Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ramón Chao en Vilalba

Paz, Moncho - lunes, 24 de agosto de 2015
O escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, Ramón Chao en Vilalbacomo recoñecemento á súa traxectoria vital e profesional. O acto terá lugar no Paseo dos Soños da capital chairega, comezando ás 12 horas coa recepción que lle farán amigos e vecinos no Muíño do Rañego, onde se celebrará unha mesa redonda na que intervirán os representantes das entidades organizadoras: Afonso Blanco Torrado (Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña (Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano de Galicia). O evento, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, conta coa colaboración do Concello de Vilalba.

A continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini e Mero, xunto con varios gaiteiros) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono 646 413890.Ramón Chao en Vilalba
Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.
Paz, Moncho
Paz, Moncho


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES