Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A moi garimosa República Arxentina

lunes, 03 de agosto de 2015
Os que coñecemos a terra que agarimou a Castelao, Abraira, Alonso Ríos, Blanco Amor, Cupeiro, Prada, Pampillón ou Suárez Picallo sentimos fonda gratitude para os que abriron a porta da lareira onde puideron quecer os seus ósos despois de moitas noites de friaxe. Os emigrantes fundaron unha gran parroquia en Bos Aires coa achega do seu suor de honrados traballadores. Os froitos mellores foron para os descendentes que recibiron unha herdanza de fartura xa fose en cartos, educación ou exemplo de vida.

O desembarco nun afastado porto sempre é motivo de preocupación. A viaxe non se fixo para coñecer novas paisaxes. Por sorte, os anfitrións son boa xente e axiña aprendemos que as “pizzas” son para comer e os “tangos” para bailar ou escoitar. Nunha avenida chamada de Maio atopamos veciños da parroquia. Os recibidores saben máis de Rosalía de Castro que os recén chegados. Os domingos a gaita de Manuel Dopazo [“Mestre Maior de Silleda”] enchía de alegría aqueles desprazados corazóns.

Coido que aquela alegría de vivir foi esmorecendo. Un país aberto no que os emigrantes erguían a súa casiña e xantaban de cotío a saborosa e zumenta carne de tenreira que disque incluía unha dose especial de enerxía para o corpo e o espírito. Que foi o que aconteceu? Alguén deberá de explicarme o feito de que hoxe en Bos Aires ---o resto do país é diferente--- a maioría da colectividade galega sexa insolidaria e maleducada. Son moitos os que berran unha chea de insultos contra dunha señora presidente que foi elixida polas urnas.

Os avós emigrantes vivían sorrindo e coa cor do benestar na fronte. Agora os netos semella andaren sempre enfadados, a pesar de que herdaron un patrimonio. Os descendentes teñen empresas e propiedades polas que non suaron. Naceron nun bar, restorán, panadería ou fábrica de calzados. Entón, que pasa? Coido os convenceron de que son os elixidos para beneficiarse das inmensas riquezas dun país que ten branco xeo en Ushuia e moi forte sol na Quiaca. Queren máis. Non pensan nos que están afastados da auga potable, da electricidade ou dos servizos de saúde.

Quero destacar un feito que considero importante dentro do gran proceso renovador comezado polo ex presidente Kirchner. Quen fixo posible a saída da crise moral e económica non foi un porteño do barrio de Recoleta, foi un home nacido en Río Gallegos. Aló no sur patagónico, herdeiro de raíces suizas e croatas, adquiriu a disciplina do emigrante para encamiñarse na vida. O casamento cunha neta da emigración galega –-o avó de Cristina era da Fonsagrada--- axudouno a perseverar na idea de que o país enteiro pode mellorar se o goberno defende o interese xeral.

O que sucede é que cando se goberna de acordo coas liñas do benestar xeral; hai quen recibe golpes. Son todos aqueles que están a coller máis do que lles corresponde. Estou a falar do grupo empresarial liderado polo xornal “Clarín”. Aplaudían a Videla e a Menem. Eran bos socios. Puideron roubar o que quixeron para chegar a ter unha posición case monopólica nos medios de comunicación. Estaban moi tranquiliños ata que chega un goberno que quere democratizar os servizos de comunicación. A nova lei obriga a desprenderse de parte do seu oligopolio de canles televisivas, revistas e xornais.

Así se explica a triste e miserable campaña dos coimeros do “Clan do Clarinete” que levan anos ocultando o avance e o progreso na República Arxentina. Supoño que dentro dun tempo algún investigador presentará unha tese doutoral sobre o intento dun grupo informativo por negar a realidade ou como utilizar a información para envelenar aos cidadáns. A análise das primeiras planas de “Clarín” abonda para encher de debate calquera escola de Xornalismo. Os propietarios de “Clarín” non son estrategas. Actúan de xeito infantil e sen a máis mínima educación. Están derrotados. Non hai argumentos que sosteñan a continuidade no mercado audiovisual dun grupo empresarial que imposibilita a pluralidade informativa. Hai que limitar a forza duns empresarios que non son nadiña limpos. Non foron xulgados pola apropiación indebida de “Papel Prensa, S.A.” durante o mandato do xeneral Videla, o facilitador do roubo da empresa de David Graiver.

Creo que o 90% dos arxentinos desexa unha Arxentina de futuro. Aplauden a inauguración de hospitais, gasoductos e universidades públicas. Entón a pregunta é sobre o 10% que nega con teimosía o avance dun país que saiu da crise e da indefensión diante dos voitres internacionais. Os negacionistas non son enfermos nin desequilibrados mentais. Son egoístas insolidarios aos que lles fode ver que o veciño mercou un coche para ir de vacacións. O combustible que os move é a envexa que consomen nas páxinas de dous xornais envelenados. Coincido co xornalista Mario Wainfeld cando di que “la rabia que destilan los titulares de “Clarín” dista de ser inocente. Quiere azuzar la bronca y la desazón...”

Nos últimos dez anos a porcentaxe de cidadáns encadrados dentro da clase media pasou do 15% ao 32%. O informe do instituto estadounidense Pew Research Center indica que nunha década máis de 7,5 millóns de arxentinos melloraron as súas condicións de vida. O seu comentario é ben explícito: “Se ben é certo que o crecemento económico é o factor máis importante para a redución da pobreza e o erguemento das persoas da clase media; as políticas de redistribución do ingreso e a diminución da desigualdade tamén axudaron a expandir a poboación da clase media”. O salario mínimo [6060 pesos] é o mellor da rexión e segundo “The Guardian” as principais ideas do kirchnerismo seguirán tendo vixencia aínda que o 10 de decembro asuma un novo goberno.

O novo presidente será Daniel Scioli Méndez. Os rivais do PRO veñen de perder en 9 das 15 comunas porteñas e fóra dos lindeiros da Cidade Autónoma de Bos Aires teñen moi feble implantación. O votante macrista é moi especial. Non quere pagar impostos. O seu desexo de “porteño de medio pelo” é desprazarse ata Colonia para almorzar e logo xantar en Montevideo e cear na fermosa Punta do Leste. Algo normal se non fose porque só lle interesa pisar a verde Banda Oriental se vai co seu peto cheo de dólares. Con outra salvedade, ollo, non vale calquera dólar. Ten que ser aquel dólar “low cost” que trocabas por un peso arxentino. Con estes “macricidas” non se pode razoar. Son fundamentalistas e por tanto moi resentidos. Eloxian unha bicisenda dunha cuadra e negan o importante avance da posta en órbita dun satélite de comunicacións [ARSAT-1] feito en San Carlos de Bariloche.

As enquisas reflicten que oito de cada dez arxentinos cren que o Estado debe ser o principal responsable de asegurar o benestar da xente. Os teóricos do “macricidio” defenden a trapallada de que o Estado non debe intervir na economía. Repiten receitas caducadas. Esquecen que foi onte cando queimaron aos arxentinos cunha coimera privatización de servizos públicos. Hai uns poucos días que o PRO cambiou o seu discurso. Agora din que non privatizarán Aerolíneas Argentinas. Coido que é outra “metida de gamba” porque a cidadanía necesita tempo para dixerir o súpeto travestismo [expresión de Raúl Kollman] que convirte ao “PRO” en “papelitos al viento, un día van para un lado y otro día van para el otro”, en palabras de Diego Bossio.

A herdanza que recibirá o novo presidente é moi boa. As arcas públicas contan con abondantes recursos aínda que desde 2003 pagouse ao exterior 192.000 millóns de dólares de débeda pública. O pagamento fixo posible que Arxentina non teña que axeonllarse diante do FMI. A porcentaxe da débeda exterior sobre o PIB era do 166% en 2002 e pasou en xulio de 2014 ao 42,8 %. O país camiña polo roteiro da autonomía enerxética. Os xacementos de “Vaca Muerte” son unha fonte de riqueza que axudará ao desenvolvemento da industria local. Máis de mil científicos retornaron ao país para traballar en empresas públicas ou privadas que apostan pola creación de emprego de calidade. As obras públicas son unha realidade en todas as provincias. Na ONU aplauden a Arxentina por frear con responsabilidade os ataques inxustificados dos voitres financeiros internacionais.

Dona Cristina remata a súa xestión no máis alto do podio. O seu avó paterno, Pascasio Fernández Gómez, da parroquia de San Pedro de Neiro foi quen lle trasmitiu a paixón emigrante do buscador de novos horizontes. Os lareteiros están botando fume. Intentaron que a viúva de Néstor Kirchner se afondise e perderon por goleada xa que a neta de don Pascasio mantívose moi firme e non houbo vento que a dobregase. Hoxe é a muller con máis recoñecemento popular desde os tempos da inesquecible Evita. Agardo que poida achegarse pola aldea de Mazaeda para ver o monte que lle quedou en herdanza e xantar, convidada polos seus curmáns Adela, Manuel e Óscar, a xoia culinaria local chamada butelo.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES