Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xentes de aquí e de acolá

sábado, 18 de julio de 2015
É de supoñer que a estas alturas da semana a alcaldesa de Madrid xa terá recibido por activa e por pasiva, por correo electrónico e por correo postal, por sms e por whatsapp, en galego e en castelán, a información suficiente para decretar o borrado do nome de Álvaro Cunqueiro da xa famosa lista do escarnio e xa terá mandado, cando menos verbalmente, que á placa do escritor de Mondoñedo non se lle toque nin ó primeiro parafuso. É de supoñer...

Malia todo e porque llelo prometín a uns amigos -admiradores todos eles do creador das Terras de Miranda- cos que xantei a pasada fin de semana cando eu non era coñecedor aínda de que algún ignorante arroutado con poder recente de sinatura administrativa en Madrid decidira retirar o nome do escritor mindoniense das rúas madrileñas, predispóñome a escribir sobre ese afán falsariamente revisionista (si, xa sei que hai outro ben diferente, co que comparto moitos pareceres) que continúa a pretender reescribir a historia dende unha perspectiva tan miope como indocumentada.

Para elo botei man das "xentes de aquí e de acolá" que había tantos anos que me descubriran un universo humano sen par, entre cuxa fauna estaba seguro de que había dar con algunha histriónica carauta que arremedase a aquel -ou aquela- que, farto de poder municipal decidiu que era hora de "fusilar" a memoria do mentor das "mil primaveras para a lingua galega".

E como os libros sempre ofrecen sorpresas e con frecuencia recompensas, despois de reler algunhas lambetadas literarias coma a do Rello de Pontemil, que non sabía xogar ó subastado e tampouco ler nin escribir, coma a do Louredo de Hostes que mercara uns anteollos para soñar, ou a do Felipe de Francos que puxo unha chaqueta dun mouro e case morre soterrado, a lapela da contrapáxina amosoume unha vella folla da revista "Esfera" do sábado 26 de xuño de 1999, que probablemente gardei alí cando a lin e na que Francisco Umbral degrañaba un perfil certamente singular de Álvaro Cunqueiro que paga a pena traer a colación nestes intres.

Como botón de mostra, velaí vai a entradiña: "Nunca estuvo de moda. Erudito en los usos del ajo, las heterodoxias del latín, los males de las mujeres y el hongo de las hemerotecas, Cunqueiro fue el primero en jugar con la realidad desrealizada. Si hubiese sido suramericano habría llegado al Nobel o muy cerca".

E con respecto a Madrid, así escribía Umbral, de Cunqueiro: "En Madrid hacía el recorrido de las redacciones, las editoriales, los cafés literarios, y luego volvía a Mondoñedo o a Vigo convencido de que todo en Madrid era irrealidad, racionamiento o mentira".

Se cadra, o que redactou a lista "rueiricida" debería empezar por ler a Umbral. E despois, de ter vagar e -cousa que dubido- “anteollos para soñar”, a Cunqueiro.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES