Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Buscando a Antonio López

miércoles, 19 de agosto de 2015
Loxicamente, non vou ser eu quen poña en dúbida os seus coñecementos artísticos e, en consecuencia, tampouco me estenderei en explicarlle quen é o tal Antonio López, aínda que debido ó altísimo número de homes que poidan atender a esta denominación, direille que me refiro a ese pintor manchego coñecido polo gran público por dúas cousas, o grande retrato realista da Gran Vía madrileña e ese cadro da familia real que nunca acabará de pintar por máis que xa llo teña entregado ós xubilados monarcas.

Pois ben, buscando unha exposición que souben que había nunha aldea cántabra que tiven oportunidade de visitar de forma fuxidía a pasada fin de semana, aconteceume unha pequena curiosidade "desas de galegos" que me prace compartir con vostede.

Cando cheguei a Torrelavega o venres pola tardiña, dándolle unha refollada ó xornal lin que nunhas antigas escolas do municipio de Mielgo, situado entre a ría de Suances e a de Liencres, acababan de abrir unha mostra do pintor de Tomelloso que hai uns anos bateu tódolos records de visitas no Museo Thyssen de Madrid.

Evidentemente, picoume a curiosidade de saber cómo un concello tan pequeno fora quen de levar á súa sala de exposicións, non só a obra de tan prestixioso artista senón tamén ó propio artista, polo que tan pronto tiven lecer busquei o lugar, non moi ben sinalizado, por certo.

Na infroituosa procura, moi preto da Casa do Concello reparei nunha tapería que tiña o nome de "Raiña", cousa que me fixo desistir da procura da sala, pois Antonio López podería esperar, e na compaña dun meu sobriño dirixirme a ela cheo de certeza de que acabaría por dar cun deses galegos que un sempre topa nos lugares máis inesperados.

"Buenos días, queríamos dos cañas y alguna tapa", saudei a quen estaba detrás da barra nun correcto castelán pero co meu falar de Celanova. Como era de esperar, el logo captou a miña fala, pero deixouse levar… Ata que nos serviu a comanda, momento no que lle preguntei se o nome da tapería respondía á orixe do propietario, asentíndome cun si xestual que me levou a continuar a conversa -xa cunha certa confidencia- e preguntarlle de onde era, ó que me contestou que "de Ourense", cousa que fixo subir o nivel de confianza, polo que desvelei a miña procedencia celanovesa e el a súa do Barco.

E qué fai un do Barco por aquí?, continuei co meu inquérito. Entón, fixo un silencio expresivo, coma se de súpeto o pasado todo se lle puxera por diante e díxome que era moi longo de contar, que iso precisaba tempo de vagar e unha botella de viño sobre a mesa.

Nunca mellor dito, serviumo en bandexa. Démonos a man, tomeille a palabra e prometín volver para que me conte a súa historia. Unha historia sobre a que eu xa comecei a fabular e que se é tan literaria coma o envoltorio verbal co que adorna -mentres as sirve- as súas tapas, promete ser propia da mellor literatura de viaxes. E, senón, ó tempo...
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES