Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un minuto, un teléfono

lunes, 27 de julio de 2015
Podería poñerme agora a opinar sobre o discurso institucional do presidente da Xunta, no que, como era de agardar, fixo un percorrido guiado polos méritos que atesouraron no seu quefacer vital (algúns ó longo dunha extensa traxectoria como Neira Vilas ou Sánchez Salorio, outro durante unha esforzada mocidade que agora toca ó seu fin, coma David Cal ou cunha vida traxicamente fendida coma Enrique Beotas) os catro galardoados coas medallas de ouro de Galicia.

Podería centrarme, así mesmo na prudente intervención do deportista, na pousada lectura do escritor, no excelente discurso do oftalmólogo ou na emotiva intervención da dona do xornalista. Incluso case tería razón de ser unha referencia ás músicas pseudo-intimistas de Guadi Galego ou ó lirismo galaico da mezzosoprano Nuria Lorenzo. Mesmo, se quixera ser un pouco crítico, tería razóns suficientes e vagar para me deter na manía que teimosamente continúan manifestando algúns politicos, de vocalizar sen voz e sen saberen a letra -é dicir, de facer playback- o himno galego co fin de semellaren simbolicamente o amor que lle teñen á terra e, tan pronto remata a música, póñense de contado a falar sen ningún recelo co veciño ou veciña de cadeira nun castelán que evoca as maneiras máis cañís do barrio de Chamberí.

Pero non o vou facer. E non o vou facer porque denantes de dar comezo o acto protocolario, a conductora do mesmo anunciou a solemnización dun minuto de silencio destinado a lembrar a tódalas persoas que non foron quen de superar a desgraciada curva de Angrois hai xusto dous anos. Un deles, precisamente, un dos catro recoñecidos -no seu caso a título póstumo- coa medalla de ouro galega.

E no medio do silencio, como non podía ser doutro xeito, acabou por sonar o teléfono.

Eu sempre fago apostas nestes casos e por máis que os trebellos evolucionaran o suficiente como para seren denominados xa de fabrica "smart", é dicir, intelixentes, sempre acerto porque sempre, sempre, dun xeito inexorable, sempre hai un elemento inoportuno que non se sabe nunca dende onde, agarda o momento oportuno para chamar por teléfono a calquera inoportuno que aínda non deu aprendido que agora ós "smartphone", ou sexa, ós teléfonos intelixentes, con só premer na pantalla táctil xa se lles quita o son e así de contado deixan de seren, ademais de inoportunos, impertinentes.

E, loxicamente, unha vez máis tamén acertei. Logo botei unhas contas estatísticas e cheguei á conclusión de que as probabilidades de que tocara algún dos teléfonos de todos cantos estabamos alí, no curto período dun minuto, era aproximadamente de 12 a 1. Pero, coma sempre, tocou. Para escarnio do imprudente propietario e para desespero do resto.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES