Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (44)

jueves, 23 de julio de 2015
Ano 1937

Padroado Provisional. Sesión de 10 de xaneiro. As contas a 31 de decembro de 1936 deron como resultado un remanente de 4.248,63 ₧.
Acórdase que se renove a póliza de seguros de incendios cando remate a presente e que se contrate outra para asegurar o inmoble e os bens mobles da Fundación.

Hospital militar. Coa situación de guerra, tendo en conta que durante este ano Vilalba era localidade de retagarda da fronte de Asturias, o Padroado Provisional ofrece ás autoridades militares o edificio para hospital ó servizo dos soldados. Era o 21 de abril.
O 30 do mesmo mes xa se instala nel un servizo de enfermería e comezan a chegar os primeiros militares de tropa enfermos. Polo correspondente libro de ingresos coñecemos que o diagnóstico maioritario dos internados era de gripe, farinxite e similares, sendo moi poucos os realmente feridos en batalla. A súa estadía era breve, porque os máis graves ou que precisaban atención especializada eran desviados ata Lugo.
Segundo consta no citado libro, a partir do 17 de agosto de 1937 xa case non se producen ingresos de enfermos e polo tanto o secretario do Padroado Provisional pide permiso á autoridade militar para destinar o edificio ós fins fundacionais mantendo prazas de reserva para soldados por se o exército as precisase, como así foi, pois en novembro e decembro aínda hai algunhas entradas.
En total foron pouco máis de cen os soldados que recibiron tratamento sanitario no hospital asilo.O hospital asilo de Vilalba (44)
Padroado Provisional. Sesión de 5 de maio. Tómanse os seguintes acordos:
−Que o secretario tome contacto con comunidades relixiosas para que se fagan cargo do hospital asilo.
−Que se adquira o mobiliario preciso e imprescindible para que se poidan levar a cabo os fins fundacionais.
−Que se dirixa un oficio ó señor alcalde comunicándolle que se dá definitivamente por rematada a última prórroga concedida de cesión do edificio e que xa se toma plena posesión do mesmo.
Segundo consta nunha nota do libro de actas, o oficio foi entregado na Alcaldía o 26 de xuño.
−Que se retomen os fins fundacionais axiña que a situación o permita.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 27 de xuño. Facúltase ó contador do Hospital Asilo de Vilalba na sucursal desta vila do banco da Coruña sendo el mesmo a persoa autorizada para ingresar e retirar fondos.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 20 de xullo. O secretario, señor Cacharrón López, comunica que chegou a un acordo coa comunidade de Franciscanas Terciarias para que se fagan cargo da institución. Nos pactos figuran a manutención da cociña xeral e cincuenta pesetas mensuais para as tres relixiosas que chegan inicialmente: sor Bernardina, superiora; sor Justina e sor Ramona.
Adóptanse ademais os seguintes acordos:
- Instalar un alpendre para leña e corte na parte superior da horta.
- Construír un lavadoiro.
- Labrar e cultivar o terreo da horta.
- Pedir unha subvención de 3.000 ₧ ó Concello para o orzamento do próximo ano.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 22 de agosto. Comunícase o seguinte:
−O alcalde dá por coñecida e mostra conformidade co remate do último ano de prórroga dado polo Padroado para a instalación do instituto no edificio do hospital asilo.
−O bispo de Mondoñedo concede autorización para ter reservado o Santísimo Sacramento no altar da capela do hospital asilo.
−A xefatura de servizos médicos do 8o Corpo de Exército accede a que se continúen cos fins fundacionais do edificio e pide a reserva de prazas por se fosen necesarias.
Acórdase:
−Solicitar dos señores curas párrocos que na próxima colleita de patacas pidan deste produto como esmola para o hospital asilo.
−Solicitar unha subvención á Deputación Provincial.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 15 de setembro. Acórdase comunicar á Xunta Provincial de Beneficencia que o hospital asilo de Villalba está cumprindo cos seus fins fundacionais de conformidade coa lexislación vixente sobre o particular e estatutos desta fundación de beneficencia de carácter particular.
Recíbese a doazón de 300 ₧ da sociedade «Hijos de San Lorenzo de Árbol» que no seu nome entregou Salvador Fernández.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 26 de setembro. Entran as primeiras asiladas. Son tres mulleres, anciás pobres, desta vila: Francisca Osorio Fernández, Francisca Morado e Josefa Yañez. Fan o seu ingreso o día 27 do mesmo mes.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 18 de outubro.Consta en acta a doazón de 500 pesetas de Raquel Piñeiro, viúva de Soto e dunha «sillería con tresillo» de Carmen González de Durán.
Acórdase aceptar o ingreso como asilado de Marcelino Gayoso, por reunir as condicións das bases fundacionais.
Tamén se acorda convidar o señor alcalde e o señor cura párroco para que tomen posesión dos seus cargos de vogais natos, de acordo co previsto nos estatutos.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 20 de outubro. Constitúese formalmente o padroado:
Presidente. Eliseo Díaz Anllo.
Contador. Manuel García Olano.
Secretario. José Manuel Cacharrón López
Vocal. Antonio Fraiz Vizoso.
Vocal nato. Manuel Fraga Bello. Alcalde.
Vocal nato. Rogelio López Méndez. Cura párroco.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 20 de outubro. Acórdase que conste en acta o agradecemento ó Comandante Militar desta praza, Manuel Pena Vidal, polo interese demostrado para con este establecemento benéfico, cos donativos frecuentes de leña, patacas e outros produtos.

Padroado do Hospital Asilo. Sesión de 20 de decembro. Acórdase o ingreso como asilados de Josefa Guntín, María Antonia Ramos Cora e Jacinto Lozano López. O señor Fraiz presenta as contas de labra e cultivo da horta, de edificación para cortes e alpendre, de construción dun circundo do edificio de cemento e de reparación do valado exterior. Ascenden os traballos a 1.962,95 ₧.

† Agustín López Arias. Faleceu o 18 de abril de 1938 e contaba 72 anos. Nacera, pois, en 1864. Como xa se indicou era natural do Curbel, Santaballa, parroquia que tanto ten contribuído en favor da prosperidade da comarca. Fixo fortuna na Habana cunha xoiería, «Los Tres Hermanos» que aínda hoxe é recordada como un dos mellores establecementos da capital cubana. Deixou como principal legado para Vilalba os seus traballos, desvelos e contribucións económicas con destino a obras comunitarias. Non só traballou en favor do hospital asilo, senón que constatamos as súas contribucións económicas para a construción de edificios escolares dignos na comarca. Vaia na súa memoria este recordo que ben podería traducirse no recoñecemento permanente a un home que sempre se distinguiu pola súa xenerosidade para cos vilalbeses.O hospital asilo de Vilalba (44)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES