Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vista larga

miércoles, 22 de julio de 2015
Denantes de iniciar o argumentario dou por suposto e asumo a discrepancia que poidan ter ó respecto os directamente implicados, polo que lle pido, a aquel que poida ler esta columna, que considere nela unha reflexión sobre unha cuestión xeral e non unha crítica ó seu posicionamento, entre outras cousas porque é de supoñer que non todos teñan a mesma opinión e aqueles que teñen manifestado as súas reservas respecto do proxecto están máis autorizados ca min para defender esta que vou defender de contado.

Falo da Praza de Abastos de Ourense e dos recelos que estes días están sendo manifestados por algúns dos comerciantes e mesmo polos representantes do colectivo comercial, que en moitos casos seguramente levan décadas alí instalados.

Leo que o alcalde mantivo onte diversas reunións con eles e fago votos para que uns e outros cheguen logo a un acordo, pois como ten acontecido tantas outras veces cando xurde un proxecto, sexa do carácter que sexa, ó final sempre acaba pesando máis a perspectiva inmediata có proxecto de fondo e ben mais de un acabou morrendo denantes de empezar a andar, por máis que o camiño previsto para o seu futuro fose tremendamente atractivo.

Loxicamente, os praceiros e os usuarios dos postos do denominado rianxo fan ben en tratar de garantir a rendibilidade dos seus negocios para o período das obras, que seica están previstas para 3 ou 4 anos, pero logo nunca se sabe cando poden rematar.

É lícito que procuren unha garantía e a ninguén lle pode parecer mal que traten de dar pasos seguros para poder cruzar a travesía denantes de acadar o "paraíso" da renovación final do edificio.

Ora ben, igual que é lícito e moralmente defendible todo iso, tamén é certo que unha cidade tan comercial como é a de Ourense, que agora si pretende procurar o seu futuro no deseño dun proxecto turístico internacional ligado á actividade termal, coa chegada do Ave... se realmente desexa realizar a captación de parte deses beneficios xerados polo turismo termal dende a actividade comercial, exemplos ten por moitas cidades de España adiante e mesmo por outras moitas de Portugal, que souberon mirar ó futuro con altura de miras e foron quen de transformar as vellas prazas de abastos en centros de dinamización comercial certamente envexables. Non hai máis ca botar unha ollada a Santiago, Oviedo, Santander, Madrid e Barcelona ou mesmo ó Mercado da Ribeira de Lisboa e logo pararse a pensar.

Por iso sería ben que tomaran como referencia o vello lema da Garda Civil e se puxeran a negociar co Concello con paso curto, pero vista larga ó mesmo tempo co fin de que a lama dos primeiros pasos non lle ofusque o horizonte que inexorablemente terán que acadar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES