Algún día chegará
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 10 de agosto de 2015
Estoupa o globo que viaxa polo espazo sideral daquel país que quixo ser independente. Non o deixaron. Pero os habitantes fretaron autobuses para que os levasen ó estado da conciencia. Non houbo maneira! Manifestáronse polas rúas da realidade e cantaron o himno da liberdade sen sacrificio ningún. Os corvos do imperio disolveron as manifestacións con grallas de incompetencia e con varas ditatoriais. Non hai loitas sen mártires nin liberdades sen heroes. Uns cantos romperon as cadeas e espallaron polo mundo adiante a mensaxe de que ninguén se pode mover no país dos parvos de espírito.
Moi poucos leron as mensaxes porque o país que non quere ser escravo sigue vivindo baixo unha ditadura inmortal. Ou non quixeron entender o que leron coa esperanza de converterse algún día en corvos para grallar ás súas anchas, coma un rei na súa cesta e co bandullo cheo.
Cheo de miseria intelectual e de baballas que salpican ós pobres habitantes dun país preso que, como non, seguirá loitando pola súa liberdade, pola súa independencia. Algún día chegará.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora