Falar para escoitar. Escoitar para falar
Catoira Rey, Rafael - lunes, 27 de julio de 2015
Freud dixo aquilo de que a civilización naceu o día en que atopáronse de fronte dous veciños e se deron un saúdo en vez de lanzarse pedras.
Que sería dos seres humanos sen a discrepancia, sen a discusión, sen ese intercambio de pareceres no que se indica, non só a desavinza senón que con iso facemos ver a nosa personalidade, a nosa personalidade única que nos define pola apreciación diferente dos sucesos da realidade? E iso malia vivencias e educacións iguais e similitudes en clase social, traballo e experiencias.
E é que os seres humanos somos así e caracterizámonos por disentir na máis pequena das causas ou cousas. En todo facemos ver o noso propio criterio e trenzamos, contrastando outras e distintas opinións unha rede de comunicación na que nos desenvolvemos e coa que vivimos tan ricamente.
Por suposto que as máis das veces chegamos a acordos rematando cun sinxelo chocar de mans. Non hai moito tempo, ese apertón de mans, substituía a firmas e documentos con semellante ou meirande firmeza que un documento notarial.
Por desgraza, nos derradeiros tempos, atopámonos con acordos asinados que non respectan esa equidade na correspondencia entre cliente e provedor. Un exemplo claro témolo nos contratos bancarios nos que, banco e cliente, chegan a un acordo no que as dúas partes se comprometen a respectar as regras do xogo (Á fin todo é xogo) e se o cliente non pode facerse cargo do estipulado no contrato, pagará decontado e abondo, e o banco, se ten que perder, perderá, por aquilo de que non analizou e non cubriu dabondo as posibles perdas (É un dicir, porque reverterá esa perda en cuestión social á que fará fronte o conxunto da sociedade).
O da banca non é o único negocio que sempre gaña unha parte, pase o que pase, hai outros, poucos, pero hainos e non son os menos importantes. Para que citar o caso Castor? 1.350 millóns de euros por menear 500 veces o litoral de Castellón, non é moco de pavo; Máis que nada porque pagarémolo todos os usuarios no recibo do gas durante 30 anos. Isto chámase facer negocios e non fabricar algo en competencia con outros fabricantes e vendelo cun beneficio industrial. Hai máis casos parellos, abondan, tantos que nos afogariamos en cifras cuxo custo temos que sufragar. Mellor controlar o ritmo cardíaco.
A cuestión non está en discutir, en disentir. Do contraste de opinións, pareceres, oposición de criterios, supoñemos que naceu a mellor das nosas calidades de seres sociais. A Ágora Ateniense era centro de debates e discusións. A maiéutica socrática era e é a arte de facer chegar o coñecemento, a partir de preguntas e respostas que nos levan a outras preguntas, nun anel no que se envolven ata chegar á verdade. (A verdade esta entelequia, tan buscada, tan anhelada e tan difícil de precisar).
E así, desde aquel entón e antes, discutimos e discutimos ata chegar á banalidade destes debates televisivos onde se machucan, unha e outra vez, sen apenas reflexión, as mesmas cuestións sen chegar a conclusións. (Alguén chamaríalle a isto a antimaiéutica)
Como temos debates á mans cheas, podemos elixir un, así, ao azar, para perdernos na perplexidade. E sen ningún Maimónides á man.
Neste caso podemos centrarnos na "cuestión catalá", como exemplo do ben que está o sentarse nun mesa e tomar un café a falar e non botarse as propostas como pedras desde catapultas.
Uns din que Mas e os independentistas cataláns, usan esa arela de independencia como cortina de fume para tapar unha economía depauperada por un mal goberno.
Outros que é unha aposta contra o goberno español para acadar máis con este posible choque que co diálogo.
Estes din que teñen que someterse a legalidade vixente e que non hai outro camiño.
Aqueles, polo contrario, din que se debe cambiar a legalidade vixente para encadrar a Cataluña noutra dimensión nacional.
E así e así, ata un infinito que como o horizonte de sucesos dun burato negro, o traga todo.
Agardemos que as pedras desde as catapultas non cheguen a rachar ningunha muralla.
A miña pregunta é a seguinte: Se non saben dialogar como nos ensinou a historia que é a forma de solucionar os problemas vía acordos, son humanos?
Ás veces custa crer que actuamos como seres herdeiros dunha civilización.

Catoira Rey, Rafael