Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O grupo de gaitas 'Os Recunchos das pontes'

martes, 01 de septiembre de 2015
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira d’agoa
mentras sete bois de lúa
pacían na súa lembranza.
Federico García Lorca


Dicía Castelao que ditoso daquel que sempre viviu e morreu na terra onde naceu. Tamén dicía o rianxeiro que os casteláns cando emigran venden todo o que non poden levar e cargan ao lombo até co xergón da cama porque non pensan en volver, sen embargo os galegos seguimos pensando na volta a nosa terra verde e mar de orballo cando estamos lonxe dela e levamos a nosa cultura no maxín para intentar construír unha Galiza que nos faga mais agradable a estadía aló onde nos atopemos. Isto último (e que nunca é tarde para aprender) pódese comprobar ao falar cos sesaxenarios gaiteiros do grupo de gaitas “Os Recunchos das pontes” de Barakaldo. Venlle o nome ao grupo porque o lugar onde ensaian é debaixo dunha ponte da Autovía do Cantábrico (A-8), que está fronte ao Bilbao Exhibition Centre.O grupo de gaitas 'Os Recunchos das pontes'
Composto por Anxel Francisco Rivero, nacido nunha aldea de Oímbra da provincia de Ourense; Eugenio Sánchez Veiga (Gendo), de Sobrado dos Monxes; Xosé Fernández Castro, da parroquia de Toques, Melide; Agustín Reboredo Carlín, da Vila de Cruces; Benigno Ramos Barreiro, de Melide, e a alma mater do grupo: Roberto Mendoza, nacido en Lalín, a quen desde neno chamaron Castelao pola semellanza das gafas e agora séguenllo a chamar polo seu amor a terra, amor a Galiza que tamén lle profesan os seus compañeiros.

Todos empezaron a tocar a gaita entre os anos 2010 e 2011 ao sentir morriña e por ser algo do noso país, como di “Gendo”. Todos, menos Xosé Fernández, que aprendeu algo en Rekalde no ano 2010, pero xa leva case tres anos nos Recunchos, todos eles aprenderon e empezaron a tocar a gaita no grupo despois de prexubilarse aos sesenta anos. Xosé, aínda que era fillo de gaiteiro, nunca collera antes a gaita: Agora para min é unha forma de relaxarme e de que se me pase o tempo voando, pois aínda que algún día se vexa un mais decaído, porque isto é duro, despois volvo, porque lévalo dentro e a tradición tira. Di que ao oír tocar a gaita, tanto aquí como no pobo, o sangue móveselle.

Ao igual que os seus compañeiros está contento neste recuncho, pero si houbera outro sitio que estivera mais abrigoso igual deixábamos este.
Ánxel Francisco empezou a tocar con sesenta e dous anos debaixo da ponte no ano 2010. Asegura que o feito de tocar a gaita a el cambiouno moito: Na miña casa sempre houbo gaitas pero eu nunca quixen tocar, ademais apartábame delas, sen embargo agora gústame e póñome a pensar porque non aprendería antes, porque agora podía sabela tocar ben e así non; agora estou aprendendo porque me entrou a morriña, a morriña da gaita.

Sabe o duro que é pasar alí os días de inverno, pero a pesar do frío que fai aquí vimos todos os días e non nos cansamos, aínda que as veces quédanse os pes fríos que parecen bloques de xeo. Pero bueno, aguantamos, aguantamos coa moral e por moi mal que nos preste vir nunca pensamos en deixalo, pois ao escoitar a gaita, ou cando tocamos, sentimos un formigueiro, e sentir iso é como... eu que che vou falar!
Outro que sente morriña ao oír tocar a gaita, porque é algo do noso país, é Gendo Sánchez, quen despois de xubilado daba uns paseos por alí e ía sempre a velos, estaba un rato con eles e empezáronlle a dicir se que tiña que unir: Entón pregunteilles que facía falta e no mes de maio do 2011 presenteime coa gaita diante de Roberto Mendoza, que era o que levaba o grupo, e aínda o leva, e empezamos pouquiño a pouco. É incrible, porque eu non pensei que polo menos ía saber inflar a gaita. Di que xa se coñecían de antes, pero o feito de tocar a gaita supuxo para eles mais compañeirismo e amistade.

A pesar do sacrificio que supón nunca pensou en deixalo: Agora estiven uns días no hospital e tiña unhas ganas de vir aquí con esta xente, porque nós vimos aquí todos os días menos o sábado e o domingo; o sábado imos o Centro Galego, pero todos os días do ano vimos aquí, aínda que sexa hora e media vimos, mellor estariamos noutro sitio, pero igual é o costume de estar aquí e si por exemplo nos meten nese pavillón do Bilbao Exhibition Centre non nos atoparíamos tan ben. Cando imos o Centro temos tambor e bombo, pero aquí solo temos a pandeireta porque para traer ese material necesitas vir en coche, non vas vir chovendo co bombo por aí adiante.

Benigno empezou a tocar a frauta no Centro Galego no outono de 2010 e ao ano seguinte empezou coa gaita que lle mercou a Seivane. A min sempre me gustou escoitar a gaita e cando vin en Melide pasar uns gaiteiros díxenlle a meu pai que agora de xubilado igual me poñía a aprender a tocar a gaita, e díxome: Quen, ti? Ti non tocas a gaita nin que te maten a paus. Apunteime no Centro Galego aínda que me parecía imposible, pero poñéndolle moitas ganas e veña, veña, xa non dou pena.

Agora estou contento porque aprender a tocar foi o mellor que puiden facer, pois vimos para aquí e estamos desde as dez e media até as doce e media e algún día até a unha. Pásanse esas horas entre amigos que nin te das conta.

Si nos deran outro sitio mais adecuado para poder ensaiar non viríamos aquí e pasaríamos menos frío. As gaitas aquí soan moi ben, pero... no inverno é sinceramente duro.

O único do grupo que non toca a gaita é Agustín, que se encarga da pandeireta e tamén canta nalgunhas pezas. Leva en Euskal Herria desde o ano 1967 e nel represéntase o drama da emigración con toda a súa crueza: Vin cando tiña 15 anos, solo polo mundo, coa maleta e mil pesetas prestadas. O malo é que non me collían en ningún lado para traballar porque non tiña a idade, pagábanme como pinche e non me chegaba para a patroa, a que tiven que pagar seiscentas pesetas adiantadas e catrocentas ao autobús que me trouxo, polo que quedei a dúas velas, ademais non tiña aquí familia e paseinas canutas. Despois, na General Eléctrica arregáronme o do carné poñendo que tiña mais anos e xa fun cobrando setecentas a semana, entón xa me quedaban cen para a tarxeta do tren. Logo estiven trinta e seis anos de condutor dos autobuses e agora estou xubilado por contrato de relevo.

Vin que esta tropa paraba aquí diariamente e xunteime a eles para tocar a pandeireta, que nunca na vida a tocara. Ao primeiro daba golpes sen ton nin son, pero a base de dar golpes, ir oíndo e ensaiar imos levando o ritmo. Vimos aquí todos os días aínda que choiva. Ao primeiro era unha novidade e a xente que andaba paseando parábase a mirar, pero agora xa están afeitos e veno como algo normal e corrente.

Quere destacar o ben que se levan no grupo e que de vez en cando algún trae unha larpeirada, e séntese orgulloso de seguir falando galego despois de tantos anos emigrado: Sempre o falei, ademais casei cunha chairega de Guitiriz e sempre o falamos na casa. Eu mameino desde neno e... teño levado mais paus por falalo! Había un mestre estremeño que nos facía falar o castelán cando alí na aldea non o sabía ninguén e a cada palabra en galego un pau do estremeño.

Gustaríalle que os Centros e as institucións galegas actuaran doutro xeito de cara a nosa cultura e non promocionar tantas sevillanas e bailes de salón, porque en Sevilla non fan de gaiteiros nin na televisión de Sevilla ves cousas nosas, e na de Galiza ves moitos andaluces no Luar ou noutros programas, a televisión galega debía facer mais pola cultura da nosa terra.

Pero Agustín non soamente canta e toca a pandeireta, pois tamén é un amante da poesía e fai coplas que canta logo cos gaiteiros. Quéixase de que non tiveran ocasión de empezar de rapaces porque daquela non se levaba: Hoxe hai moitos grupos e moi bos, a proba está en que vas pedir unha gaita a Varela ou a Seivane e dinche que para dentro dun ano porque hai moita demanda. Sen embargo non hai moita xente que a escoite, a xente é mais de orquestra, aínda que hai moita xuventude que está tamén metida, pero tampouco se venden tantos discos, pois sacando Treixadura, Milladoiro e outros así, a música folk non é aceptada como tiña que ser.

Por último, Roberto (Castelao) tamén empezou a tocar a gaita fai uns cinco anos e medio, pero cando non sabía tocala xa se lle poñía a carne de galiña ao escoitala. Aprendeu a tocar a frauta no Centro Galego e cando formaron o grupo empezaron a ensaiar noutro sitio, pero déronse conta de que molestaban aos veciños e cambiaron para debaixo dunha ponte que estaba preto dunhas vivendas e oíron comentar a unha señora que non deixaban durmir ao seu marido e logo atoparon este sitio no que non molestan a ninguén.

Bota en falta o aprecio que tivo algún día o gaiteiro: Eu teño lido que o gaiteiro aló polos anos trinta era un oficio como outro calquera e ía polas casas a tocar onde había festa e case non traballaba na casa; por iso din que na casa do gaiteiro nin meda nin palleiro. A mediados dos anos trinta empezaron a vir as orquestras a Galicia e os gaiteiros perderon aprecio na sociedade. Hoxe hai xente que vai retornando a nosa cultura aínda que predomina moito a foránea e os dirixentes non os apoian, solo se acordan cando saen elixidos Presidentes, entón botan man deles.
Coincide con Agustín en que nosoutros collemos doutras culturas pero os outros non collen da nosa: Eu non vexo bailar muiñeiras en Galiza como se ve bailar fandangos en Sevilla por Semana Santa.

Tamén recoñece que é duro tocar aquí no inverno, pero di que ao meter o fol debaixo do brazo e tocar dúas pezas xa te atopas mellor. Si tocamos aquí é porque non temos outro sitio. Os sábados ensaiamos no Centro pero este sábado hai misa e xa non podemos. A misa que a digan na igrexa, penso eu, pois a nosa idade senón ensaiamos todos os días non é nada. De todos os xeitos estamos contentos aquí porque pasa moita xente que nos olla e algún apúntase a tocar a gaita. Este é un bo escaparate.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES