O ensino agrogandeiro
Blanco Torrado, Alfonso - martes, 18 de agosto de 2015
Non é a miña intención publicitar un centro de ensino en comparanza con outros, pero sí que temos que agradecer que o Ies da Terra Chá Xosé Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea ofreza un ensino dedicado á produción agrogandeira e ao coñecemento e conservación medioambiental con ciclos básicos de actividades agrarias coma peóns agropecuarios, e tamén en horticultura, fruticultura, explotacións gandeiras, cultivos herbáceos ou de flor cortada, muxidura, industria alimentaria, e tamén ciclos superiores de Paisaxismo e Medio Rural, e Xestión Forestal e do Medio Natural, unha oferta que integra o coñecemento e a conservación do eido que nos fornece de vida dun xeito sostible.
Todo este ensino é o acaído nunha época na que está a perderse o xorne da nosa agricultura, comezando polo desanimo dos produtores, entre os que escasean os menores de 40 anos...
Ofrecer ciencia e investigación entusiasma a unha mocidade que está a emigrar, abandonando as terras da súa casa a alleos que se pechan no monocultivo dun xeito intensivo ou que non son os que as traballan, esquecendo a horta, despensa de froitas e hortalizas que foi o sostén da familia...
En Castro apréndese a producir respectando o medio ambiente e incentivando á biodiversidade que olla máis alá desas pradeirías danadas con praguicidas que tamén refugan as abellas responsables da polinización das plantas, e polo tanto dos recursos alimentarios. A agricultura familiar medra no compromiso co territorio, cultivándoo dun xeito sustentable.
Tamén é verdade que son necesarias medidas politicas e económicas que teñen que ser o primeiro obxectivo das administracións, loitando por unhas explotacións rendibles e un medio rural cos servizos necesarios para unha mellor calidade de vida. Está en xogo o noso futuro e o da Europa dos pobos que necesita da soberanía alimentaria para non ser engulida polas multinacionais sometidas aos intereses comerciais a costa do manancial de saúde que é a Nai Terra.
Non estamos a chorar polo paraiso perdido, reivindicamos a politica axeitada para os produtores e os consumidores que tamén somos vítimas da deturpación dos nosos recursos, descoñecendo a orixe e proceso da nosa alimentación. As e os labregos urxen un mercado que valore o seu traballo e non só beneficie ás distribuidoras e industrias.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora