Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arredor de Fole

jueves, 08 de junio de 2006
Arredor de Fole Pasa don Anxel, e pasa un mundo

A final dos sesenta, Anxel Fole viaxaba pola costa lucense en compañía de Alfredo Sánchez Carro e Francisco Rivera Cela.
O coche no que viaxaban detívose no campamento do Frente de Juventudes de A Devesa (Ribadeo). Baixou Sánchez Carro e Rivera quedou con Fole.
Foi Sánchez Carro o que, polo servicio de megafonía, chamou: ¡Se ruega al camarada Angel Fole, que se encuentra en este campamento, se acerque al pabellón de Intendencia, donde recibirá camisa, pantalón, botas, calcetines y boina, que ha de vestir en el momento en que se integre en la formación”…
Para os compañeiros, era unha broma máis que lle gastaban ó escritor. Para el, seguro que o idioma, o lugar, a denominación de “camarada”, despertaban recordos que levaba moitos anos tentando esquecer.
Porque había cousas na memoria de Don Anxel que nunca daría desterrado. Consecuencias dos terribles tempos que lle tocou vivir ó comezo e no decurso da guerra civil, polas que chegou a padecer “pesadillas escalofriantes, verdadeiramente atroces” (Claudio Rodríguez Fer).

O terror
Na súa vida, dúas partes perfectamente diferenciadas. Antes da Guerra, e despois.
Antes da guerra, escribe en La Provincia, El Progreso, Ahora, Guión, Yunque, Pueblo Gallego, Nós, Horizontes… Foi corresponsal en Lugo da Axencia Febus, da que era director Fernando Sánchez Monreal (pai de Sánchez Dragó), asasinado en Burgos en xullo de 1936. O Fole dos anos trinta ten traballo, escribe e vive en paz.
A guerra rematou con todo. No prelo perdeuse o orixinal do seu libro “Auga lizgaira”. Pero salvou a vida.
Pertenecera á Federación Universitaria Escolar, logo á ORGA, que deixou para pasar ó Partido Republicano Radical Socialista, co que chegou a ser candidato ó Concello de Lugo. En 1935 entrou no Partido Galeguista.
Armando Requeixo comenta que afortunadamente para Fole “o Partido Galeguista, no que el militaba xusto antes da sublevación militar, foi excluido en febreiro do 36 da candidatura da Frente Popular por Lugo, co que as posibles represalias derivadas de tal militancia puideron atenuarse o suficiente como para que Fole pasase o periodo bélico agochado en Lugo sen que maiores riscos fixeran periga-la súa vida”.
No 36, o local do Partido foi asaltado, e os seus compañeiros asasinados, encarcerados ou represaliados. El mismo foi detido, e tivo que refuxiarse uns días na casa de Luis Pimentel onde “durmía vestido, con zapatos e todo, nunha cama que lle fixeron no faiado, porque estaba convencido que ían por el" (Manuel María).
“Vencido e sen recursos” (Claudio R. Fer), Fole vive varios anos coa Familia Quiroga, parentes lonxanos, onde é preceptor dos máis novos, e onde vive en paz os momentos máis duros da postguerra.

O novo Don Anxel
Daquel tempo do Incio e Quiroga saíu un novo Anxel Fole. Foi preceptor dos pequenos Quiroga, empapouse da cultura e das xentes da comarca, coñeceu milleiros de historias. E foi cada vez máis grande na escrita, na palabra e no trato.
Hai arredor de trinta anos, un día pola tarde, cheguei á redacción de El Progreso, e alí estaba Don Anxel. Aínda non nos coñeciamos de xeito directo.
Presentáronme: Mire, Don Anxel, este é o novo Alcalde de As Nogais.
El deume a man, e mirando xa para outro lado foise dicindo: Sí, Señor… ¡E eu que pensaba que a nova alcaldesa de As Nogais era unha señora!.
Eu non dixen nada, pero quedei morto de vergoña por atoparme no medio dunha dos milleiros de bromas que lle gastaban a Don Anxel naquela redacción, propiciadas polo contacto diario e a familiariade.
García Sabell fala de Fole como o “home que decote daba a impresión de estar na lúa, era un ser vixiante. Vixiante, pero entregado. Fole estaba en perfusión cordial permanente. Non tiña a reserva retranqueira que tanto nos perxudica ós demáis”.
Durante a miña estadía no Concello de Lugo coordenei o libro “Os escritores lucenses arredor de Fole”, no que noventa e dous escritores amigos e devotos se pronunciaron en relación coa obra e a persoa de Don Anxel, entrañable para todos, imprescindible na xeografía urbana lucense, que a ninguén deixaba impasible xa que, como dixo Lois Diéguez, “Pasa Don Anxel / e pasa un mundo”.
E puiden comprobar a súa sinxeleza, a súa calidade humana, o seu excelente trato.
Claudio R. Fer sinala que el “sempre desexou ser lembrado, simple e modestamente, como unha boa persoa, en consonancia co “Censo da boa xente” que ideou e do que non deixou senón o nome duns cantos protagonistas posibles, acaso porque tampouco encontrou moitos candidatos que puideran ser incluídos. É a última lección que debemos aprender dun mestre sen soberbia e sen títulos, a quen a vida non sempre tratou ben, e que como tantas outras boas persoas da súa xeneración truncada pola violencia da guerra e pola represión da dictadura, en plena xuventude ou en plena madurez, chegaron a perdolo todo, todo, menos a dignidade.”
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES