Xogar a descomplica-la vida
Cachaza Platas, Mercedes - jueves, 23 de julio de 2015
-¿Cando son máis felices os nenos?
Cando xogan
-¿A que xogan?
Xogan a moitas cousas pero preferentemente xogan a ser maiores.
Xogan a ser maiores, imitan os oficos e profesións das persoas maiores e son felices.
As persoas maiores tamén levamos o noso neno dentro e tamén nos gusta xogar.
-Xogamos ás cartas.
-Xogamos ó dominó.
-Xogamos ó xadrez.
-Xogamos á petanca.
-Xogamos ó bingo.
-Xogamos á lotería
Pero
¿Canto tempo dedicamos a xogar a descomplica-la nosa vida?
Compramos esto, compramos o outro, temos de case todo o que necesitamos ou a veces máis do que precisamos e aínda non estamos satisfeitos.
Aínda nos complicamos máis a vida como se a vida en si non tivera complicacións abondo.
Coñezo moitas persoas que dá a impresión de que andan á busca e captura de complicacións para dar lástima pola vida complicada que levan, cando realmente teñen moito que agradecer e non son dignas de lástima ningunha.
Danse casos entre os homes e maiormente entre as amas de casa que sempre se deicaron ós labores do fogar en exclusiva porque non tiveron necesidade de ir traballar fóra.
Pois non.
A esas persoas habería que obrigalas coa frecuencia necesaria a facer uns cursos de descomplicación porque:
-Non hai motivo para complicarse cando se ten saúde, cartos, amor e un fogar marabilloso.
Moitas persoas carecen de saúde e amáñanse como poden sen queixarse e incluso as hai que teñen moi bo carácter.
Moitas persoas non teñen o necesario e sofren caladiñamente os seus males.
Moitas persoas non teñen cariño nin amor de ninguén e viven no anonimato, cando terían motivos para desesperarse.
Moitas persoas viven nunha casiña moi humilde e confórmanse porque aínda hai quen ten que dormir debaixo das pontes, nos caixeiros automáticos o nas bocas do metro.
-Non hai motivos para complicarse porque querer te-la casa como unha patena cando poderían estar felices de tela como a temos outras persoas: hixienicamente limpa e punto.
-Non hai motivos para complicarse por pasa-la prancha cando moitas prendas é excusado pranchalas.
Moitas persoas andan sempre sen pranchar e confórmanse con ter que poñer.
-Non hai motivos para queixarse de ter poucos cartos cando se teñen tódalas necesidades cubertas e ben cubertas.
Outros non teñen para levar unha boa calidade de vida, pero xa dan grazas con ter un bocado de pan para mata-la fame.
¿Cómo se amañaron os nosos antepasados?
¿De quen somos fillos?
A verdade é que a lista de necesidades que se formulan algunhas persoas, é interminable.
Trátase de persoas que nunca están felices porque sempre lle falta algo.
Non son felices elas e raian o disco ás que as rodean.
¡Como somos os humanos!
Canto máis temos, máis necesidades nos creamos.
¿Cando aprenderemos a descomplicármonos?
¡Canto temos que aprender dos países pobres que carecendo do necesario e sempre teñen un sorriso nos seus beizos!
O que máis impresiona ós misioneiros e a persoas que se embarcan nunha ONG, non é a miseria dos países que visitan.
O que máis lles impresiona é que saben valorar o pouco que teñen e son felices con calquera cousa.
Son persoas sumamente agradecidas e como non poden pagalo doutra maneira, pagan cun sorriso de orella a orellla.
Nós, os que temos a sorte de habitar en países que ocupan os primeiros postos de benestar no mundo:
¿Por qué non valoramos os logros conseguidos?
¿Por qué os nosos nenos non valoran os xoguetes?
¿Por qué os estudiantes derrochan o material escolar?
¿Por que se ven cousas en moi bo uso nos contendores do lixo?
¿Por qué?
¿Por qué?
¿Por qué..?
Porque temos que descomplicármonos
Teríamos que comprender que A VIDA DANOS O SUFICIENTE.
Teríamos que comprender que non hai pouco que non chegue nin moito que non se gaste.
Teríamos que saber xestionar e administrar correctamente os bens que podemos alcanzar según as circunstancias de cadaquén sen compararse con ninguén, porque cada pobre amaña a súa vida como pode.
Porque se temos sentidiño, se nos descomplicamos: A VIDA DÁNOS O SUFICIENTE
Ese será o título do seguinte artigo.
Grazas por terme na súa consideración nesta ocasión.
Aburiño.

Cachaza Platas, Mercedes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora