Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A temperatura da auga

miércoles, 12 de agosto de 2015
Iso de que todos somos iguais baixo da luz do sol é cousa que os galegos negamos desde o principio dos tempos.

Os galegos avaliamos a luz do sol e a calor do sol en distintas medidas. Pode que noutros litorais pase outro tanto do mesmo e os suecos, os senegaleses e os peruanos, érganse do leito todos os días a ver que día fai e se sae ou non o sol, porque se é isto último mal lles irá.

Os galegos non. Os galegos como en todo o mundo saben, de Norte a Sur e de Leste a Oeste, se non sae o sol, diriamos: malo será, e se sae tomariámoslle a temperatura como a un enfermo, temorosos de que sufra unha recaída e se meta entre as nubes que como todo o mundo sabe, esas nubes de aí arriba, son o leito, as sabas e a almofada do sol e, se fica alí a durmir as súas doenzas, pois o ceo achégase á terra tal que semella que nun chanzo poderíamos rubir e poñerlle o termómetro. Porque en Galiza o sol é como da casa, é como ese irmán un pouco canalla que cando chega pola mañá, despois duna noite de esmorga, non sabemos se entra ou sae pola porta.

Estás na praia, tirado na toalla ao sol ou sentado na túa cadeira de tea baixo o parasol, co xornal ou o best-seller de moda nas mans, co bater das vagas ao fondo, a leria das xentes, algún berro dos nenos que descobren a vida como xogo, e baixo este teito de sons, o que oes, ademais doutros comentarios xa clásicos en cuáquera reunión, tales como se Messi, se Casillas, se Pedro e tal, ou que se a princesa xa raíña, o cárcere da Pantoja, as Kardashian, tomando partido por unha ou outra conversa segundo a idade ou sexo dos faladoiros, o que se prodiga son tópicos nunca oxidados que se usan para situar o día de hoxe no lugar preciso que lle corresponde na valoración de verán óptimo ou mediocre.

Porque para os galegos cada día amence para ser valorado na súa xusta medida e cada día ten que gañar a aprobación dos galegos. Por iso ollamos, máis que ningún outro pobo, ao ceo. Non porque agardemos milagres, á fin temos meigas para dar e tomar, meigas que son santas e santos de andar pola casa, que se nos coan por entre as pernas mentres ollamos cara ao ceo a ver que tal lle vai ao sol.

Así, os comentarios sobre as ondas grandes ou como rompen e arrastran, a sucidade da praia que cada vez se limpa menos, a auga cálida ou fría, son a música de fondo que case suple aos saúdos e aos adeuses.

Como corresponde a esta nosa Galicia tan grande en litoral e con tantas praias visitadas por un océano que case a rodea e un mar que se asoma pola cabeza, a temperatura da auga é un tema moi importante, xa que a ese dato de dentro das augas, onde mora Neptuno, hai que acompañalo da temperatura exterior que aquí no Noroeste, máis Norte e máis Oeste, da costa achegada a Ferrol, non adoita semellarse ao Caribe.

Por iso, co das distintas temperaturas desta nosa Galiza nas que nos escaldamos os galegos, nun sur cuns graos máis elevados no exterior e de augas frías, e no norte con graos algo minguados no ambiente e de augas un pouco máis cálidas, os galegos temos conversa para un anaco. E con isto e ollar ao ceo coa cabeza alta por aquilo de adiviñar o que sabemos: que ao cabo virá a chuvia e malo será, algo de envexa temos a ese mar de Alxeciras a Istambul con augas caldo de grelos e un derreterse a pel con sombra ou sen sombra.

É por isto que cando oímos e vemos esa loita entre os ingleses e os españois polas fronteiras acuáticas da baía de Xibraltar, quedamos perplexos e ao mesmo tempo comprendemos aos ingleses que se emperrenchan tanto por quedar con ese cacho de Mediterráneo enganchado ao seu Atlántico. Dalgún xeito esa loita é unha loita por igualar as temperaturas das dúas augas e os ingleses peléxanse para quedarse coa seguridade da calor do ventre do Mediterráneo contra a seguridade do frío do Atlántico.

E é que de diferentes temperaturas, de augas e de lanchas rápidas perseguíndose, sabemos moito os galegos. Tamén os ingleses saben dunha dona que se chamaba María Pita. Isto que quede claro.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES