Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Comportamentos antisociais

Rubia, Xoan - lunes, 17 de agosto de 2015
Comportamentos antisociais A pasada fin de semana saín da miña vila porque as grandes aglomeracións me superan, malia recoñecer que a proclamada “Festa do Polbo”, incardinada xa no calendario dos actos máis importantes dos que suceden aquí, supón un gran alicerce para todos os que ven niso unha maneira de poñer en valor un prato cuxa elaboración forma por dereito propio parte moi importante da gastronomía de Mugardos.

Segundo din certas fontes de información, máis de 17.000 persoas achegáronse o sábado por estes lares co que todo iso significa para a hostalería e a promoción da vila. Pero non quería falar dun manxar tan exquisito, que tempo haberá, e si do que aconteceu na miña fuxida na procura de tranquilidaderelacionado con certos comportamentos de individuos seriamente descerebrados e xa que logo moi curtos de educación. Polos seus feitos os coñeceredes e por eles quedan definidos.

Non é a primeira vez que me rañan o coche e imaxino que isto lles sucedeu tamén a algún de vostedes outrora. É este un acto irracional propio de impresentables que non buscan outra cousa que facer dano e ocasionar prexuízo gratuíto coa súa acción incívica. Non é fácil entender como alguén levado por non sei que clase de instinto, decide arremeter contra un coche estacionado na vía pública sen que medie razón para tal cousa. Evidentemente o cabreo que colles é monumental, baixa todo o santoral lembrándote do vándalo e a familia da que provén que, dito sexa de paso, non ten culpa de ter, ou si vaian a saber, un fillo tan cafre e tan mal ensinado.

E o caso é que un vai na procura de atopar explicación, de reflexionar diante da acción dese malfeitore da indefensión experimentada, porque xa me dirán o que se gaña con denunciar o incidente. Dirán que a policía non che está para esas cousas, que é cuestión de mala sorte, que non poden perder o tempo con esas parvadas así que vai buscar un de capa negra en Santiago, e a ti non che queda outra que botar man da lei do talión se por casualidade colles ao delincuente coas mans na masa, cousa por outra parte problemática se lle fas dano, así que ademais de burro, abaneado.

Isto de rañar un coche na rúa ven de ser un delito menor ou se acaso unha falta leve e o delincuente o sabe de sobra, así que actúa cunha impunidade absoluta. Un amigo que di entender destas cousas me comentou un día que un coche estacionado na rúa ven de ser coma un obxecto abandonado e se alguén cho rouba non se considera furto senón algo así coma unha apropiación indebida. Así as cousas non é de estrañar que individuos que adoptan comportamentos antisociais campen ás súas anchas.

Logo de comprobar os danos infrinxidos no meu coche, de xurar en arameo e de ir asimilando pouco a pouco o cabreo, pensei na nosa Concepción Arenal e na súa célebre frase “Odia o delito e compadece ao delincuente”. Vale, pensei; isto está moi ben para teorizar sobre o tema, para filosofar sobre a delincuencia e as súas causas, pero cando sofres directamente os efectos dun acto delituoso, a sangue ferve, a ponderación diminúe e os instintos de desquite agroman en avalancha, e de súpeto a famosa frase “odia o delito e compadece ao delincuente” convértese en: “odia ao delito e hostia ao delincuente”. Menos mal que ao ser humano se lle supón capacidade para controlar a violencia ( a uns máis ca outros) e axiña pensei noutra cousa coma por exemplo poñerme canto antes en contacto co taller de chapa e pintura para amañar os danos, renegando ao tempo dese delincuente covarde que actuou coa aleivosía da noite. De nada serve alporizarse máis da conta. Que lle imos facer!.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES