Moitas son as páxinas que Xosé Neira Vilas ten dedicado á Galicia de Alén mar nas súas máis variadas vertentes: o mundo emigrado, a realidade dos exiliados, a escrita e o xornalismo dos nosos que

por alí andaron, as relacións que el mesmo mantivo cos persoeiros deses territorios, en fin, calquera circunstancia presente ou histórica e case que calquera protagonista delas. Por tanto, non é novidade que o escritor de Gres se debroque outra volta sobre este asuntos no recente Semente galega en América, mais si que o faga co enfoque e o obxectivo que agora propón.
O que neste libro publicado por Bolanda atoparemos son nada menos que un cento de prosas breves nas que Neira Vilas repasa a peripecia humana doutros tantos galegos en América que, dunha ou doutra maneira, conseguiron co seu talento e esforzo facer máis grande aquel continente e, asemade, honrar a súa Terra do orixe co seu meritorio quefacer.
Por este Semente galega en América desfila Manuel Iglesias, o emigrante que construíu o primeiro coche na Arxentina en 1907 (un vehículo que, por certo, probou décadas máis tarde o mítico Fangio podendo comprobar o seu estado óptimo); Xosé María Silva, o fotógrafo preferido de Carlos Gardel; o poeta nacional gauchesco José Alonso Trelles, coñecido polo sobrenome de El Viejo Pancho; o célebre Pirata Mundaca, de orixe coruñés, terror do Caribe; o creador da cortadora de cana de azucre Libertadora, o insólito Sindo Seixido de Limodre, parente dun meu amigo xornalista; Pedro González Telmo, dominico de Tui, quen foi santificado e dá nome a un dos barrios máis carismáticos da cidade de Buenos Aires, San Telmo; Manuel Pereira, axudante de Antonio Meucci, quen probou con el o primeiro teléfono do mundo no Teatro Tacón

da Habana, que foi tantos anos edificio emblemático do Centro Galego; Ramón Verea García, creador en Nova York da primeira calculadora mecánica, base das actuais calculadoras; Afonso Graña, o emigrante de Avión que casou coa filla dun xefe indíxena do Amazonas e foi nomeado rei daqueles vastísimos Xosé Neira Vilasterritorios; Pedro González Cancio, fundador da cidade de Clorinda na Arxentina; Alexandro Campos Ramírez, máis coñecido como Alexandre Finisterre, inventor do futbolín que fabricou e exportou dende Guatemala para todo o orbe; Isabel Barreto, a única almirante muller que tivo a Real Frota Española nos séculos XVI e XVII; Victorino Abente Lago, muxián que chegou a ser designado en vida Poeta Nacional do Paraguai; mesmo Amador González, o mindoniense que brillou na prensa porteña e logo marchou á Patagonia para fundar bibliotecas e, esquerdista romántico como alguén o chamou, axitar alí conciencias para mellorar as condicións de vida daquelas xentes, promovendo que se construísen camiños e pontes ou axudando ás escolas co envío de libros e instrumentos de música.
Toda esta admirable galería de galegos na América retratada con tanta amenidade coma acuidade por Neira Vilas toma forma nun volume pulcramente editado que, amais, contou como ilustrador con Xosé Vizoso, un luxo que espella nas imaxes que acompañan cada unha destas pequenas prosas, nacidas ao abeiro xornalístico e aquí madurecidas e revisadas con filigranas novas e curuscantes.
A todos os que desexen saber máis e mellor do que os nosos fixeron da outra beira do Atlántico recoméndolles esta Semente galega en América de Xosé Neira Vilas, testemuño de como en México, Guatemala, Nicaragua, Venezuela, Perú, Paraguai, Chile, EE. UU., Porto Rico, Brasil, Uruguai, Cuba ou Arxentina unha auténtica lexión de galegos achegaron o seu enxeño e talento para facer progresar aquelas terras nas que deixaron, ben alta, a bandeira da Galicia que os vira nacer.