Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festas para os de dentro ou para os de fóra?

jueves, 13 de agosto de 2015
De novo retornou o verán e con el retornaron por algún tempo emigrantes, turistas, calores e as tradicionais festas. Que sexan todos ben vidos.

Nesta época escóitase dicir moi a miúdo no mundo rural, que é ó que agora me quero referir principalmente:
-Non hai días abondo pra tanta festa.

O que tal dito quere expresar é o desacougo e o incomodo que produce entre o vecindario o feito de que en vilas e parroquias rurais próximas cadren as festas nos mesmos días; pero logo, pra consolarse tamén se di:
-Se non hai máis xente hai menos, que a festa faise para os da casa, e non para os de fóra.

A cousa tén a súa parte de verdade. Penso que se fan en primeiro lugar para os propios veciños, pero non é de todo exacto que non se fagan tamén para os de fóra; porque paréceme que os foguetes tíranse máis pra anunciarlles que se está en festa ós de lonxe ca ós da propia localidade; pois se estes non se enterasen de que ía haber festa ata que escoitasen os primeiros foguetes, non lles daría tempo a poñer a amollo os garavanzos, nin a esfolar os carneiros, nin case a pelar as patacas.

Doutra banda, as festas son un elemento máis dos que configuran a identidade dos pobos e é bastante habitual que a identidade se reforce confrontándose cos demais e así, tamén as festas poden ser, e de feito son en máis dun caso, outro elemento de competitividade entre os pobos, polo que tamén se fan, xa que logo, para que as vexan e as disfriuten os de fóra e, se pode ser, para que exclamen:
-Vaia festa!. Non se viu outra coma ela na rodeada!

A competitividade pode ser un estímulo que nos mova e nos impulse a superarnos; pero así e todo, aplicado ó caso das festas, paréceme que pode ser perigoso, porque, se o principal obxectivo das festas fose aparentar ser máis ca os veciños do lado, o mesmo resultaban pasadas por auga, debido a que o medo a non conseguilo poderíanos impedir disfrutar, e unha festa con medo na que non se disfruta, nin é festa nin é nada.

Se cadra, a competitividade excesiva impídenos disfrutar non só das festas, senón tamén de moitas outras cousas, por ser un dos resortes máis eficaces pra espertar agresividades que nos amargan a vida.

É posible que vaia habendo parroquias que por non poder competir deixan de facer festa. Creo que é un erro e unha perda, aínda que hai que analizar cada caso, pérdese a solidariedade e colaboración entre veciños, o encontro con familiares, a visión de que hai días máis luminosos e non todo é tristura, a celebración da fe herdada e aceptada…

Por iso, creo que paga a pena o esforzo do conxunto e é moito de agradecer o esforzo dos que se poñen a organizar. Graciñas, logo, ós que coñezo e tamén ós que non. Ser capaces de gastar tempo polos demais ben merece ser celebrado.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES