Fóisenos Rafael Chirbes
Pinto Antón, J.A. - viernes, 28 de agosto de 2015
Hai noticias que deberían borrar dos noticiarios. Non pode morrer Rafael Chirbes e deixarnos orfos de palabras. Sesenta e seis anos tan necesarios, peregrino por internados ferroviarios. Nómada despois en Madrid, Marrocos, París, A Coruña, para pechar o círculo en Tabernes de Valdedigna.
Queda o caudaloso río de palabras, de boa literatura retratando esta sociedade onde, como no inferno de Dante, tentaron colocar o letreiro Perdede toda esperanza que a indignación cidadá arrincou.
Non poden morrer os xigantes, escritores necesarios, con tanta débeda coa vida. Quedan os libros, Mimoun, a triloxía La buena letra, La larga marcha, Los viejos amigos. Quédanos Crematorio, En la orilla, retratos durísimos, acerados da especulación urbanística, da España derrotada pola crise e polos canallas. Fotografía da podremia de constructores desalmados, banqueiros cobizosos, políticos cómplices. Aí estamos todos, a cidadanía sucia de cobiza, desalmada de valores, cómplice e votante de corruptos. Ao fin, todos estamos habitados polas mesmas pantasmas.
Poucas veces apareceu Chirbes nas caixas de ruído, nas pantallas de cores que atordan á cidadanía. Tan discreto, tan íntegro, ao que tanto estorbaba o espectáculo, esta farsa que oculta o sórdido osario da putrefacción político-económica e social.
O mundo que entretecía de palabras é o mesmo que camiña polas nosas rúas, as hipotecas, os titulares. Por el fomos camiñando desde aquela ilusión no abrente da democracia ata esta devastación moral da que tamén somos protagonistas.
Os personaxes que deambulan por Crematorio ou En la orilla son os mesmos cos que nos atopamos na rúa, os que eleximos para os gobernos, os que construiron as nosas casas, os que agora copan os titulares. Son as ovellas negras da nosa familia, se é que a familia non é un rabaño de ovellas negras.
Chirbes describe coa precisión do cirurxán, de xeito austero e implacable, con recunchos para a tenrura, esas paisaxes, calidoscopio do territorio humano. Nas últimas décadas son esceas de fango, de crueldade neoliberal contra os seres humanos. E, no medio, esta confusión de valores, esta desorde moral, este silencio dos covardes, este atordamento polo ruído mediático.
Véxase no retrato deste país a barroca fachada da modernización e das fastosas pirámides onde se agacha a corrupción pandémica e unha crise que desnudou á boa parte clase política, nin de lonxe á altura do desafío, e percibida pola sociedade como praga de langosta arrasadora do público.
Novelas duras, de lectura lenta e dixestión rumiante, unha polifonía de voces onde tamén están as nosas. E as deste tipo bo e íntegro. Un home honesto, novelista que convén ler e reler. Morreu Rafael Chirbes. Fóisenos Rafael Chirbes.

Pinto Antón, J.A.