Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ernesto Guerra da Cal

jueves, 30 de julio de 2015
Casas literarias: Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Guerra da Cal naceu en Ferrol o 19 de decembro de 1911, no segundo andar do número 142 da Rúa Sagasta, hoxe Da Igrexa. Foi bautizado como Ernesto Román Laureano Pérez Guerra e o nome co que pasou á historia literaria non o confirmou ata 1945, cando xa residía en Nova York e adquiriu a nacionalidade estadounidense, o que o levou a adaptalo ao sistema onomástico norteamericano.Ernesto Guerra da Cal
Aínda que Guerra da Cal veu ao mundo na cidade ilustrada, o seu berce vivencial e formativo, a súa raiceira autorial foi outra: o val de Quiroga, nas terras surlucenses lindeiras coa ourensanía.

Celia Díaz Núñez, citando palabras do escritor, ten explicado nun traballo elaborado cando este aínda estaba entre nós ese inequívoco sentimento de pertenza:
Quiroga é para Guerra da Cal un “jardim interior que eu venho com amor cultivando, dia a dia, durante as últimas quase sete décadas, à roda do mundo”, é tamén un “Vergeul de Consolação” no que “reside o âmago mais intocado da minha mais sacra identidade”. É o “Edem da infância que levo no meu coração e nas entranhas da alma como a custódia leva a hóstia”, un “Refúgio mental, jardim de lembranças sossegado”, o seu “Paraiso interior inexpugnável às investidas e dissabores da vida”, pois é o “Paraiso infantil da memória”. Quiroga, en definitiva, forma a “Paisagem da lembrança, humana, urbana e natural que eu levo entesourada nas camadas mais fundas da alma”.

Guerra da Cal foi vivir a Quiroga sendo aínda naipelo, pois seu pai morreu cando el contaba sete meses e súa nai decidiu regresar preto de Ernesto Guerra da Calseus proxenitores, que moraban na vila luguesa. De primeiras residiu, brevemente, na casa que un seu tío avó materno tiña na Praza Maior, a chamada Casa da Tabacaleira, construída en 1898. Ben pronto marchou para outra vivenda da fronte oposta da mesma praza. No andar de baixo deste novo inmoble estudou o futuro escritor as primeiras letras con Santiago Prol Blas, tío seu, membro da RAG e celebrado rosaliólogo que residía coa súa familia no primeiro andar. Nesa mesma casa naceu, anos máis tarde, o poeta, narrador e ensaísta Eduardo Moreiras.

Mais a casa de referencia do universo literario quirogués de Guerra da Cal é o inmoble ao que se trasladou en 1914, sito na esquina da Rúa Real coa Rúa do Camiño de San Martiño de Abaixo. No primeiro andar daquela ampla vivenda residiu ata os nove anos, cando, chamado pola nai que marchara a Madrid, foi para o barrio das Delicias. Guerra da Cal no se afixo alí, sufriu unha sorte de depresión e tivo que regresar a Quiroga, onde permaneceu ata os once anos, idade á que volveu outra vez para Madrid.

Son abondosos os poemas e escritos nos que Guerra da Cal recorda e homenaxea os seus anos lugueses, pois recoñecía que “Aínda que nascido no Ferrol, sempre me considerei quirogués, pois foi aí que os meus olhos e a minha alma se abriram ao conhecimento do mundo circundante”. Lua de Além Mar (1959), Rio de Sonho e Tempo (1963) ou Futuro Imemorial (1985) recollen testemuños desta súa pequena “Pátria”, da “Morrinha de rio e lua” que sentía como unha “Saudade líquida”, lembranza de “Elegia” e “Viagem arredor de mim”, “Auto-retrato” e sentimental eterno “Retorno”.

Moito e ben teñen falado da paixón quiroguesa de Guerra da Cal os seus estudosos Joel R. Gômez (quen lle dedicou a súa tese de doutoramento), Xosé Estévez (un dos grandes pescudadores da súa raiceira estética) e a amentada Celia Díaz Núñez (quen o enxalza, con xustiza, como unha das grandes voces literarias daquel fermoso val). Tal día coma hoxe de 1994 deixounos en Lisboa. Vaian estas liñas en homenaxe ao poeta que, traspasado o medio século, aínda se lembraba de si:
"moço, correndo no vento
naquelas manhãs sem fim
Pulando montes e selvas
saltando mares e nuvens
rolando feliz nas relvas".
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES