Á praia coa Fundación María José Jove
Santalla, Iago - miércoles, 22 de julio de 2015
Este ano teño a oportunidade de participar no programa de praia adaptada que desenvolve a Fundación María José Jove. Trátase dunha organización moi activa a prol da inclusión das persoas con diversidade funcional na vertente do ocio e da saúde.
Durante o inverno ofertan vela adaptada e piscina. Moitas persoas con diversidade funcional estamos intentando aprender a nadar con eles e isto supón a miúdo a realización do único deporte que podemos facer.
Tamén hai que dicir que estas actividades realízanse sempre de balde para os/as usuarios/as e baixo unha filosofía emancipadora que persegue acadar a máxima autonomía de cada persoa dentro das súas características. Isto require unha atención individualizada na que cadaquén marca o seu propio teito.
Na praia de Oza fan a actividade de verán. Coido que seleccionaron este areal polo seu carácter recollido e pola ausencia case total de ondas. O traballo dos monitores é duro, xa que das 12 ás 18 horas atenden distintas quendas nas que as persoas con diversidade funcional teñen a oportunidade de gozar da praia e do mar. A fundación pon todo o material. Pechan no areal un espazo o suficientemente amplo e poñen cadeiras de praia ao redor podendo elixir tamén tombarse na toalla. Fan zona de sol e zona de sombra acomodando a cada persoa segundo a súa preferencia.
Para a auga contan con churros e xuntas de cortiza que facilitan a flotación e por suposto cunha cadeira anfibia para achegar aos usuarios ao mar. Tamén hai a opción de ir dar un paseo pola praia porque trátase de que as persoas gocen do entorno e do verán o máis libremente posible.
Velaquí outra iniciativa inclusiva na que ocio e saúde se unen a prol do benestar estendendo o pracer do verán ás persoas diversidade funcional.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora