Polos festivais
Santalla, Iago - miércoles, 02 de septiembre de 2015
Este ano fun por segunda vez ás Revenidas de Vilaxoán, un festival con 12 anos de historia que xira en torno aos grupos do país e tamén en torno ás sardiñas á grella: as revenidas que lle dan nome. O porto de Vilaxoán énchese de música, festa e furgonetas que agardan polo sono nun festival insomne que hai que vivir 24 horas.
Despois da traxectoria citada, as Revenidas xa son un evento cultural que anualmente goza o pobo de Vilaxoán. Deste xeito hai moitas formas de vivir as Revenidas, tantas que ninguén é excluído dunha festa popular que fai achegarse á vila a centos de rapaces galegos con ganas de pasalo ben.
Os festivais son un evento de recreación e de transmisión cultural que nos lembra que somos un pobo vivo, en evolución permanente, que sabe aproveitar a forza infinda da palabra para crear produtos orixinais e únicos no mundo. A través destes eventos moitos músicos galegos desenvolven a súa carreira e tamén moitos galegos descobren as marabillas que se fan na súa terra e no seu idioma. Ademais disto os festivais son un xeito de relación social e de andar a terra descubríndonos unidos nas nosas propias diferenzas e iso resulta fermoso.
A través dos festivais créanse motivos moi fortes para visitar pobos (obviamente non me estou a referir á fermosura de Vilaxoán) que se cadra non tiñan motivo para ser visitados. En cambio, un bo festival é capaz de unir nese pobo miles de persoas arredor dun determinado tipo de música pero os festivais xa empezan a ser moito máis que música, empezan a incorporar outro tipo de artes coma o circo, os monicreques ou mesmo as mostras de artesanía. Deste xeito convértense na punta de lanza pola que moitos artistas empezan a ter repercusión cultural na súa disciplina. Daquela tamén cumpren unha función cívica de apoio a aquelas persoas que procuran profesionalizarse no seu eido.
A cultura galega débelle moito a aquelas persoas que ano tras ano invirten tempo e esforzo en desenvolver un festival porque cada festival é unha plataforma cultural que nos recrea e nos une como pobo. Nunca se lle agradecerá dabondo a labor que esta xente desenvolve de xeito anónimo e altruísta, aínda que tampouco se pode esquecer a outra parte: os "festivaleiros" que temos unha sede infinita de beber cultura e de xuntarnos para contemplar cómo evoluciona a nosa historia en todas as artes.
Que nunca falten os tres "efes" que nos dan sustento: furgonetas, festivais e "festivaleiros". Nelas quizais se garde a parte máis viva da cultura galega actual e quén sabe se do futuro.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora