Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Unha cuestión de amor!

domingo, 11 de junio de 2006
A Festa da Trindade sitúanos ante o Misterio de Deus. Non para nos recluír na
actitude da vella Igrexa ( delegar nos “doutores” ante o inabarcábel, o
incomprensíbel) senón para encarnar e recrear nas nosas vidas os dons gratuítos do
Deus/Amor/Familia.

Tarefa pendente. Non podemos seguir cun senso relixioso inculto baseado en consellos
morais e tradicións de familia. Temos de ir á procura dunha “fe adulta e ilustrada”.
Necesaria formación e educación persoal da fe. Aínda que sexa de mínimos. A maioría
dos cristiáns viven nunha infantil comodidade da “fe do carboeiro” que non é
suficiente nunha sociedade plural que valora a formación en todos os campos. Tamén
no relixioso. Vivimos de verdades herdadas non vividas. Difícil poder dar razón da
fe recibida.

Crer na Trindade é crer no Deus/Familia, no Deus/Comuñón, no Deus/Amor. O Deus
cristián non é un ser solitario, distante, illado, frío e/ou indiferente. Hai que
desbotar as falsas e mesmo insultantes imaxes do deus/poder, do deus/culto, do
deus/leis (dogmas), do deus/xuíz...Serían ídolos como xa o están a ser o
deus/consumo e/ou o deus/diñeiro. Temos que desbotar das nosas vidas a fe/crenza
baseada na relixiosidade do misterio, do medo, da ignorancia, da rutina, das
prácticas relixiosas sen espírito/vida. Sen amor!

O “indescifrable misterio” desaparece con só contemplalo á luz do que nos manifestou
Xesús. Abonda con asimilar o que nos revelou e lembrar as alegorías e imaxes do “bo
pastor”, do “pai bondadoso/fillo pródigo” e reparar no xeito de actuar de Xesús.
Polo Fillo somos seus irmáns e fillos do Pai. Un seguidor de Xesús debe ser
consciente de que a dimensión afectiva, cariñosa, fraternal, paternal e tenra da
súa realidade cotiá está fundida coa do Deus Trinitario. Deus é Pai/Nai, Fillo e
Espírito tamén noso, comparte vida. Temos de ser/vivir libres para actuar desde a
filiación non desde a obriga.

“Crer na Trindade é vivir na caridade” (San Agostiño). O Deus/Comunidade mantennos
na capacidade de amar. O importante non é coñecer moitas cousas senón vivir a
experiencia do amor. Deus é amor, vida compartida, amizade, diálogo, entrega,
comuñón. Estamos feitos “á súa imaxe/semellanza”. O noso amor procede da Trindade.
Cómpre dar grazas e corresponder co amor aos irmáns. Acoller o amor para vivir no
amor.

Incomprendidas polo embrollado mundo da publicidade, un reducido grupo de monxas de vida contemplativa viven en voluntario silencio, en querida soidade e en continuada
oración. Velaí outra alternativa ao mundo das présas, barullos e evasións. Nesta día
vaia o noso agradecemento e oración cara as comunidades dos mosteiros das MM.
Bernardas de Ferreira de Pantón, MM.Clarisas de Monforte, MM. Agostiñas, MM. da
Visitación (Salesas) e MM Carmelitas de Lugo/cidade.Esta realidade é tamén
“¡cuestión de amor!”.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES