Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De pura cerna (39)

martes, 21 de julio de 2015
…/…
-II-

Do Vedado á Gran Vía

Singraduras:
Da muiñeira á rumba, e da rumba ao chotis.
Música e bágoas, unhas veces ás duras e outras ás maduras,
aínda que sen perde-las esperanzas!



Da rumba ao chotis
Te persiguen corceles
de espuma malograda
y en cárceles marchitas
vives días lentos.
Nadie sabe de ti,
ni de tu nombre en cifra.
Pero un día tal vez
despertaré soñándote
hacia ríos en curva
que no alcancen los mares.
…
Basilio Fernández, Premio Nacional de Poesía 1992


¿Catro, ou cinco?

Cuba, aquela Cubanacán dos, ¿indios?, aqueles aborixes dos que xa non De pura cerna (39)quedaban máis que breves indicios, po de museo, era, seguía sendo, polos anos trinta do século XX, un lugar xeograficamente céntrico; céntrico e ben centrado; temperán e temperamental, grato e acolledor, en moitos aspectos, maiormente para aqueles gringos do dólar que, con ou sen aquel crac bolsístico do 29, que por certo colleu á nosa Herminia cos valores agochados, realizados, transportados e transformados en depósitos bancarios, concretamente en Coruña, tiñan alí cerca, ben cerca, ¡demasiado cerca!, na erótica, na verde, na fabulosa Illa do Caimán Preguiceiro, que non Durmido, o seu balneario perpetuo, válido para tódalas estacións do ano, e a prezos, para eles, para os gringos, de auténtico saldo, de auténtico remainder.

Con aquela concorrencia de factores rendibles, positivos: Produción, clima, turismo de amplo espectro, xolda orxiástica, bulla latina..., toda a Illa, pero en particular a súa capitalidade, La Habana, acadara un benestar xeneralizado, e iso a pesares do desvalixamento, sucesivo, ininterrompido, e incluso progresivo, da nación amiga; ou mellor aínda, máis en concreto: de certos listiños da nación..., ¡protectora!

Pero as revoltas, as inquedanzas, fosen dos patriotas ou dos, Apártate, que chegou o Amo, tamén sucesivas, ininterrompidas, in crescendo, afectaron bastante, moito, producindo auténticas crises aos establecementos dalgunha significación, fose en razón da súa clientela ou dos seus provedores, nun xogo de relación altamente politizado, e progresivamente corrupto: ¡unha para ti, dúas para min!

Sam, o Tío Sam, buscaba afanosamente, de ano en ano, ¡ou incluso antes!, para presidi-la súa Illa, un home feito de encargo, ¡para o cargo! Un figurón de palla; leal e dúctil, asemade, pero que tivese un certo carácter, unha certa imaxe, para que fose capaz de controlar as subversións de orden interna, sen deixar por iso de franquearlles, de par en par, ¡aínda máis!, cara ao futuro, aquela economía doce, fácil, de panal de rica mel, pero con cen mil moscas, cunha lexión de libadores dispostos a gozar, ata o mesmísimo orgasmo, de canto houbese, absolutamente todo, en particular bailarinas, que era o deporte de moda para os americanos, o sibaritismo máximo, a superación daquelas meseras, tan vulgares e tan..., ¡macizas!

Este tipo de home, ¡o home de Washington!, dócil, manirroto cos amigos e cruel cos inimigos, idóneo para aquelas tarefas, naquelas facetas sui generis, foi Batista, o inefable Batista. Por entón, naqueles anos da crianza da Neviñas, este enfant terrible tamén se estaba criando, formándose, ou máis ben deformándose, ¡cos seus galóns de Sarxento!

Naquelas confusións, naquelas inseguridades, con unha desestabilización crecente, de nada serviron, senón todo o contrario, aqueles métodos tiránicos, cesáreos, arbitrarios e arribistas, de vaivén, do Xeneral Machado. A Administración caeu, decaeu; e seguiu caendo, afondando e afundíndose con toda clase de corruptelas. O azucre e mailo cobre, tamén; pagado polos gringos a un prezo irrisorio. Así que Machado quedouse sen fío, sen corda, tirado polo chan; e en agosto do ano 1933 fixo ¡plof!

Daquela, con este furacán político, ademais dos outros, todos os que tiñan algo que perder, por moito que estivesen gañando en Cuba, sentíanse incómodos coa acumulación de inquietudes, sumadas, no caso concreto da nosa xente, ás peripecias e aos perigos que xa levaban sorteados; sen o seu patriarca, sen o boticario, sen aquel home tan prudente, Bernabeu...; e para máis desmoralización, con tía Merche ausente, en Pinar del Río, na finca duns parentes seus, porque fora incapaz de soporta-las señardades daqueles lugares das súas mellores lembranzas... Por parte, Nica, Nicasio, novo patriarca da familia, fíxolle caso, coma sempre, ao matriarcado daquelas entrañables curmás, das que se sentía responsable, varudamente responsable: ¡Cabeza de familia, que se dicía entón!

Na parte positiva, na da esperanza, aquela nena, aquela filla brava, postiza, medraba, entre tanto, esplendorosa, ao estilo tropical; quere dicirse, tal que unha palmeira: ¡grácil, pero resistente; forte, sa e linda; esperta, estudosa e, sobre todo, preguntona! Un encanto, unha promesa, unha solución futura, para todos, que xa pronunciaba, con todo agarimo, aquela verba, para ela tardía, ¡Papá! E o Nica, aquel pai postizo, con iso..., ¡babexando! Os apuros estaban nas súas preguntas, naquela tensión indeclinable, orixinada por aquel diluvio de enquisas, que xa parecía que llas deparase o mesmísimo diaño:

-Papá, díxome a madriña que nos imos para España, os catro..., ¡pero que se quedan en Cuba as tatas, Aída e Agar, que van seguir aquí, as dúas, no restaurante...! ¡Pois non é así, que eu tamén me quedo, con elas, que lles teño medo aos barcos, que me dixo a madriña que son tan lixeiros coma a xente que anda neles..., e que, de cando en vez, vanse a pique!

-Neviñas, non, iso non, que así non te podo subir ao Miradoiro; xa sabes, aquel monte do que temos falado, que desde alí vese Cuba...

Pero o “papᔠquedouse sen alento co retruque da nena:

-¡Iso é imposible; estás nun erro, pois en Cuba xa estamos, e desde aquí nunca vin ese Miradoiro! Se ti me ves, eu tamén te vexo, á recíproca; ¡e do que non, non!

Aquelas obxeccións da cativa, precursoras dun espírito crítico, analítico, e dun carácter singularmente forte e irredutible, sacaban do seu equilibrio ao Nicasio, pero máis aínda á Neves, que lle botou unha arenga, outra, tal que se a nena entendese:

-¡Mulleriña, calma, que aínda non o sabemos! Eu maldito se o sei, e teu pai, ídem de lenzo, que agora non temos ao teu padriño, ao señor Bernabeu, que era o que nos aconsellaba, así, nas dificultades, coa experiencia dos seus anos, e co ben que entendeu esta Cuba do diaño, que xa me gustaría chamarlle o Caldeiro de Pedro Botero: ¡Quentura, auga..., e diabos! ¡Igualiño que no inferno!

Pero a obstinación da nena era de antoloxía, un Merton redivivo:

-Entón que se quede a madriña...; ¡quedámonos nós, as catro, e vosoutros ídesvos, pero só un mes, eh! Unha excursión de ida por volta, que en España neva, e se volvedes pronto, igual librades...!

-¡Uiih, esta cativa, por onde sae! Túa madriña quéreche moito; tanto, que te quere levar lonxe, ao noso país, ¡maiormente para apartarte destas leas da política...!

-¡Eu non teño leas, que non teño voto, aínda non; e se non teño voto, non teño política!

-¡Puñeteira; cómo mesturas os allos coas cebolas! A ver, Nica, que che paso este touro...; ¡bótalle unha lazada!

Pero ao Nicasio non se lle daban demasiado ben aquelas lides domésticas, educacionais, así que a nena, co campo libre, desafogouse:

-Papá, eu non teño medo, ¡a nada! Figúrate que incluso durmo sen luz... ¡Daquela quedámonos, e xa está!

-Cando túa nai che contou aquel conto dos lobos, daquela si que te asustaches; ¿non si, Neves?

A cativa ía do toxo á xesta, con unha imaxinación desconcertante.
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES