Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Explotacións de leite: Golpe letal

miércoles, 19 de agosto de 2015
Era previsible, e así o vimos no pasado mes de marzo deste ano 2015, antes que o día 31 dese mes quedaran anuladas as cotas lácteas. A total liberdade de mercado de produción e venda de leite, que as autoridades estatais e autonómicas quixeron vender como unha oportunidade, está converténdose nunha grave crise para as explotacións gandeiras galegas e doutras rexións produtoras de leite. Durante os últimos sesenta anos, dende o primeiro censo agrario de 1962, a historia das explotacións agrarias de Galicia foi, segue sendo, unha auténtica epopea.

Un pasado aínda na memoria dunha xeración

No Censo Agrario de 1962 había en Galicia 433 mil explotacións con terras; mais co baleiro da emigración naquela década dos anos sesenta, moitas facendas quedaron paralizadas ou incluso pechadas. Os economistas e demógrafos dixeron que aquela desfeita era un tributo a pagar necesariamente á nova situación do mercado agrogandeiro. E todos quedaron tranquilos, pois esperábase que despois daquel cambio acelerado viría o equilibrio dunha nova situación social. Os labregos que permaneceron ó fronte da facenda familiar, comezaron a buscar unha pluriactividade cun traballo asalariado, e o mesmo tempo as mulleres e parentes maiores colaterais sostiveron a explotación orientada cara a unha produción gandeira especializada en vacún de leite. Así mesmo iniciouse unha mecanización agraria con maquinaria de segunda man. Pasar dunha agricultura tradicional a outra de mercado supuxo un esforzo colosal para aqueles labregos; case ocorreu como nas epopeas gregas.

Na véspera da integración á Comunidade Europea en 1986, as vellas estruturas agrarias estaban case intactas. Segundo o Censo Agrario de 1982 había en Galicia 361 mil explotacións, o minifundio de parcelas e explotacións era predominante, polo menos nun 80% do territorio agrario galego; e a concentración parcelaria non colleu ritmo porque os mesmos expertos e funcionarios considerábana cara, lenta e non suficientemente rendible. Hoxe estase demostrando que a longo prazo si que era unha solución necesaria e imprescindible, xunto co cooperativismo e outras transformacións para unha modernización viable das explotacións agrogandeiras e para resolver o problema das propiedades dos emigrantes ausentes, que aínda hoxe nin poden vender, nin alugar nin limpar de malezas as súas microparcelas. O labirinto minifundista segue intacto en máis dun 75% do territorio galego, con algúns amaños feitos polos agricultores, gandeiros e absentistas.

O soño europeo e o longo mal despertar

Deseguida se cumprirán 30 anos da integración de España na Comunidade Europea. Desde os comezos rexeu a chamada cota láctea que impuxo a cada explotación un tope de produción de leite. En teoría foi unha boa medida para protexer as pequenas explotacións no gran mercado europeo; máis a maioría das explotacións galegas, que estaban en fase de despegue, quedaron cunha cota láctea moi pequena, case ridícula. Quen tivo a responsabilidade daquel desaguisado? Aínda hoxe os negociadores e organismos oficiais do ramo agrario disimulan aquel mal paso. Posteriormente empezou o baile da compra-venda de cotas de leite entre produtores e mesmo entre rexións de España; e ó final recente moitas explotacións quedaron cunha débeda importante arrastrada ata o actual intre problemático.

No último Censo Agrario do 2009 había en Galicia unhas 79 mil explotacións e, a pesar dos tropezos, unha décima parte das explotacións leiteiras galegas, unhas 10.000, resistiron ata este intre no que teñen que enfrontarse a un liberalismo total dun mercado que as asfixia. Calculan os expertos que cando menos un 30% ou un 50% das explotacións leiteiras galegas poden desaparecer en moi curto prazo; e dicir, quedarían tan só unhas 7 ou 5 mil explotacións leiteiras en toda Galicia. Onde foi do gran potencial agrario e gandeiro galego?

Certamente, durante os últimos trinta anos, e a pesar dos sobresaltos recorrentes, deuse un gran avance na modernización das explotacións gandeiras; mais o seu sostemento a longo prazo estivo sempre ameazado desde tres frontes básicos que hoxe acadaron un estado crítico: o minifundio de explotacións e parcelas, os prezos estancados ou a baixa do leite e a sucesión ó fronte da explotación familiar. Os tres problemas seguen irredentos na maior parte de Galicia.

O minifundio de explotacións e parcelas intentouse corrixir con algunhas concentracións parcelarias feitas durante setenta anos e nos últimos tempos cos alugamentos do Banco de Terras. Os resultados seguen sendo lentos e tardíos, aínda que, todo hai que dicilo, déronse avances importantes; mais a este ritmo nin en varias xeracións se resolverá este minifundismo e a desfeita agrogandeira está avanzando por varios camiños.

A oscilación de prezos sostívose con altos e baixos, mais con fortes imposicións por parte das industrias recolledoras e dos grandes distribuidores ata que neste intre chegou un mercado libre sen regras claras nin apenas garantías, o que está sendo letal para centos de explotacións leiteiras galegas e dalgunhas outras rexións. De súpeto xurdiron dúas inquedanzas xa intermitentes en anos anteriores: o descenso drástico do prezo do leite e a ameaza real de non recoller ese produto perecedoiro día tras día nas explotacións. Neste escenario tan agresivo, os gandeiros produtores de leite non teñen instrumentos legais de negociación vinculante fronte as industrias recolledoras, transformadoras e distribuidoras do leite.

A Ministra de agricultura e a Conselleira galega do Medio Rural repetiron alegremente que os produtores están ante unha “gran oportunidade”, que deben “aprender a negociar”, frases ocas fronte ás dimensións e ramificacións reais do problema. O Presidente, Sr. Rajoy, limitouse a recoñecer a situación ruinosa para as explotacións leiteiras galegas. Ante o feito consumado de que as autoridades francesas estableceron un prezo mínimo de 34 céntimos para o libro de leite, o representante do Ministerio de España dixo que non se podía facer o mesmo porque iso non é legal. Non é legal? Non é legal defender un sector básico da economía nacional? Que Estado de Dereito construíron estes políticos? As autoridades autonómicas non teñen nada que alegar? Tan só pedir o voto ós gandeiros afectados? Que paradoxo!

A cuestión da falta de sucesión ó fronte das explotacións é moito mais complexa, tanto desde a perspectiva da economía como da psicoloxía colectiva. Combinada cos outros dous problemas, minifundio e prezos baixos, xa produciu na xuventude rural unha mentalidade colectiva de incertezas e unha alarmante agonía demográfica no medio rural disperso; primeiro nas aldeas e parroquias, e despois nos pequenos núcleos en despegue urbano. Foi, segue sendo un destino fatal e inevitable para medio rural galego? Non, foi e segue sendo o resultado dunhas políticas erráticas de “deixar pasar” durante moitos decenios.

Que ocorre aquí e agora

Hai un agravio comparativo, tanto nos prezos medios de Europa como entre as comunidades autonómicas españolas. Segundo as estatísticas publicadas, os prezos medios do leite nalgúns países europeos son estes: Alemaña, 28,83 céntimos/litro; Austria, 31,90 c/l; España, 29,46 c/l; Francia, 30,70 c/l; Holanda, 30,00 c/l; Italia, 34,76 c/l; Irlanda, 28,20 c/l; Lituania, 20,10 c/l; Polonia, 26,93 c/l; e Reino Unido, 31,96 c/l.

En España á cabeza do ranking dos prezos do leite están os gandeiros canarios, ós que a industria pagou una media de 45,1 céntimos/ litro, case o dobre que ós produtores galegos (0,27). Segue na lista Andalucía (34,3), País Vasco (33,33), Asturias (32,7) e a Comunidade Valenciana (32,6). Xunto con Galicia, as explotacións que menos perciben por cada litro de leite son as cántabras (29,5); son as dúas únicas comunidades que están por debaixo dos 30 céntimos/litro.

Os desafíos máis inmediatos para os gandeiros galegos son un prezo medio de 0,27 céntimos/libro para o leite galego, e nalgúns casos o prezo está por debaixo dos 20 céntimos/litro. En xeral uns tres céntimos menos por litro en Galicia que no resto de España; e ademais a ameaza arbitraria, xa executada nalgúns casos, de non recoller o leite día tras día. A todo isto engádese a banalización final das ofertas de leite por baixo do prezo de custe realizada por algunhas grandes superficies de venda. Este liberalismo descontrolado conduce a que os gandeiros produtores de leite estean practicamente abocados a producir por baixo do prezo de custe, e nesta situación non poderán resistir durante moito tempo. Estamos ante un golpe letal para unha parte importante das explotacións leiteiras de Galicia. Pero ademais irán chegando, a ritmo bastante acelerado, as repercusións negativas en cadea para tódolos grupos implicados no sector agrario. Deben reflexionar os veterinarios, os vendedores de maquinaria agrícola, os talleres de reparacións, as pequenas vilas totalmente dependentes da economía do seu entorno rural, etc., etc.

Sabemos que o leite é un dos alimentos básicos. A súa produción e prezo non deben estar sometidos a unha inestabilidade arbitraria e caprichosa do mercado, por iso debe estar garantido o seu prezo de produción, o prezo mínimo de venda inicial e o prezo final máximo de compra polo consumidor. O milagre da Europa verde debeuse ás proteccións e garantías que tivo o mundo agrario europeo, mais agora entramos nun mercado totalmente libre onde os máis débiles serán varridos. E todo semella que a Galicia e a outras rexións tocoulles apandar con ese papel dentro do conxunto de Europa.

E mentres tanto os organismos e autoridades españolas e galegas soltan declaracións retóricas e algún millón para calmar os ánimos, mais sen intervir no esencial: ordenar de forma legalizada e vinculante as relacións entre os diversos actores sociais implicados: os produtores do leite e as súas organizacións, as industrias de recollida e transformación, as empresas de distribución e comercialización. Hai que romper ese liberalismo desbocado aplicado a un produto de primeira necesidade, evitando que os gandeiros produtores e outros eslavóns débiles da cadea sexan sometidos e manipulados polos máis fortes. Hai uns días un gandeiro produtor de leite preguntábase: “de que me vale que me paguen os intereses do banco, porque eu no necesito préstamo bancario senón que me apoien cun prezo sostible no tempo para poder sobrevivir e mellorar. En realidade a quen apoian é ós bancos que obteñen os cartos a interese cero e véndenos ós gandeiros con préstamos e intereses ben garantidos”.

Que futuro podemos soñar?

Cal é a conciencia colectiva da sociedade galega fronte a este perigo que ameaza a economía e a sociedade rural? Afortunadamente os produtores afectados, as cooperativas, os sindicatos, os alcaldes e corporacións máis próximas o medio rural, os grupos vinculados a economía agraria e os diversos comerciantes, decatáronse da situación perigosa que se aveciña a ritmo acelerado; mais as manifestacións verbais dos responsables estatais e autonómicos están aínda no limbo das ideas e das promesas político-burocráticas abstractas. O resto dos grupos sociais e institucións galegas semellan non percibir aínda a magnitude do que está en xogo e se aveciña. Debemos estar atentos o que ocorre a curto, medio e longo prazo.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES