Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Delicto de inacción

lunes, 07 de septiembre de 2015
Cando me poño a escribir comezan a saltar na rede as primeiras novas de alcance respecto dunha detención. Ó mesmo tempo, dúas ou tres faíscas caen sobre o teclado do meu ordenador -escribo no patio da casa- e unha columna de fumo sobrevoa de norte a sur, por diante dos meus ollos, ó mesmo tempo que o característico cheiro a monte queimado completa a información para indicarme que por primeira vez en todo o verán -sen dúbida estes últimos anos os celanovenses temos sido uns privilexiados- as labaradas, desta volta por desgracia, non queiman leiras alleas.

A orografía que ocupa os Quintairos de Amoroce non me permiten albiscar cara o norte un horizonte nítido e polo tanto non son quen de adiviñar onde está a orixe das chama. Pero non debe ser moi lonxe, porque os primeiros ínfimos anacos de verde queimado son cada vez un pouco máis grandes e na inspección ocular xa me amosan evidentes restos de follas.

Póñome a escribir, polo tanto, sobre a devandita detención nun ambiente desgraciadamente contextualizado, cousa que me leva -máis ca nunca- a insistir no segundo grande e grave erro social que estamos a cometer os galegos cos nosos montes se seguímonos autoconvencendo de que o problema dos incendios está provocado por uns extraterrestres que abducen ós nosos "paisanos" e os transforman en pirómanos que se dedican a construír trebellos incendiarios con carimbo de "feito a man" para queimaren os seus propios predios, chegando a ameazaren mesmo as súas propias aldeas, porque xa se sabe que o vento é vertoleiro e nunca avisa cara onde pode soprar.

Leo que un alcalde chegou a poñerlle nome ós comandos: "Terroristas ecolóxicos organizados" (TEO). Así foi como dis que bautizou o alcalde de Xinzo de Limia "á trama" que seica lle puxo lume á serra do Larouco a pasada fin de semana e que agora se saldou coa detención dun veciño da zona de nada máis e nada menos ca ¡83 anos!

A ver... É certo que quen a fai que a pague, teña 83 ou 183 anos. Ora ben –insisto- por máis que agora este bisavó se converta no chivo expiatorio da catástrofe, o monte galego non arde porque a un vello se lle dea por poñerlle temporizadores a media ducia de caixas de mistos.

O monte galego precisa dunha política decidida de xestión que ata o de agora políticos e sociedade non temos sabido acometer e que nos ten traído a esta dramática situación. E, sei que o que vou escribir non é politicamente correcto, pero cada vez que un alcalde se autoxustifica -e teño oído a uns cantos- dicindo que "o medio rural non ten solución", o mellor que podería facer no minuto seguinte sería dimitir por delicto de inacción, xa que con cada declaración deste tipo o único que fai é acender un misto con retardo para que calquera verán seguinte un dos montes do seu propio municipio sexa precisamente víctima da súa propia inacción.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES