Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Visitas presidenciais

lunes, 24 de agosto de 2015
Ó fío da visita presidencial, botando contas coa miña compañeira destas páxinas, Laura Fernández, e logo de facer memoria ata onde me alcanzan as entendedeiras, cheguei á unha curiosa conclusión. Os únicos presidentes do goberno dos últimos 75 anos que non pousaron os pés na miña vila traendo con eles unha cohorte de xentes foron José Luís Rodríguez Zapatero e aquel que probablemente máis razón tiña para achegarse a estas Terras de Celanova por motivos de caste, Leopoldo Calvo Sotelo.

O penúltimo, é dicir José María Aznar, fíxoo un día ardente de verán coma o do pasado mércores, pero do mes de xullo do 2001. Loxicamente, aínda que 14 anos case dan para ir á lúa e volver en motocicleta, son moitas as xentes que lembran con nidieza o seu rictus hierático e distante cada vez que estreitaba a man (eu xa escribín aquí que non me ofrecín para darlla por máis que o tiven ben cerca) para saudar a unha mínima parte do que o fixo o mércores o seu continuador compostelán.

Felipe González non veu como presidente, pero si pisou as pedras da Praza Maior como candidato electoral do PSOE, non alcanzo a fixar agora a data.

O mesmo lle aconteceu a Adolfo Suárez, que só pensou en Celanova en clave electoral e achegouse á vila de Curros Enríquez e Celso Emilio da man de Senén Ramos cando o proxecto do CDS comezaba a verse xa coma un romántico espellismo.

Pola súa banda, o dictador si que tivo vagar de coñecer a grandiosidade monacal de San Rosendo a finais dos anos 40, se non me traizoa a memoria, co fin de achegarse ás Conchas para inaugurar o primeiro encoro de España e inaugurar así unha longa ristra de inauguracións que darían lugar á aquela famosa sentencia: "¡Queda inaugurado este pantano!". E non só iso, senón que incluso -descoñezo por qué- acabou mandando anos despois á súa muller, para tremor das xoierías.

Calvo Sotelo, un dos dous que non veu, tiña sen embargo abondosas razóns polas que achegarse ata aquí, non en van, como teño escrito outras veces nestas columna, na casa grande de Sorga aniñan as sombras e as lembranzas de toda a súa torgueira materna e mesmo o Concello de Celanova preparou nalgún momento do seu curto mandato un completo dosier para convidalo. Pero, polo que fose non veu e agora xa non ten remedio.

Finalmente, José Luís Rodríguez Zapatero, que si andou por outros lugares da provincia, tal e como sentenciou nun intre transcendental aquel "mordomo" da Zarzuela: "Ni está, ni se le espera".
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES