Moitas saídas musicais en España
Pinto Antón, J.A. - viernes, 11 de septiembre de 2015
Levan coa música desde que escoitaban a Mozart no ventre da nai. Soportaron a explotación laboral infantil de compaxinar dúas carreiras académicas desde primaria. Ou desde a escola infantil para nais cobizosas e pais despistados. Houbo familias que gastaron por riba das posibilidades para comprar un instrumento, pagar estudos e cursos de especialización, aloxamento, viaxes.
Agora están titulados. Hiperformados. E non perden o sentido do humor. Din que aquí a música ten moitas saídas: Lavacolla Barajas, Oporto, El Prat. Porque España é así. O custosísimo edificio cultural levantado en poucas décadas de democracia pode colapsar: non hai educación musical na sociedade. A música vai desaparecendo en primaria, en secundaria e iso que os expertos aseguran que é irrenunciable na base educativa das persoas. E que nenos e rapazas deberían ter a oportunidade de tocar un instrumento, de cantar, de coñecer, entender, é dicir, amar a música. Pero ai!, Non canta na cha ninguén..., España é unha chaira cultural e non hai tradición musical nun país que escoita tan pouco, que berra tanto, que ama o ruído e despreza a beleza. E onde hai xente que exhibe sen pudor o seu analfabetismo musical.
Os heroes que chegaron á meta nos conservatorios despois dunha esixente formación, miran cara ao futuro
e non ven nada. Non hai oportunidades para os músicos en España, estraño país que expulsa o talento, que perde cerebro a chorros e onde non hai sitio nin cartos para a cultura. Din: 'Quero tocar aquí... pero non podo'. Xente que roza a excelencia no esixente campo da música representa outra xeración perdida. Miles de músicos novos, pulidos no crisol de moitos anos de esforzos e sacrificios emigran e están a tocar nalgunhas das orquestras máis prestixiosas dunha Europa que musicalmente empeza nos Pirineos. A pesar do altísimo talento que hai aquí e sobrevive nos escasos oasis dalgunhas orquestras e bandas. A de Silleda, por exemplo, tan recoñecida, tan premiada.
Entre os máis dañinos analfabetos musicais están algúns gobernantes. Como os que perpetraron, aproveitando a crise, a letal porcentaxe do 21% contra a cultura, o cine, o teatro, a danza, a música. E iso que enchen a boca cun patriotismo feo onde non colle a defensa do noso, das mellores conquistas culturais, dos cerebros máis educados e excelentes.
Graciñas a Deus, os músicos aínda sorrín. Felicítanse porque como aquí medraron tanto os aeroportos non han faltar saídas con destino Viena, Boston, Londres, Jonköping, Paris, Rotterdam, Estocolmo, Nueva York... Lonxe de España, onde a música está en tempos de silencio. Onde a primavera musical é así de silenciosa. Sen músicos, sen beleza. Pero con moitas saídas. Nos aeroportos.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora