Sen meterme en análises que me sobrepasan, instintivamente estou en contra de que me dean sen máis nin máis como membro da aldea global. Teño medo a que destrás haxa outras maquinacións dos que

moven os fíos do poder pra uniformarnos facéndonos alimentarnos ós deste lado da terra e ós do outro das mesmas pócemas que nos ofrecen por distintos medios.
Eu son da aldea si, pero da miña, de Samartiño de Goberno, e non quero ter como alcalde de barrio ó Señor Putin nin ó Sr. Obama. Sospeito que hai algunha semellanza entre sentirse membro da aldea global e afirmar: Eu son cidadán do mundo. Claro que o somos, pero sómolo desde algures, senón é un xeito de non ser de ningures. Estas globalizacións van minando a identidade das persoas e dos pobos e na medida en que se debilita a propia identidade imos facéndonos máis manipulables.
Nun pregón do Belén de Begonte, ou do Begonte do Belén, escoiteille dicir xa hai ben anos ó profesor Filgueira Valverde que os pobos, igual que as persoas, necesitan elementos que reforcen a súa identidade. Deume que pensar a afirmación e cada vez a vexo máis necesaria; porque cada vez se van perdendo ou esquecendo máis eses elementos que nos axudan a ser nós mesmos e desde aí enriquecer o conxunto. Vou referirme a un destes elementos identitarios populares do que sinto verdadeiro orgullo.
Na parroquia de Santa Locaia do Concello de Castro de Rei temos un monumento ó Sagrado Corazón único en Galicia. Tén uns 14 metros de alto, todo en granito, a imaxe sóa xa mide 2,50 de alto por 1,75 de man a man. Está emprazado o monumento no monte da Escrita desde o que se ve a panorámica máis completa da Terra Chá e tén este castro o seu aquel de mítico por ser un dos posibles emprazamento do tristemente célebre Monte Medulio. Ó longo dos case trescentos metros que suben da igrexa parroquial ata o munomento hai un viacrucis tamén monumental. Con cantas persoas me acheguei ali, e non foron poucas, incluídos reporteiros de televisión, experimentei que todos os que van por primeira vez quedan abraiados o moitos volven a rezar ou a contemplar.
Pero, estando en Santa Locaia e recibindo os coidados contínuos desta parroquia, é algo de todo o Concello. Inaugurouse o ano 1931. E a iniciativa partiu de Don Alejando Rey Stolle e familia. Creouse unha ampla comisión de curas e laicos e todas as parroquias do Concello de Castro de Rei colaboraron económicamente. Supoño que aínda que a colaboración foi xenerosa, a familia Rey Stolle, con casa en Coea, cargaría cunha boa parte, pero non teño datos pra ser máis preciso.
A imaxe é unha das máis fermosas que puiden ver en directo ou a través de internet e non vin poucas; pero tiña un inconveniente, que era de cemento montada en ferro e co paso do tempo comezou a desfacerse por culpa do óxido. Andabámos preocupados e por fin puido facerse unha nova que é réplica, con mínimas modificacións, da orixinal. O seu artífice é o bo escultor de Palas de Rei Jesús Antonio Novo.
A imaxe orixinal baixámola pra máis preto da igrexa e queremos facerlle o posible pola saúde, porque, aínda que non teña recoñecida pensión de xubilación, non somos partidarios de esquecernos dos vellos xa que iso sería perder as raíces e con elas tamén boa parte da nosa identidade. Tamén prá nova houbo colaboración da diocese de Mondoñedo-Ferrol, de particulares de distintos lugares do Concello e de fóra del e do mesmo Concello. Con todo, os gastos non están cubertos, pero está pagada.
O día 6 de setembro, se non hai mala novidade, farase a partir das 13,30, a bendición nunha celebración festiva presidida no eido relixioso polo Administrador Diocesano D. Antonio Rodríguez Basante e por D. Manuel Sánchez Monge, ata hai pouco bispo de Mondoñedo-Ferrol e agora de Santander, que nos fai o agasallo de estar con nós ese día. O Sr. Bispo de Lugo, que polos estatutos é socio de honor, non pode estar e sínteo ben. Tamén nós.
A iniciativa deste evento é da directiva da Asociación de veciños Corazón de Xesús de Santa Locaia e con eles tamén dos curas, Javier e este que escribe e suscribe.
Ese día tamén será a comida anual dos veciños da parroquia e teremos a compañía do grupo folclórico Os Valuros. Como non se cobra entrada nin hai cancelas pode acompañarnos quen queira na celebración relixiosa. Pero a un ultra progresista que cando saíu algunha noticia sobre isto hai uns meses comentou no mesmo xornal en que saíu que queríamos volver ó nacionalcatolicismo e encher de cruces os montes, aconsellaríalle que non veña, que siga ata algún dos montes acugulados de modernos e xigantescos eólicos, porque a ese mesmo no pórtico da gloria da catedral de Santiago, cando o guía sinalou ó Santon Rei David, escoiteille dicir: Outra mentira máis desta noxenta cregaxe. Ese só se parce a Bisbal en que ten o pelo rizo, pero estes incultos queren apropiarse de todo e asoballalo todo. Seguramente este individuo é un cidadán do mundo ou á viceversa, con tal de levar a contraria.