Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pode ser festa a malla?

jueves, 27 de agosto de 2015
O próximo domingo, día 29 de agosto, celebrarase en Castro de Rei a Festa da Malla número XV. Así de súpeto cando me puxen a escribir véuseme á mente: Vaiche boa! A número 15, e non será a número 1.500 ou mais?, porque supoño que hai 1.500 anos xa se mallaba en Castro de Rei.

Logo, caín na conta de que estaba nun erro, porque ata hai 15 anos a malla en Castro de Rei, coma en todos os sitios, non era unha festa, aínda que tivese aspectos que celebrar, como por exemplo, o feito de non ter medo ó inverno porque cando menos había panciño, o alimento fundamental.

Habíao prós que o tiñan, prós señores sempre había abundante; pero prós non señores, dependía do que lles quedase despois de entregar ós señores o que eles determinaran que lles correspondía.

Nunca se sabe o que pode valer un bolo de pan. Cantas leiras e ata lugares enteiros foron raspiñado por potentados mequetrefes que se facían con eles coa artimaña de deixar pasar o día da devolución dun boliño prestado sobre algúns bens para quedarse co ben que avalaba o empréstito! Dáme vergoña e carraxe que algún clérigo que temos como misión partir e compartir o PAN tamén se enriquecese por este medio. Canta pobreza no pobre e canta miseria no ladrón!

A miña intención non era falar disto, pero ás veces as ideas veñen ensarilladas coma as cereixas.

As mallas, cando se facían por necesidade cos distintos medios ata que chegaron as colleitadoras modernas, aínda que tivesen aspectos celebrativos, non eran festa. Eran traballo e pra algúns ben duro. Agora anúnciase como festa, e sona, e vexo con agrado que se van difundindo moito pola nosa xeografía. Alédame por varias razóns das que destaco dúas: O traballo comunitario e a comida festiva coa que acostuman a rematar. Creo que só iso está demostrando algo ben importante: Que antes os labregos xuntabámonos por necesidade, para unha serie de traballos comúns que agora se van facendo mecanicamente e sen necesidade de grupos numerosos de persoas. Ó deixar de xuntarse por necesidade descubrimos que a necesidade é xuntarnos e buscamos ocasións de facelo, e se se poden atraer turistas, mellor. Así invéntanse festas como a da “Degustación da Ala Esquerda de Pazpallar en salsa de Pepitoria”.

A reprodución dunha malla, e dito sexa de paso, a de Castro de Rei é das máis completas e mellor logradas que coñezo, ós que mallaron por necesidade axúdalles a rememorar a súa xuventude, e traer ó presente experiencias dos anos da mocidade; é unha forma bastante eficaz de retardar a vellez. Para os novos que miran ou axudan e para todos en xeral é unha lección multidisciplinar completísima.

Vexamos algúns aspectos: Cincuenta ou máis persoa traballando cada unha na súa función sen ensaio previo, nin libro de instrucións, nin capataz, nin ter que buscar en internet o que ten que facer. As ferramentas feitas na casa: Xestas pra varrer, cuañeiras, colmeiras, colmeiros, gallitos, angazos, pas, rodos, rebolas, escadas, cestos e cestas, ferrados e tegos, limpeiros, sacos… Todas elas son, cando menos, pezas de artesanía nunha economía de subsistencia. Esta ringleira de palabras, que tamén están morrendo por desuso, si que a tiven que buscar en internet e máis concretamente en WiKipedia.

A malla é o remate dun ciclo, xa que antes houbo que preparar a terra, sementar, segar, atar, amedeirar na finca e facer a meda na aira ou no seu sucedáneo. Hai poucos anos puiden comprobar que a unha colleitadora das que segan, mallan e limpan ó mesmo tempo, acompañada por un tractor e tres persoas levoulle unha hora facer a colleita dunha parcela dun 6.000 m. cadrados. O mesmo día a unhas 30 persoas levoulles cinco horas segar e atar o trigo da mesma extensión de terreo. Na modernidade a máquina é imprescindible e a persoa necesaria, en cambio, antes a persoa era imprescindible e a ferramenta necesaria.

Por non alongarme moito, voume fixar un momentiño na meda. Tén a súa complicación a colocación dos mollos, primeiro do pé, en plano, ata a vía de arca e logo desta pra riba. A vía de arca é unha rea de mollos que sobresae sobre o pé e ten a función de que a auga que pode baixar pola meda caia un pouco apartada do pé pra que non penetre e molle palla e gran.

É fermosos o nome que se dá á colocación dos mollos da vía de arca pra riba. Chámase “Castrear”, quizabes en referencia ós nosos máis de catro mil castros.

Pero o que máis me chama a atención é a precisión de quen vai facer a meda e dalgún que poden aconsellalo pra empezar coa circunferencia precisa pra que non falten mollos a hora de rematala nin que sobren moitos ou ningún. Todo isto fano a ollo labregos, agora xubilados case todos. Rematada a meda dereitiña, esvelta, sen mollos sobresaíndo de outros, solemne, teño que exclamar: Velaí unha obra de arte feita nunha mañá con oitocentos mollos, sen necesidade de proxecto arquitectónico nin dirección de obra! O mesmo que se di da meda pode dicirse do palleiro ou palleiros.

De todas maneiras, que ninguén se deixe engaiolar. Manteñamos os criterios tradicionais: Aldeán segue sendo sinónimo de inculto e, pola contra, urbanita é sinónimo de culto.

Quedábame algo máis. O motor, desgranadora e máquina de limpar pasan un ano durmindo e cada ano hai que espertalos con xeitiño, e ata pra iso hai veciños que se dan maña en facelo.

Como non pode haber festa que se prece sen bo manxar, rematada a malla ven a comida: Cachola ou cachucha, pan de trigo, sardiñas, queixo e membrillo e outras viandas que non digo pra que vaiades descubrilas por vós mesmos.

Un vídeo completo desta malla e algo máis pode atoparse en internet tecleando: “A malla de Castro de Rei”.

Conservar este evento é obra da Asociación “Amigos da Feira” ós que felicito de todo corazón e tamén a cantos lles axudan e a todos os que participan.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES