Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É a 'Democracia' un termo máxico?

jueves, 03 de septiembre de 2015
Se hai termos terapéuticos, a existencia dos máxicos está garantida, que non deberían ser confundidos coa “palabra máxica” das persoas que teñen a habilidade de, valéndose dela, producir resultados incribles para o espectador, por ilóxicos. Pola contra, o bombardeo co termo “democracia”, produce resultados incribles para o político, confundindo e enganando ao espectador.

Hai termos terapéuticos?. Lembro que o lin nun tratado de lingüística. Poñía o exemplo dunha persoa que acudira a un médico a consultar unha forte dor de cabeza. O doutor, despois de examinalo coidadosamente, díxolle: “Ten vostede unha CEFALALXIA (dor de cabeza). Tómese unha aspirina e durma”. O doente xa marchou aliviado da dor, impresionado pola sapiencia do “galeno”. O termo “cefalalxia” produciu os seus efectos terapéuticos, maxicamente e sen lóxica científica. Aínda que... quen o sabe?!.

Claro, se o termo o empregara calquera persoa que non fose considerada perita en medicina, xa non tería efectos terapéuticos. Por iso penso que o termo DEMOCRACIA resulta máxico nas mans dos políticos e máis ou menos espiñento nas dun tratadista que o aborde conceptualmente, por un costado e por outro, nunha análises racionalizada, porque a maxia está rifada coa “racionalidade”, ante a que, a través da historia, perdeu preponderancia no seu emprego relixioso.

Dinnos os estudosos que a democracia é un recurso para lexitimar condutas políticas, e os políticos ven nisto o ceo aberto, e usan o termo coa máxima prodigalidade, ensaiando investilo de certa maxia e imputándose os adversarios, mutuamente, actitudes anti–democráticas, curiosamente sen reparar ata que grao son consecuentemente democráticas esas imputacións.

E digo “consecuentemente” con algún sentido, porque unha democracia pode ser considerada, polo menos, como liberal, autoritaria e popular, e non resulta nada fácil saber con que clase de prácticas democráticas se está intimando, e ata onde están desvinculándose, uns e outros, do tipo de democracia que conforma o sistema político aceptado pola comunidade na que viven.

Se as mesmas ditaduras critican as democracias liberais do noso entorno occidental, precisamente por non aplicar os seus criterios democráticos, non debería estrañarnos que algunha maxia teña o termo para apropialo tan impropiamente. Acaso non se alardeaba aquí, na España franquista, da “democracia orgánica”?. Non se oufanaba a URSS da súa democracia, ao mesmo tempo que o facía EE.UU. coa deles, que consideraban exemplar?.

Como se están babando, uns e outros, sen decatarse!. Que noxo, señores!. Límpense!.
Xera desconfianza, para maior desconcerto, o escaso sentimento democrático a hora de facer clasificacións no Mundo, porque concédenlle moita máis importancia ao económico que a cultura política dos pobos e os seus sistemas de convivencia, moito menos interesantes que as reservas de petróleo. Iso si, os criterios económicos impóñense cando falamos do Primeiro Mundo, do Segundo, do Terceiro, etc. E aquí naufragan os enfaticamente denominados países capitalistas, incluso liberais, ou socialistas, sempre tan afeccionados a engadir os efectos doutro termo máxico, por impreciso, O PROGRESO, indistintamente, desentendéndose dos selos das súas matizadas democracias, que poderían ata contradicilo.
Pero todo o dito só ten un propósito: Facer unha chamada de atención, agora que entramos nun tempo preelectoral, para que non confundamos o verdadeiro sentido e concienciación democrática, que teñen que evidenciar os aspirantes a gobernarnos, co uso máxico do termo, porque este é un reclamo que deberíamos rexeitar, fácil de detectar polo emprego teimoso do mesmo, cun aparente apego que ben se evidencia por si mesmo.

Certamente, o sentimento democrático maniféstase no esforzo dos partidos en clarificar os seus respectivos obxectivos programados, evitando todo clase de ambigüidades, mediante propostas decididas e realistas; pero non está en facer promesas que non poidan levarse a cabo, porque isto quebra a verdadeira democracia non só formal, senón materialmente, por enganar a un pobo que toma as súas decisión electorais en función do que espera.
Para que os cidadáns non perdan o respecto ao quefacer político, ás leis e á Constitución, e non caian na desconfianza na operatividade do Poder Xudicial, é ineludible asegurar a independencia dos Poderes do Estado, evitando que se consideren afectados da doutrina franquista que os facía funcións dun Único Poder. Aquí hai un espazo para evitar o recurso ó uso máxico da democracia, que desprestixia as institucións e a acción política, incluso cara ao exterior.

Como a democracia só pode existir apoiada na confianza, deberían de saber, os que tanto cotifan o termo, que xerar tensións sociais innecesarias e sementar os espazos das dinámicas electorais de provocacións e silvestres disertacións (as arrogancias e ocorrencias do señor Mas poden servir, por antonomasia, de exemplares e que, lamentablemente, gozan da auto–complacencia dos membros dos seus grupos de opinións compartidas – a miúdo sen unha previa reflexión crítica –), insisto, deberían de saber que equivale a dar pábulo a ese recurso máxico.

Os políticos, como di Monserrat Roig, terían que evitar caer na tentación de pensar que o Parlamento é unha facultade onde se aprende democracia, porque ser demócrata non é tanto unha actitude política, como unha actitude esencialmente ante a vida, e isto hai que empezar a aprendelo na casa; pero a estas “filosofías” non parece que estean dispostos a entregarse, porque non sexa o diaño que a necesaria aristocracia do pensamento desvirtúe a non menos necesaria democracia económica e de procedemento, que eles mesmos están avezados a manipular e adobar cos ingredientes das máis diversas e ensaiadas corruptelas.
Os prometedores dos cambios, tan barulleiros nestes tempos, por unha parte, e os fixistas, tan oufanados da súa actitude CATASTEMÁTICA (1) – perdón pola pedantería –, pola outra, deberían reconsiderar os excesos das súas actitudes, porque nin abonda cambiar estruturas formais se non se teñen moi presentes, e garanten, os obxectivos das súas funcións, nin se resolven os problemas cruzándose de brazos ante eles.

Tampouco se pode esquecer que nos séculos XIX e XX a razón socio–política estivo dividida en dúas grandes ideoloxías (liberalismo e socialismo) e algúns flocos de escasa relevancia, salvo o nazismo, e entramos no século XXI sen que ningunha delas dera solución ás grandes aspiracións humanas: Nin mitigaron os sufrimentos de grandes masas de poboacións, nin eliminaron a pobreza, nin crearon estruturas que garantiran a xustiza universal...

Xustamente por isto, neste século, afloran, de forma confusa, imprecisa e preocupante, sen dúbida, intentos de establecer un novo ideal socio–político–económico, en grupos emerxentes, como consecuencia da quebra dos principios liberais e socialistas, que, por ser aplicados con actitudes contrapostas e de teimosa exclusión, sacrificou todo horizonte de converxencia e equilibrio dinámicos, indispensable para dar solución ós problemas fundamentais que ten pendentes a Humanidade.

Todo isto estará aquí en España, a modo dunha capa freática subxacente, nestes tempos electorais, catalizando a imaxinación do cidadán, que, cando lle poñen tan opaca a realidade con recursos máxicos, ven a ser a única saída: Conxecturar.

(1).- Utilizo este termo, “catastemático/a ”, porque me parece moi axeitado para designar, pola súa riqueza connotativa, a actitude dalgúns políticos españois, xa que en grego “katástema” significa “colocación”, pero tamén, “conduta”, etc. Epicuro designaba con el un pracer estático, como oposto o conseguido en movemento.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES