Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cámara de tortura. Non, grazas.

domingo, 19 de julio de 2015
Algúns dos vosos coñecidos ou amigos están quizais de vacacións. Ó mellor tamén algúns de vós, aínda que non vos teñades desprazado de Vigo. O descanso tras o traballo e as diversas ocupacións é sempre bo. Por algo se di tamén, aínda que habería que ver a maneira de entendelo de maneira axeitada, que Deus mesmo no sétimo día descansou, é dicir, que acougou da obra ben feita da súa creación do mundo. Dese mundo ó que pertencemos todos nós.

Aínda que a min en particular non me gusta estar man sobre man, sen deixar de facer sempre algunha cousa, recoñezo que a todos nos fai falla ter tempos de acougo, de tranquilidade, de reflexión, de vérmonos cos demais, de atendelos e escoitalos aínda que poidamos ser da opinión de que pouco ou nada iriamos nós aprender deles ou mesmo eles de nós. Non nos esquezamos de que o mesmo noso Deus cristián non é un solitario, pechado na súa unicidade esencial, senón a plenitude dunha relación trina que chamamos a Santísima Trindade. A Trindade misteriosa e marabillosa da unidade entre Pai, Fillo e Espírito.

Todo isto vén a conto de que no Evanxeo deste domingo se nos fala tamén do “descanso”. Xesús enviara os seus apóstolos e discípulos a anunciar a súa boa nova. Fixérono o mellor que puideron ou souberon, procurando anunciar a Xesús con liberdade e humildade, apoiándose non en ningún poder ou prestixio social ou económico, senón unicamente na sinxeleza e grandeza dunha mensaxe incribelmente alegre e ilusionante, a “alegre nova” de Xesús. Pois ben, para Xesús calquera que anuncie o evanxeo exerce un traballo. Coma os demais, é tamén polo tanto un traballador que realiza unha obra, unha boa obra. Merece en consecuencia tamén o seu descanso. “Vinde vós sós –dilles Xesús- a un lugar arredado, e descansade un pouco”.

A intención desde logo era boa, mais as proxectadas “vacacións”, que de por si serían xa ben curtas, acabáronselles axiña a Xesús e mais ós apóstolos, porque ó desembarcaren con este fin (coma se fixesen o traxecto pola ría desde aquí a Cangas) alá estaban xa as multitudes esperándoos. Multitudes, das que se nos di que eran “como ovellas sen pastor”. Precisadas polo tanto do anuncio e da paz do bo pastor. Non se podía deixalas sen apoio e protección.

Mais se os apóstolos non acadan atopar a conveniente paz e tranquilidade, é dicir, o acougo do que non lles viría mal poder gozar un chisco, polo menos teñen o consolo de anunciaren algo que dá ilusión e alegría ás multitudes e polo tanto tamén a eles. Unha mensaxe de paz, dunha paz fonda e vivificadora, que é a condición de toda obra ben feita e a base fundamental de toda a boa nova de Xesús. Esa paz que anunciaran tamén os anxos no nacemento de Xesús: “Gloria a Deus no ceo, e PAZ a tódalas persoas de boa vontade”. Esa “paz” á que se nos convida liturxicamente en tódalas eucaristías dos domingos tras invocarmos o Señor dicindo: “Señor Xesús Cristo, Ti dixécheslles ós teus Apóstolos: déixovolo miña paz, dóuvolo a miña paz”.

É isto mesmo o que nos vén dicir Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: Cristo Xesús -dinos Paulo- “é a nosa paz.... El veu e anunciou a paz, paz para os de lonxe e para os de cerca”...

Por que “paz”? Porque Xesús é quen nos descubre o misterio dun Deus Pai de todos, que no seu Fillo Xesús, convertido en irmán noso, e na forza do Espírito Santo quere facernos partícipes a todos da paz e do amor que habitan no interior de Deus mesmo.

Tamén a Primeira Lectura nos axuda a darlle á nosa Eucaristía de hoxe este aire de paz e de tranquilidade, que é, como vedes, algo moi importante para un seguidor de Xesús. Nesta primeira Lectura o profeta Xeremías critica os pastores que espantan as ovellas ou lles fan, dunha ou doutra maneira, perder os ánimos. Efectivamente, Xeremías denunciaba a aqueles pastores que, en vez de coidaren agarimosamente das ovellas, “escorrentábanas” e “espantábanas”: “Vós espantades as miñas ovellas, escorrentádelas e non coidades delas: ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos”. Xeremías anuncia neste sentido que o Señor “constituirá pastores que as apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten, nin se perda ningunha das ovellas”. O futuro Xesús sería, como ben sabemos, ese “bo Pastor”. Así o afirma el de si mesmo. Un pastor que exerce a súa función, como nolo recorda Paulo na súa carta ós Efesios, non baseándose na antiga lei “de mandamentos e normas”, senón na lei viva e interior do amor que el nos anuncia e ofrece e que está dirixida á construción dunha “nova humanidade”.

Mais semella que iso de “espantar as ovellas” continúa aínda a ser unha tentación á que ás veces se sucumbe, cando o Novo Testamento leva, teoricamente alomenos, bastantes séculos de funcionamento. Unha pequena anécdota. Hai xa ben de anos que me contou un parente meu, xa defunto, que cando era mozo traballara bastante na construción desas antigas e cativas estradas galegas nosas que teñen moitas curvas, porque daquela non había aínda as máquinas de agora. Pois ben, como era ano santo foise confesar alá polos anos trinta do século pasado á cidade do Apóstolo. Mais ó lle comentar ó confesor que el era un obreiro, quen o escoitaba no confesionario aproveitou a ocasión para lle dicir que os obreiros eran os culpábeis dos males do país. Era este un xeito de espantar as ovellas... Naturalmente, non o pasou nada ben neste seu encontro penitencial.

Algo de razón terá neste sentido o papa Francisco cando hai pouco, no seu importante documento eclesial “A alegría do Evanxeo”, nos dicía o seguinte: “Lémbrolles ós sacerdotes que o confesionario non debe ser unha sala de torturas, senón o lugar da misericordia do Señor”. Tema este, o da “misericordia” de Deus, moi querido para o papa actual, entre outras motivos porque precisamente hai algúns meses anunciou el que dedicará a este tema (o da “misericordia”) todo un “ano santo”, o próximo ano 2016.

Aproveitemos, pois, este tempo xa máis quentiño e tranquilo do verán para medrarmos neste espírito de paz, de comprensión, de amor , de “misericordia” ó que nos chama a boa e alegre nova do Evanxeo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES