Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inxerir divindade

martes, 18 de agosto de 2015
Seguimos co tema de Xesús como “pan de vida”. Un tema que xa nos leva ocupando varios domingos nas nosas eucaristías. Este domingo, mesmo se nos repetíu enteira, ó comezo do Evanxeo, a última frase do Evanxeo do último domingo, que era moi central no discurso de Xesús: “Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo”.

Deste xeito non perdemos o fío da mensaxe falada de Xesús, que continúa hoxe sen engadirse case ningunha idea nova ó xa dito e comentado no último domingo. Mais esta mesma insistencia de Xesús en que el é para nós verdadeira comida e bebida vén indicarnos que se trata de algo moi importante na súa mensaxe.

Santo Ignacio de Loiola nos seus Exercicios Espirituais utiliza de cando en vez a que el chama “repetición”, para que quen fai os Exercicios volva sobre algún tema ou misterio a meditar da vida de Xesús que considera de especial importancia ou transcendencia. Algo semellante podemos facer hoxe, volvendo sobre ideas xa expostas arredor deste mesmo tema de Xesús como comida e bebida, como fortalecemento espiritual das nosas vidas.

Unha das ideas, coido que central, que lembraredes é a de que a comida divina que os cristiáns deberiamos practicar responde a unha necesidade básica ou fundamental que temos todos desde que nacemos ata que morremos. Unha necesidade que se concreta, diciamos, nos desexos desmedidos que temos todos de vivir e de continuarmos vivindo por moi vellos que sexamos e por máis que o noso carné de identidade nos estea a dicir que convén xa que deixemos sitio neste mundo para outros máis mozos que se comportarán seguramente mellor que nós...

Non. Non estamos equivocados nese desexo que poderiamos cualificar como baleiro e iluso de querer seguir vivindo. Porque é Deus mesmo quen alimenta ese desexo e quen nos ofrece unha fonte de vida onde poder saciar sempre esa sede nosa que nunca acaba. A nós non nos é abondo con calquera cousa limitada ou pequena. Querémolo todo. Queremos a Deus. E Deus ponse á nosa disposición como comida e bebida.

Desde logo os cristiáns non somos nisto tan diferentes, aínda que o poida parecer, doutras culturas e relixións que tiveron ideas semellantes ou practicaron ritos parecidos ós que se derivan da mensaxe de Xesús como comida e bebida.

Advertiron xa esta semellanza, por exemplo, os que puideron contemplar os ritos dalgúns pobos americanos nos primeiros tempos da conquista de América. Realizábanse alí certos ritos que, segundo nos contan os que os presenciaron, lles recordaban con toda razón o que eles, como cristiáns, realizaban na celebración eucarística en Europa. Pois os indíxenas que participaban naqueles ritos americanos (que nós poderiamos considerar equivocadamente desde o noso punto de vista como simple antropofaxia) vían de feito naquilo que estaban a comer nos seus ritos relixiosos algo divino, aínda que só fose de maneira simbólica ou representativa.

A linguaxe de Xesús sobre si mesmo como comida e bebida participa tamén deste mundo simbólico e representativo. Cando nós dicimos hoxe que na eucaristía comunitaria nos alimentamos da palabra e do corpo de Xesús, Fillo de Deus, estamos a dicir e a crer que a súa palabra comunicada ós apóstolos e á Igrexa alimenta realmente a nosa vida cun manxar que dá vida e forzas vitais.

E cando participamos na eucaristía, recibindo en nós o corpo de Cristo en forma de pan, estamos a dicir e a crer tamén que a persoa real e concreta de Xesús é alimento inmortalizador e vivificador da nosa existencia.

Con iso acadamos precisamente o que no fondo de nós mesmos desexamos con máis forza e vehemencia.

Pois ben, se miramos por nós mesmos e miramos tamén pola vida dos demais, a mensaxe de Xesús como comida e bebida que inmortaliza debería enchernos de alegría e de agradecemento.

Agradezámosllo a Deus nesta eucaristía, pois toda eucaristía é fundamentalmente, como ben sabemos, agradecemento. Enchámonos así do “Espírito Santo”, coma dun viño xeneroso e forte que, en vez de atordarnos e facernos perder a cabeza, nos inunde de fonda alegría e de agradecemento sincero cara ó noso Pai do ceo, que se nos fixo presente en Xesús como comida e bebida.

Algo disto semella dicirnos Paulo na segunda Lectura do pasado domingo: “Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso, enchédevos de Espírito, falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor e dándolle grazas decote a Deus Pai por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES