Romeiros do centro penitenciario de Teixeiro
Campo Freire, Xaquín - lunes, 27 de julio de 2015
Amig@s de PASTORAL PENITENCIARIA: Recibín unha invitación para facer presente a Pastoral Penitenciaria neste grupo de cristiáns galegos: A ROMAXE. Foi na Revista Irimia onde saíu a entrevista que Nieves Espiñeira Medín lle fixo a Andrea Lago e Ricardo Pesa, xestores da casa de acollida para os permisos a estranxeiros e xentes que non teñen familia ou con outros problemas. Lembrades? Tivo moi boa aceptación e incluso foi publicada en Madrid, creo que en Ágape. Esta casa está nA Coruña patrocinada por Cáritas de Compostela e está a facer un marabilloso labor. Parabéns para todos eles!. Hai outra en Lugo. Necesítanse algunhas máis. Por exemplo en Ferrolterra, onde hai unha grande poboación reclusa. Os evanxélicos e os de RETO tamén está a facer un bo traballo.
O Papa Francisco estanos a falar insistentemente da misericordia. E medra esta sensibilización. E, daquela, pensei eu: E logo por que perder esta oportunidade e non preparar unha saída cun grupo deles á Romaxe que é unha grande oportunidade de concienciación? Por que non pór en contacto vivo e directo estes dous mundos?, que son o mesmo. As comunidades de fe e os crentes da Galiza temos necesidade de coñecer e contactar cos irmáns residentes na nosa Comunidade e das nosas comunidades cristiás e humanas, de onde queira que veñan. Sexan os que foren os motivos de privación de liberdade. Son presos. Pobres e empobrecidos. Sen nome. Con identidades rompidas e sen estima. E iso para Xesús, o Cristo, xa é razón suficiente. Temos de sermos acolledores. E que lonxe fican os cárceres!, incluso fisicamente.
Algúns son inocentes. E todos os outros merecen oportunidades de rehabilitación reeducación e reinserción social, como di o art, 25,§ 2 da Constitución española na súa versión oficial en Lingua Galega:
As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas á reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. O condenado á pena de prisión que estea cumprindo esta gozará dos dereitos fundamentais deste capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido da sentencia condenatoria, o sentido da pena e a lei penitenciaria. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e mais ós beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ó acceso á cultura e ó desenvolvemento integral da súa personalidade.
Para os cristiáns hai máis motivacións. É unha chamada forte e grande á conversión. Os presos evanxelízannos. Son eles os que nos fan favor a nós. Acordádevos dos presos, como se vós estivésedes presos con eles, e dos maltratados, xa que tamén vós estades no corpo. (Heb. 13,3).
A nosa Igrexa naceu nas prisións: Xesús, preso. Pedro, preso. Paulo, preso. Santiago, perseguido e decapitado, etc. E as comunidades axudáronlles. Pois agora, ide e facede vós o mesmo.
Imos empezar un Ano Xubilar da Misericordia. Do mesmo xeito que a misericordia de Deus, sempre nova nas súas formas, abre novas posibilidades de crecemento no ben, celebrar o Xubileu significa tamén esforzarse en crear novas ocasións de recuperación para cada situación persoal e social, por máis que aparentemente pareza irremediabelmente comprometida. Todo isto aínda é máis evidente para a realidade carceraria: absterse de accións promocionais en favor do recluso significaría reducir a prisión a mera retorsión social, facéndoa somentes odiosa. Unha ocasión que non se pode desperdiciar. É preciso aproveitar o Ano Santo para remediar eventuais inxustizas, para sandar calquera exceso, para recuperar o que de ouro modo se perdería. E, se isto vale para calquera experiencia humana que se pode mellorar, con tanta maior razón se aplica á experiencia do cárcere, onde as situacións que se crean son particularmente delicadas. (Mensaxe de San Xoán Paulo II, para o Xubileu do ano 2000 aos presos, 4).
Isto vale perfectamente e é ben acaído para a Romaxe. Deixémonos evanxelizar tamén por esta realidade. Xa sabemos que non é a única. Pero detrás desta, hai moitas pobrezas ensarilladas con moitísimas persoas e familias enteiras de varias xeracións. Hai realidades moi duras que desde o nacemento van encamiñando a quen naceu nelas á prisión por falta de oportunidades. O cárcere é para os pobres. Se eu estivese nesas condicións o meu destino sería o cárcere. Así de cru e claro.
Os estatísticos dinnos que máis do setenta por cento dos presos son enfermos psiquiátricos. O cárcere é o lugar axeitado de tratalos? Esta responsabilidade é de toda a sociedade. Nosa tamén. Pero cómpre saber dela e coñecela. Por iso falamos dela os que nela nos movemos, aínda que non lle agrade a alguén. Por iso a Igrexa creou para todos e cada un dos crentes esta pastoral específica: a pastoral penitenciaria.
Hai vítimas e moitos medos e rabias nas que cómpre axudar a sandar. Falamos delas. Pero, sabemos ti, eu, etc., de moitos que de verdade lles axuden e axudemos ás vítimas? O delas é a invisibilización e a soidade.
Aí estamos incluídos os da Pastoral Penitenciaria, as nosas parroquias e grupos humanitarios que moitos non saben nin que existen os cárceres ou onde se ubican. Tamén é un chamado ás xentes do dereito e da xustiza. Detrás de cada papel ou expediente sempre hai persoas: delincuentes, vítimas, familias, nenos e anciáns, enfermos e estranxeiros. E tamén bastantes inocentes. E mulleres. Sabemos cantas persoas pasan cada ano polo cárcere, dun xeito ou doutro?
A prisión da muller, por ser muller, é moito peor. Ao seren menos e poucas as condicións e oportunidades son moitas menos. E isto non se sabe. Porque se fala pouco ou se despacha dicindo: As mulleres, xa sabes, son imposíbeis! E todos repetimos mecanicamente o mantra. Vivimos de formulacións estereotipadas e así xulgamos e condenamos. Que Deus nos pille confesados! Eu teño lido dunha muller á que un Señor tivo que defender: O que estea sen pecado que tire a primeira pedra!. Tal lle valeu. Se Xesús tivese mente de refráns, daquela muller, nin o nome. Algún día falaremos polo miúdo deste problema.
O Papa está moi preocupado e fala disto con frecuencia. Dixo falando ás mulleres presas de Bolivia e Paraguai que hai un problema grande na invisibilización dos pobres e dos presos, sobre todo das mulleres pobres, por parte da sociedade dos satisfeitos na que estamos moitos. Incluso os mesmos pobres, para estaren a ben co poder, coa fama, coa adoración do espírito do mal, como cita o evanxeo das tres tentacións de Xesús no deserto. Tamén ti e eu.
Os mesmos funcionarios ven isto con dor e desexan mudar as condicións estruturais. Tamén eles están a sufrir. De quen depende? A cousa é máis dos políticos. Pero estes, en xeral, viven moi lonxe e é máis doado teorizar e exacerbar pasións vindicativas. Viven de mantras. E o pobo estamos nesa mesma dinámica de xeralizacións e slogans. Oxalá que nunca nos pille a soberbia nin nos colla a mesma porta o dedo. Daquela saberemos de que estamos a falar.
Por primeira vez esta Romaxe ten o don e a oportunidade de acoller aos nosos irmáns presos. Trátase de facer presente a realidade da prisións, das persoas presas e do mundo penitenciario diante de máis de mil persoas cristiáns e facer unha lectura crente da realidade. Todos temos preocupacións sociais e de fe. E hai en nós sede das benaventuranzas do Evanxeo: Estiven no cárcere, viñestes verme e preocupástesvos por min.
Tamén se trata de crear e espertar unha solidariedade cos que traballan no cárcere e queren facer o ben. Os funcionarios tamén queren ser apreciados e facer ben o seu traballo. Non sempre os tratamos ben nin con dignidade. Xa sei que hai fallos. En todos os estamentos.
Faleino co Educador, D. Dionisio, e alí estaban tamén outros educadores. Logo co Sr. Director. Despois con D. Manuel García Souto, o capelán e Delegado diocesano noso, e con outros colegas voluntarios da Pastoral Penitenciaria aos que tiven oportunidade de ver. A idea gustou e vai collendo forza. Tamén as saídas ao Camiño de Santiago están dando froito.
Agora estamos pendentes de que de Madrid autoricen a cousa, e esperamos que non haxa problemas.
Quixeramos que a saída fose mixta. Tamén para mulleres. Vai ser posíbel? Non o sei. Xa veremos
Logo para a comida, campestre, situaremos a cada un cunha familia de acollida. Quizá pola tarde lemos un pequeno manifesto.
Comunícovolo inicialmente. Niso quedamos nas xuntanzas. Se tendes algunha suxestión falade con D. Manuel, o Párroco de Teixeiro. Eu tamén recibo no mail, pero estou algo máis lonxe. Desexamos que sexa unha experiencia modélica, que xere alegría e confianza. para abrirmos máis posibilidades de futuro. Seguirei informando.
Hoxe un dos problemas máis difíciles está na acollida á saída ao cumprir a condena total. Despois de tantos anos a desorientación é máxima. Como atopar alguén que che non torza a cara? Sen esa axudiña non é doado saír adiante. Xa veremos ata onde se pode chegar. Non se trata de forzar nada. Todo natural. Pero tampouco ocultar. Esta é unha idea que temos de saber transmitir. Todo é importante. Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo temos as nosas mans. E cando o Señor da historia chegue, ha mirar para as as nosas mans (M. Menapace).
Unha aperta
Xaquín Campo Freire.

Campo Freire, Xaquín