Este é o título do libro editado por Embora que o pasado día 6 se presentou no salón de actos da sociedade Amigos da Paisaxe do Seixo cuxo autor é Bernardo Máiz, un doutor en Historia que fai crónica da memoria nos seus traballos e que nos achega a datos que axudan moito a entender de onde vimos e da evolución que experimentamos no contexto da nosa contorna dun tempo a esta

parte. O libro refírese ao Seixo e do que nel aconteceu nun período comprendido entre 1730 e 1930, e dicir: douscentos anos. Pero non vou falar do libro porque é moito mellor que vostedes o lean, e si da súa presentación e da miña vinculación co seu autor, excompañeiro de instituto (ambos eramos da outra banda), logo na universidade, aínda que en diferentes cursos, e máis tarde aquí, eu en Mugardos e el no Seixo.
Bernardo representa ese tipo de persoas que aman profundamente o sitio onde lles tocou vivir, que viven, diría que con paixón, todo o que concerne ao seu lugar de nacemento, aínda que no caso do meu amigo poderíamos aplicar aquilo que se di de un non é de onde nace, senón de onde pace porque Bernardo Máiz naceu en Ferrol pero paceu no Seixo e o vive de tal xeito que reivindica todo o que haxa que reivindicar para ese fermoso recuncho do concello de Mugardos, aínda que neste caso eu non me atrevería a dicir que O Seixo pertence xeograficamente a Mugardos porque, malia que sexa así, a Bernardo non lle gusta e se queixa do exercicio de capitalidade que a miña vila fai sobre seu lugar de residencia. É a maneira de manter ao Seixo en vixencia e con certa distancia das decisións que se toman na capital. Esta actitude que podería ser vista coma un exercicio desmesurado de localismo, pon en valor a unha localidade que toma pulo por mor de atoparse nela un personaxe coma Bernardo Máiz, querido e admirado polos seus veciños. E isto quedou amosado o día da presentación do libro aludido coa presenza masiva dun público que ateigou ata a bandeira o acolledor local da sociedade Amigos da Paisaxe arroupando ao seu historiador nun feito que rompeu coas expectativas en actos deste tipo nunha tarde calorosa deste verán sufocante.
Moi poucas veces vin tanta expectación nun evento así e que resultou, dito sexa de paso, un pouco longo malia, imaxino, ter os tempos de intervención previamente distribuídos.
Sabendo que iso é difícil de controlar, o público aguantou a calor e gozou coa intervención do autor que encheu a súa palestra de anécdotas que engaiolaron á un público entregado xa denantes de comezar o acto.Foi unha demostración do afecto e simpatía que esperta Bernardo Máiz nos seus veciños do Seixo.
Resulta curioso que saibamos da historia dun xeito global, do país, do mundo e ignoremos moitas veces a nosa máis próxima, esa intrahistoria que forma parte do desenvolvemento da vila na que nacemos ou na que vivimos dende hai moito tempo. Por iso son necesarias iniciativas como a vivida no Seixo o outro día coa presentación dun libro que fala do Seixo, que pescuda nun tempo no que transcorreron cousas e feitos que teñen que ver con noso devir, que ven de amosar un pasado que tanto repercutiu no presente. O que sucedía no Seixo nos douscentos anos que van dende o 1730 ata 1930 era practicamente descoñecido para a inmensa maioría da xente que vive alí. Algúns dirán que tanto lles ten, pero outros quererán saber, e para iso aí está esta achega de Bernardo Máiz, O Seixo:Na outra Banda da Banda de Ferrol; para iso e para facer historia, unha historia rigorosa e documentada .É bo e preciso seguir por ese camiño.