Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por qué nos impactou

miércoles, 09 de septiembre de 2015
Pois ó final as faíscas viñan de Ourense. Estoume referindo a uns pequenos restos de follas queimadas que caeron no meu patio o pasado venres e que me deron pé para escribir a enésima columna sobre os incendios forestais e sobre a capacidade que teñen algúns políticos -normalmente cando gobernan- de trasladar a súa propia responsabilidade política a inimigos fantasmagóricos transformados en tramas nocturnas capaces de colocar sete artefactos incendiarios noutros tantos lugares diferentes no curto espazo de media hora e que, logo, cando saen á luz resulta que teñen 83 anos e deus sabe -a garda civil, si- se carné de conducir.

Pois ó final resultou que aquelas faíscas que eu maliciaba que anunciaban un incendio moi preto da miña casa, chegaron ata os Quintairos de Amoroce dende Cudeiro. Si, nada máis e nada menos ca dende as asoladas urbanizacións periurbanas do norte da capital (se cadra a policía estará investigando xa por qué xorden tantos incendios nun entorno tal).

É dicir, que se ben sentín unha fonda e lóxica preocupación ó ver sobrevoando sobre a miña cabeza aquelas ínfimas motas ardidas, (é triste, pero é así) tan pronto souben que procedían de Ourense despreocupeime un chisco, por máis que un incendio sexa sempre un incendio, teña lugar no Penagache, na Serra do Larouco ou nos montes de Avión. O cal non fixo, senón, certificar unha vez máis esa máxima sociolóxica que di que a nosa preocupación por unha traxedia, ou a nosa dor polos que morren nela é inversamente proporcional á distancia á que se atopa o lugar onde acontece a traxedia co centro do mundo que somos nós, a non ser, loxicamente, que nela perezan xentes do noso entorno social ou familiar.

Pois ben, seguindo esta máxima de que eu estaría arestora bastante máis cabreado co mundo se o incendio desoutro día queimase a Cortiña Grande -que está a un quilómetro da miña casa- cós montes de Cudeiro, lévame agora o pensamento a unha reflexión que non ten que ver cos incendios, pero si con outra lacra que coloniza estes días os titulares de prensa e de apertura dos informativos das radios e das televisións, como foi esa fotografía -e as súas consecuencias- do pobre corpo sen vida dun neno "varado" nunha praia turca que nos removeu a todos a conciencia e tamén as vísceras.

Acostumados como estamos, a ver na rede de todo, co frío filtro da distancia e da nosa tranquila e acomodada vida occidental, lévome preguntado varias veces por qué nos impactou tanto esa imaxe e non outras, por exemplo de nenos africanos -que as hai e a ducias, polas redes sociais- e cheguei a unha conclusión certamente cruel: O neno Aylan impactounos tanto porque as súas formas e as súas vestimentas eran dun dos nosos. É dicir, as dun neno occidental.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES