Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É o federalismo unha solución?

lunes, 20 de julio de 2015
Enténdase en España. Empecemos por apuntar algunhas ocorrencias deste escribidor cara a certas cuestións relativas ao FEDERALISMO, que, segundo parece, ten no seu proxecto programático o PSOE. E a este propósito tal vez non estea de máis lembrar que en EE.UU., a este mesmo sistema, Reagan y Bush, introduciron importantes retoques nos principios políticos que regulaban a distribución do poder no sistema americano.

O New Federalism de Reagan quixo descentralizar o poder federal, devolvendo poderes locais asumidos polo goberno federal. Ambos presidentes citados tenderon, cando menos, a limitar os poderes federais, e penso que sería para evitar algún conflito que tamén se producen nos estados federais. Vostedes dirán que iso é normal; pero lévanos a pensar que non só eses conflitos adquiriron certa envergadura, senón tamén que a adquiriron no seo dun estado federado, que non se revela como unha panacea.

En España xa houbo máis chamadas a unha revisión constitucional de corte federalista, para buscar sosego a certas Autonomías, e nesta liña hai que recoñecer que estivo o PSOE: Lembremos as propostas de Almunia, e o relatorio que defendeu Filipe González para converter o Senado nunha Cámara das Autonomías, nunha cámara de representación territorial: Reconverter o Senado en clave federal.

Por que, pois, non se fixo?. Parece, segundo algunhas opinións documentadas, que o Congreso non estivo pola labor. Era de supoñer, xa que ía perder certa importancia. Como ven, amigos lectores, nin tan sequera entraron en xogo razóns de conveniencia, ou non, para o pobo, que tivo unha boa ocasión para reflexionar o mal representado que estaba, e non tanto porque non fora adiante o relatorio do señor Presidente, canto pola ausencia e considerada irrelevancia desas razóns.

Supoño que se trataba de abrir canles con vistas a que tiveran participación as CC.AA., que desexan tela, na UE.

Pero o grave problema que temos os españois cos nosos partidos políticos é que un día din unha cousa, e contradina, ou apéanse dela, ao día seguinte: Son a incoherencia personificada nunha entidade política!. E digo isto, porque o mesmo PSOE sostiña que o “principio de igualdade como un valor constitucional superior debe conformar todo o sistema de financiamento autonómico, e...tiña razón, constitucionalmente falando; pero o que non se pode e querer facer valer, ao mesmo tempo, unha certa descentralización.

Deixemos, por un momento, todas estas cousas domésticas, e digamos que a introdución do federalismo a estas alturas contextuais vai acusar os impactos da globalización económica, cultural, xurídico–penal, etc., pois o mesmo goberno central vese na necesidade de transferir funcións a entes supra–estatais, perdendo, incluso, poder económico, de presupostar libremente, de defensa, de medio–ambiente, etc. (Pensemos en Grecia).

É dicir, xa non se pode falar dunha soberanía absoluta, e todo isto fai moi difícil saber como quedaría o goberno supra–nacional no caso dun federalismo, cunha soberanía compartida, no caso de España coas CC.AA. (ou estados federados), con entes con funcións supra–estatais. Aquí xorden unha serie de preguntas, fáciles de facer, pero difíciles de contestar con eficacia pragmática, tales como as seguintes:

-Que participación poden chegar a ter os poderes rexionais e locais na economía internacional?.

-Van poder axudar a resolver problemas globais en xeral?.

-Como se resolve o problema de que cada estado leve unha voz única os organismos supra–nacionais?.

-Ata onde se pode regular as relacións, en España concretamente, con matizacións asimétricas, entre os supostos estados federados?, volvendo o noso caso.

-Que garantía hai de que dentro duns anos, a existencia de identidades caprichosa e egoistamente configuradas, non desencadeen tendencias separatistas, poñendo en perigo, de novo, a unidade nacional do Estado Federal?.

-Cabe deseñar en España un sistema federal que compartan todas as forzas e movementos políticos (que non son poucos, e diversos!), tendo en conta, a maiores, os obxectivos de soberanía en Cataluña, País Vasco e Galicia, unha especie de co–soberanía?.

-Estarán os españois a favor desa reconversión federalista, incluso asimétrica, despois das incompetentes torpezas do señor Mas, sobre todo tendo en conta que no sistema actual os abusos asimétricos poden ser corrixidos, e non así no federalista?.

-Pode considerarse intelixente e prudente politicamente furgar na estrutura do Estado dun país cunha tradición histórica tan preñada de eventos políticos inestables, precisamente cando todo fai pensar na existencia dun síndrome que, cando menos, non augura esperar un futuro sosegado?.

Señores lectores, laméntoo, pero intúo que os españois cansámonos de vivir en paz. Deberíamos reflexionar un pouco máis sobre o noso pasado. E tampouco non nos sobra vontade solidaria nas dúas direccións. Explícome: Solidariedade na achega para axudar ás autonomías menos favorecidas; pero tamén solidariedade destas, coas que máis achegan, esforzándose en acadar niveis elevados no ámbito económico e financeiro, na cultura, e, incluso, na comprensión de que non se pode vivir sempre apoiados no esforzo dos outros, aceptando así un grao razoable de asimetría no trato: Deberíamos sentirnos solidarios tamén cando o principio de solidariedade non nos favorece...!.

Os cambios son necesarios, e hai que introducilos; pero non desde ambientes de crispación que inducen a pensar ós que os desexan ( e tal vez os necesiten) que só se acadan desde a imposición, a argucia e, incluso unha dose de violencia e teatralidade; e os que os refugan, que non son necesarios. Desta maneira, uns e outros perden a verdadeira perspectiva da realidade.

Como dicía don Antonio Maura, as reformas, as transformacións, deben ser, nun estado constituído, pensadas desde arriba e impulsadas desde abaixo; pero é mester descartar que “os de arriba” non teñan a capacidade de reflexión comprometida por intereses ideolóxicos, e os de abaixo non o fagan cunha visión parcial da realidade sociolóxico–política: Non debería confundirse formación ideolóxica con interese, nin impulso con estratexia.

Reitero que non me considero capacitado para dar consellos aos reformistas, aínda que si para someter as miñas modestas opinións ao tribunal do tempo histórico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES