta laiándose de que si antaño fuimos Reino, no nos dejan ser nación.
Difícil tarefa a de definirnos. No himno proclámase que somos Nazón de Breogán; para un gran poeta somos Galicia, nai e señora; para o actual goberno galego, nazón sen dúbida; para Núñez Feijoo, región con total seguridade.
E sen embargo, somos a mesma, a efectos de identidade. Somos a mesma a efectos de amor e atractivo. O que ocorre é que hai moitos xeitos de vernos colectivamente, moitas sensibilidades.
Podemos arder menos, podemos chamar menos a atención dos que só nos valoran a efectos de rendibilidade, podemos amar á nosa terra de xeitos diferentes
Non dependemos, en definitiva, da imaxe exterior. Dependemos, e moito, do trato que nós mesmos damos á terra. E de xeito total, da nosa propia consideración.
Seguimos sendo os mesmos. A identidade e o atractivo é cousa nosa. E cousa nosa tamén poñernos de acordo, como mínimo, no que somos. Porque postos a definirnos, fagámolo dunha vez para sempre, cun concepto no que todos esteamos de acordo.
É difícil, pero é o mínimo que podemos pedir neste volver a empezar que os políticos se empeñan en facer que vivamos.
Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora