Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Mondoñedo ilustrado

lunes, 03 de agosto de 2015
Nos comezos do século XX a vida dos habitantes da Cidade da Paula estaba profundamente marcada pola presenza do prestixioso e numeroso clero que nela desempeñaba as súas tarefas. Funcións, educativas no Seminario, relixiosas na Catedral, curiais na administración diocesana e pastorais nas duas parroquias da Cidade. Ilustres personaxes, tan significados algúns como Vicente Saavedra, Francisco Fanego, Enrique Costas, ou a puxante saga dos Agrelo que, a través da súa participación na vida social da Cidade, espallaban entre os seus habitantes a súa ilustración e a súa cultura humanística. Ese fluxo cultural, humanístico, filosófico e teolóxico que, dende os centros de ensino e de opinión da episcopal Cidade, impregnaba a sociedade mindoniense e tiña xa que logo a súa expresión e reflexo na vida familiar, nas conversas das barbarías e das cafetarías, e mesmo nos parrafeos dos paseos polo Cantón.

Os comentarios sobre as maxistrais leccións impartidas nas aulas do antigo seminario e transmitidas ó pobo polos alumnos externos residentes nas casas da vella Cidade constituían o tema central dos faladoiros e xuntanzas que a diario se formaban nas súas rúas, bares e barbarías e ata no mesmo casino. O elevado nivel das disertacións dos opositores ás coenxías, que con frecuencia tiñan lugar nos púlpitos da catedral, eran verdadeiras leccións maxistrais que ilustraban ó pobo que, carente doutros recursos para encher o tempo de ocio, en gran número asistía a escoitalas, tomando logo apaixonado partido por un ou outro contendente. Os brillantes e solemnes sermóns que nas festas maiores da catedral pronunciaba o seu cóengo maxistral ou os apaixonados sermóns penitenciais da coresma, que o pobo acudía devotamente a escoitar, constituían asimesmo unha fonte de coñecemento que só un pobo tan estreitamente vencellado ó seu clero, tan numeroso e erudito, podía acadar. Fontes estas de coñecemento en cuxas augas beberon tantos personaxes eruditos, músicos, poetas, literatos e homes ilustres que en Mondoñedo brillaron e cuxos nomes están na mente de todos.

Expresión desa profunda e enriquecedora comunicación entre a xente e os centros de cultura da súa Cidade, eran, ás veces, orixe das profundas paixóns e acerbas críticas que se desencadeaban no pobo. Un exemplo desas diatribas foron os acontecementos que tiveron lugar no ano 1900 con motivo das oposicións a unha coenxía na Catedral.

Aconteceu daquela que, sendo bispo D. Manuel Fernández de Castro y Menéndez, popularmente coñecido en Mondoñedo co sobrenome de D. Manueliño, convocáronse oposicións a unha coenxía na Catedral. Entre os opositores figuraba o cura párroco de Las Angustias de Ferrol, Lic. D. Antonio María Agrelo Barrera, natural de Cubelas (Ribadeo) e tío do que uns anos máis tarde sería cura párroco da parroquia de Santiago de Mondoñedo, José Mª Agrelo Rego, natural de Cedofeita e de memorable recordo polos seus brillantes e apaixonados sermóns en diversos púlpitos, non só os da súa parroquia, senón tamén os da mesma Catedral, e aínda de toda a diocese. Famoso orador, de quen o cronista vallibriense, Lence Santar, comentando os seus afamados sermóns pronunciados con motivo das mortes de Calvo Sotelo e do Xeneral Mola, escribiu: “El Dr. Agrelo, además de su cultura y de su elocuencia, verdaderamente notables, es hombre de gallarda presencia, de voz clara y potente y de acción pura y delicada”.

Aconteceu logo que o fallo do tribunal da mencionada oposición, formado polos cóengos, D. Julián Hervás, D. Sergio de la Vega e D. Jesús Carreiras, foi favorable a un dos contendentes, Gervasio Rodil, deixando eliminado a Antonio María Agrelo Barrera, que tivo que regresar derrotado á súa parroquia de Ferrol. Este agravio sería logo compensado, meses despois, co seu nomeamento para a coenxía de Mestre de Cerimonias.

O impacto negativo emitido polo tribunal provocou tan profunda indignación e protesta no pobo de Mondoñedo, que seguira con moita atención o desenrolo das intervencións dos opositores, que deu pé a publicación dunha violenta protesta, titulada “Historia del horroroso y sangriento crimen perpetrado en Mondoñedo por tres desalmados - refírese ó tribunal- el día 11 de mayo de 1900”. Descríbese nela a indignación popular pola tamaña injusticia cometida con Agrelo, considerando o fallo do tribunal como un claro roubo e un atropelo, describindo os feitos do seguinte tenor: “Un tribunal eclesiástico y desaprensivo por mayoría de un voto, prefirió un mequetrefe y pospuso a un sabio. ¿Pospuso a Agrelo? ¡Sí!, que también el pueblo judío pospuso a Cristo. ¡No en balde! El desaire que se dio al sabio y virtuoso sacerdote, vertió la última gota en el vaso del sufrimiento, que estaba ya rebosando, echaron fuego al barreno y se promovió la explosión. Mondoñedo recogió el guante y protesta, ¡protesta como sabe!, pero…¡vaya si protesta!, y al protestar, sin esperanza de enmienda, al protestar en vano, protesta enérgico y decisivo, ¡protesta rugiendo! y su voz de trueno es en esta ocasión una sola voz. Protesta como un solo individuo, ¡como jamás nuestro pueblo ha protestado! Y se recuerda de las pasadas oposiciones á la Magistralía, de las imperdonables felonías, de los sagrados compromisos, (bien pudiera llamarse sagrada la palabra de un Canónigo). ¡Maldito el hombre que confía en el hombre! Maledictus homo qui confidit in homine, dice el Eclesiástico. Maldito quien se fía de Prebendados, podía parodiar Agrelo, victima de sus talentos, si enhorabuena fuese tan pésimo como aparecen sus verdugos. Volvamos los ojos a tiempos no muy lejanos; es necesario recordar la notable desventaja que llevó el “danzante” al contender con Agrelo. ¡Madre de Dios! Hacía más daño entre los latines, que un jabalí dejado a su albedrío en los maizales. ¡Qué interminable serie de fútiles boticarias – ahuecando la voz y no probando nada - , qué desbarajuste, que confusión de ideas! ¡Qué significado desconocimiento de las más rudimentarias reglas de la vía logística! ¡Qué exposición de premisas! ¡Qué consecuencias de pie de banco! ¡Qué lógica más peregrina, niñas de la catequesis! ¡Fustibus est arguendum!” E continúa a mencionada publicación con expresións como estas: “Mondoñedo, estupefacto e indignado, pone el grito en el cielo. Mondoñedo probo, ilustrado, Mondoñedo siempre justo, admirador de sus legítimas glorias. Mondoñedo en pleno exclama unánime: ¡Viva Agrelo! ¡Abajo los farsantes! Agrelo no va en Ferrol, quedó grabado para siempre en el corazón de todos los mindonienses…No nació en Mondoñedo; pero Mondoñedo lo aclama su hijo adoptivo… Mientras haya mujeres bonitas en Los Molinos, no quedarán sin castigo los vejámenes que tomemos en serio los de Mondoñedo.”

Unha longa composición poética coroa a curiosa publicación, da que salienta o verso seguinte: “Hasta las piedras / de nuestras calles / quieren protestar… / Lo que te hicieron / ilustre Agrelo, / no se olvidará; / si te desechan, / bravos obreros / ¡piden justicia! / No es de razón que triunfe tanto / la pillería.”

Pro o Mondoñedo daqueles pasados tempos xa non é o de hoxe. Ese non volverá. No seminario, tan importante que o 21 de abril de 1780 fora incorporado por Real Provisión a Universidade de Santiago, xa non hai aulas. Nel xa non se le a Horacio, nin se estuda a Descartes, nin tan sequera se debaten as teses de Tomé de Aquino. Os sermóns do cóengo maxistral e as disertacións dos opositores as coenxías son historia pasada. Daqueles memorables tempos só quedan as antigas pedras dos seus nobres edificios como silandeiros rexistros da súa pasada e brillante historia e lembranza do seu vello esplendor. Do noso interior xurde con profunda e inevitable morriña aquela expresión de M. T. Cicerón na súa primeira Catilinaria: "O tempora! O mores! " Que tempos! Que vida aquela!
Rodríguez Díaz, José María
Rodríguez Díaz, José María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES