Fica memoria de Manuel Luis Acuña pola publicación dun único poemario: Firgoas. Se atendemos ao colofón da obra, saíu do prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal o 6 de setembro de 1933 e foi pronto recibida con aplauso en cabeceiras como A Nosa Terra, La Región ou Heraldo de Galicia, nalgunhas das cales o autor era tamén colaborador.

O exemplar da primeira edición que se amosa (e que reproduce a cuberta que para esta deseñou un daquela ben mozo Manuel Prego de Oliver) vai dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, institución de prestixio á que pertencían moitos galeguistas que Acuña admiraba e dos que mesmo era correlixionario no PG, como os tamén ourensáns Risco e Otero Pedrayo ou o rianxeiro Castelao, o que xustifica o obsequioso envío do libro ao SEG.
Ás cinco da madrugada doutro 19 de agosto, o de 1975, diluíuse no Gris Manuel Luis Acuña:
Nin branco nin preto.
Eso
Sin tremores de ríos
nin badaladas de páxaros.
Sin ritmo de astros
nin estraligos de noite medoñenta.
Sin oubeo de lobos
cando o vento galga por cómaros e crevadas.
Sin salaios de arbres
cando asolagan rosas nos remuiños do solpor.
Periférico.
Sin cerne nin miola.
Chairo.
Sin apertas de curvas nin adeuses de penedías.
GRIS.